O gromo importado de Mallorca impulsa a incidencia da COVID en Galicia e axita a vacinación masiva

Zona de realización de test da COVID no aeroporto de Alvedro, nunha imaxe de arquivo do pasado marzo CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

O Servizo Galego de Saúde notificou este mércores, 30 de xuño, 162 novos casos da COVID-19. Son os rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes. Nesa xornada, a do martes, o Sergas realizo un cribado á pasaxe do voo que aterrou no aeroporto de Santiago traendo consigo un grupo de 49 estudantes atinxidos polo gromo orixinado nas viaxes estudantís a Mallorca. 

Ese cribado -cun 100% de participación no caso dos estudantes- consistiu en 86 probas PCR entre as máis de cen persoas que viaxaban. Case a metade (49) eran os participantes na viaxe de fin de curso. Dese cribado saíron 49 positivos, un resultado que Sanidade considera elevado.

49 das 86 probas PCR realizadas á pasaxe do voo na que volveu a Galicia parte do alumnado procedente de Mallorca deron positivo; 33 son estudantes e Sanidade rastrexa os vencellos das outras 16. Os casos directamente ligados á viaxe en Galicia xa son 155

O Sergas especifica que 33 destes casos son directamente parte do surto inicial da viaxe estudantil. Mentres, estuda os vencellos dos outros 16 pasaxeiros que deron positivo para concluír se algún deles pode estar ou non ligado co mesmo foco. En calquera caso, como marcan os protocolos, toda a pasaxe do avión -agás o persoal de espazos illados como a cabina de pilotaxe- é considerada contacto estreito e, daquela, terá que gardar corentena. A Xunta non especifica a orixe da decisión de trasladar os estudantes a Galicia nin de facelo nun avión con outras persoas. O Goberno galego responde do decidido "en Galicia", resolveu Sanidade. 

Este episodio, detallado este mércores en rolda de prensa e en aclaracións posteriores por parte da Consellería de Sanidade, pode ser un bo resumo da nova fase da pandemia en Galicia. É a que reflicten os datos de incidencia dos últimos días, impulsados polo gromo importado e tamén por outros focos locais e con novos casos que se detectan, sobre todo, entre persoas de grupos de idade aínda non incorporados á vacinación masiva, os máis mozos.

"Está variando onde temos os positivos" e o dato "vai da man da poboación á que temos vacinada", resume a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán. Boa mostra disto son os datos de incidencia acumulada por idades que o Ministerio de Sanidade vén de incorporar aos seus balances diarios da evolución da pandemia para o conxunto do Estado, se ben esa información en bruto xa era divulgada dende o Instituto Carlos III, dependente dos ministerios de Sanidade e Ciencia.

A incidencia acumulada a 14 días nos grupos de idade de 12 a 19 e de 20 a 29 anos duplica amplamente o dato global de Galicia, situado na contorna dos 54 casos novos por cada cen mil habitantes

Tras os ascensos dos últimos días, impulsados polo devandito gromo importado, a incidencia acumulada a 14 días para o conxunto de Galicia rolda os 54 casos novos por cada cen mil habitantes -o dato do Ministerio para o día 29, pechado horas máis tarde, rolda xa os 57-. Os grupos de idade nos que a vacinación está máis avanzada (de 50 anos en diante) están moi notablemente por baixo dese dato medio e o máis elevado (50-59) non chega aos 30 casos novos por cen mil persoas a 14 días.

O grupo de 40 a 49 anos (aínda con apenas un 20% con pauta completa, pero máis dun 70% con cando menos unha dose) xa supera o dato medio. A continuación, os grupos de 12 a 19 anos -no que se inclúe o alumnado afectado polo gromo de Mallorca- e de 20 a 29 anos duplican amplamente o dato xeral. No de 30 a 39 anos, que nos vindeiros días comeza a sumarse á vacinación masiva, a incidencia supera en máis de trinta puntos a media.

A área de Pontevedra-O Salnés, a máis afectada

Cos devanditos resultados das últimas probas sobre a mesa, a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés segue sendo a máis afectada polo gromo importado, con 103 dos 155 casos do coronavirus xa confirmados polo Sergas. Séguena a área da Coruña-Cee (19 casos) e as de Vigo (15), Lugo (14) e Ourense (4). 19 dos positivos de estudantes detectados no voo chegado a Santiago este martes son da área da Coruña-Cee e 14, da área de Pontevedra-O Salnés, segundo confirma Sanidade. [Pontevedra comezará xullo con máis restricións pola COVID como consecuencia do gromo importado de Mallorca]

Este impacto reflíctese, como amosa o gráfico sobre estas liñas, no indicador máis inmediato de incidencia acumulada, o que reflicte os novos casos por cada cen mil habitantes nos últimos sete días e que marca unha liña á alza especialmente pronunciada na área pontevedresa. Non obstante, as autoridades sanitarias veñen sinalando nas últimas semanas que o avance da vacinación provoca que o indicador de incidencia acumulada para o conxunto da poboación, por si só, xa non reflicta necesariamente a realidade da pandemia en cada lugar.

Sanidade mantén que cando menos de momento seguirá citando para a vacinación "por orde de idade", aínda que "non pecha ningunha porta" á luz dos acontecementos

Neste sentido, preguntada ao respecto da posibilidade de incorporar á inmunización a grupos de idade máis mozos alterando a orde decrecente por idade que se vén seguindo ata o momento, a responsable de Saúde Pública da Xunta asegura que o Goberno galego non pecha "ningunha porta", á luz dos acontecementos e dos posibles axustes técnicos. Así e todo, e mentres segue sen haber data definida para a implantación do anunciado sistema de autocita para menores de 40, Durán sinala que "hai estudos" que reflicten que a poboación de 30 a 39 segue tendo máis "risco" ante unha posible infección que outros grupos de idade máis mozos, polo que a "orde de idade" seguirá, cando menos de momento, sendo o criterio principal.

Freo ao descenso na hospitalización

Despois de que, nas anteriores e máis virulentas vagas da pandemia, os empeoramentos epidemiolóxicos se visen reflectidos nos hospitais entre dez e quince días despois do cambio de tendencia, esta nova fase está a traducirse, cando menos de momento, nun freo no descenso da presión hospitalaria, que segue no seu nivel máis baixo en dez meses. As 54 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 ás seis da tarde do martes eran 5 máis que unha semana antes, poñendo así fin a case dous meses de descensos intersemanais continuados.

A presión hospitalaria segue sendo, daquela, moi inferior á das anteriores vagas da pandemia, pero estes empeoramentos puntuais si repercuten noutros puntos do sistema sanitario, como a Atención Primaria ou os servizos de rastrexo. Destas áreas depende o seguimento dos 1.673 casos activos (uns 400 máis que hai unha semana, co dato das seis da tarde do martes), que en caso de empeoraren si pasarían aos hospitais.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.