A autocita da Xunta para a vacinación da COVID: menores de 30 anos e maiores que perdesen a súa quenda

Traballadoras do Sergas, no inicio da vacinación masiva na Cidade da Cultura (Santiago) CC-BY-SA Sergas

Dende o 5 de xullo e só para persoas aínda non incorporadas á vacinación masiva por mor da súa idade ou que perdesen a quenda na que recibiron a cita para se vacinar. Na liña do avanzado nos primeiros días de xuño, a Xunta prevé ter en marcha o vindeiro luns o sistema de autocita a través de internet para a vacinación contra a COVID-19 dos grupos de idade máis mozos.

A Xunta prevé ter activo dende o 5 de xullo o novo sistema, que convivirá coa citación ordinaria mediante SMS por orde de idade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este xoves tras a reunión semanal do Consello da Xunta a data prevista para a posta en servizo do sistema. Tal e como avanzara Sanidade nas últimas semanas, non substituirá a citación ordinaria a través de mensaxes SMS por orde de idade. Será empregado para "encher ocos" nas xornadas de vacinación con persoas "que non estean dentro da campaña activa de vacinación", porque xa pasou o seu grupo de idade ou porque aínda non chegou a el, segundo aclara a Consellería.

Instalacións para a vacinación contra a COVID-19 en Expocoruña, o pasado maio CC-BY-SA Sergas

Sanidade ten pendente de definir o límite inferior de idade para o sistema de autocita; noutras autonomías está a fixarse nos 16 anos e o conselleiro indica que, "en principio", será dende os 18

Deste xeito, dado que o día 5 xa estará en marcha a vacinación do grupo de 30 a 39 anos, será a poboación menor de 30 a que poida anotarse para ser citada neses ocos das axendas de vacinación, antes da que sería a súa quenda por idade. Resta saber, non obstante, cal será o límite inferior de idade. Noutras comunidades autónomas está a fixarse nos 16 anos, dado que o grupo de 12 a 16 será vacinado ás portas do comezo do curso. Preguntada ao respecto tras o anuncio de Feijóo, a Consellería sinala que ese é un dos axustes pendentes de concretar antes do lanzamento da nova plataforma. Este venres, o conselleiro indicou que, "en principio", será dende os 18.

O outro grupo de persoas que poderán acceder á autocita son as que ata agora veñen sendo citadas por segunda vez na que a Xunta denomina como "repesca". Isto é, as segundas citacións a persoas maiores de 39 anos que, por diversos motivos (por exemplo, non poder acudir á hora e día previstos) aínda non foron vacinadas co grupo de idade ou profesional no que foran incluídas.

Feijóo di confiar en que ambos sistemas se "acoplen" sen problemas e sirvan para axilizar o proceso de vacinación. A velocidade da inmunización e o acceso á autocita seguirá dependendo tamén en todo caso, evidencia, da cantidade de doses dispoñibles.

A metade da 'poboación diana'', coa pauta completa

A Xunta avanzaba a introdución deste novo sistema na seguinte fase da vacinación poucas horas antes de que os datos oficiais do Ministerio de Sanidade ratificasen que, o pasado mércores, Galicia acadou o fito simbólico de ter máis da metade da poboación destinataria da campaña de vacinación (agora, todas as persoas maiores de 11 anos) coa pauta da inmunización xa completa. Son, concretamente, 1,23 millóns de persoas que xa recibiron as dúas doses das vacinas de AstraZeneca, Pfizer-BioNTech ou Moderna, ou unha única dose de Janssen.

Cun ritmo dunhas 31.700 doses administradas cada día dos últimos sete, o Sergas leva postas 2,85 millóns de doses de vacinas dende o comezo da campaña. Son o 96,7% das recibidas ata o mércores, uns catro puntos por riba da media estatal. Un total de 1,64 millóns de persoas recibiron cando menos unha dose de vacina, o que supón case o 68% da poboación diana

O avance máis significativo na última xornada completa, na que se administraron case 27.000 doses, foi nas pautas completas no grupo de idade de 40 a 49 anos. En apenas vinte e catro horas, este grupo de poboación pasou dun 19,8% con pauta completa a case un 25%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.