O pasado 27 de decembro, menos de dez meses despois da confirmación do primeiro caso positivo da COVID-19 en Galicia, profesionais do Sergas subministraron as primeiras doses da primeira vacina aprobada na UE contra a doenza, a de Pfizer e BioNTech. Nieves Cabo, compostelá de 82 anos residente no centro sociocomunitario Porta do Camiño de Santiago, fora a primeira persoa en vacinarse no país, nunha campaña que empezara de xeito simbólico aquel día pero que arrancara masivamente o seguinte martes.
Galicia ten o 47,4% da poboación 'diana' vacinada coa pauta completa seis meses despois de que se administrase a primeira dose
Tan só seis meses despois daquel domingo no que se administraran 500 doses, Galicia ten case a metade da poboación diana (agora, conformada por toda a de 12 ou máis anos) vacinada coa pauta completa contra a COVID (o 47,4%% e 1.163.312 persoas), segundo os datos actualizados este luns polo Ministerio de Sanidade.
Ademais, o 65,5%% da poboación incluída na campaña de vacinación (1.608.182 persoas) conta con cando menos unha dose en Galicia, que ten todos os colectivos definidos como vulnerables nos protocolos vixentes inmunizados e suma un total de 2.659.506 doses administradas.
Supón unha media de máis de 14.500 doses ao día desde o Nadal pasado e cun ritmo que, por exemplo, entre o venres e o pasado domingo alcanzou máis de 30.000 vacinas postas nunha soa xornada. E con días, como o pasado 13 de maio, con máis de 53.300 picadas contra a COVID, a mellor marca en toda a campaña de vacinación.
Todo medio ano despois da primeira dose de Pzifer subministrada a Nieves Cabo e 16 meses máis tarde da detección do primeiro caso de COVID en Galicia, o 4 de marzo de 2020. Un ano e catro meses despois, a pandemia continúa impactando na saúde e na economía pero encamíñase cara a un final que se achega ao ritmo que se completa a vacinación dos diferentes grupos de idade.
Ata este domingo, recibiron polo menos unha dose o 90% da poboación de máis de 40 anos en Galicia, mentres que o 60,2% deste colectivo está xa inmunizada. .
A vacinación é practicamente completa, coas dúas doses, en toda a poboación galega maior de 70 anos, mentres que no grupo entre 60 e 69 son xa o 95,9% cunha dose e o 46,2% coa inmunización completada.
Na poboación entre 50 e 59 anos, máis do 86% das persoas teñen a pauta completa, fronte ao 91,1% con cando menos unha dose.
O 90% da poboación maior de 40 anos en Galicia ten cando menos unha dose, mentres que máis do 60% está xa inmunizada contra a COVID
Os efectos da vacinación son evidentes. Os maiores de 80, por exemplo, pasaron en Galicia de encabezar o incremento de mortes coa COVID a ser o grupo no que menos soben logo de seren inoculados contra a doenza.
Ademais, os grupos de idade aínda non incorporados á vacinación masiva son os que concentran, nesta altura, a maioría dos novos casos da COVID en Galicia