Ata este 19 de xuño de 2021, morreran en Galicia un total de 2.433 persoas con test positivo da COVID-19. Como veñen reiterando as autoridades sanitarias en diversas ocasións, non todas estas mortes son causa directa do virus. Pero si son os falecementos oficialmente ligados á pandemia por encaixar no perfil que marcan os protocolos vixentes.
Máis do 70% das persoas que morreron en Galicia coa COVID tiñan 80 ou máis anos e neste grupo de idade o ritmo de falecementos ligados á pandemia cae a maior ritmo que no resto da poboación dende o comezo da vacinación
Ata outubro de 2020, a Xunta só ofreceu os datos totais de falecementos de persoas coa COVID-19, especificando unicamente se residían ou non nun centro de persoas da terceira idade ou con discapacidade. Dende o pasado outubro, cando deu en abrir parte dos datos, desagrega ademais por sexo e idade. Isto permite saber, por exemplo, que máis de catro de cada dez das persoas falecidas con infección activa do coronavirus tiñan entre 80 e 89 anos e que algo máis do 70% das mortes rexistradas ata agora son de persoas maiores de 80.
Este grupo de idade foi, precisamente, o primeiro en ser incorporado á vacinación, que comezou a finais de decembro nas residencias e continuou a finais do inverno entre a poboación xeral maior de 80 anos. Nestes algo máis de tres meses descenderon as cifras de mortalidade de persoas coa COVID no seu conxunto. Pero o ritmo caeu de maneira especialmente significativa xustamente neste grupo de idade.
Tomando como referencia o día 19 de cada mes -por ser o último dato dispoñible para xuño no momento de elaborar esta información-, no pasado mes de novembro o grupo de poboación de 80 a 89 anos encabezaba o incremento de mortalidade de persoas coa COVID con case un 40% máis que en outubro. A continuación situábase o da poboación maior de 90, entre a que as vítimas mortais co coronavirus subían máis dun 35%. En decembro, o maior incremento a respecto de novembro foi no grupo de maiores de 90 (+26%) seguido das persoas de 70 a 79 (+20%) e, sempre segundo datos do Sergas, xusto a continuación estaba o grupo de 80 a 89 (+16%).
A mediados de xaneiro, cando comezaron a manifestarse os efectos da virulenta terceira vaga da pandemia, o grupo no que máis se incrementaron as mortes de persoas coa COVID-19 baixou na súa idade. Os falecementos de persoas de entre 60 e 69 anos incrementábanse un 25% e, mentres, na poboación de 80 a 89 facíao nun 16%. Entre maiores de 90, a suba xa non chegou ao 15%.
En febreiro, cando os efectos da terceira vaga acadaron maior crueza, o gran incremento de mortalidade rexistrouse entre poboación á que aínda lle faltaban meses para incorporarse á vacinación, a de 50 a 59 anos, con case un 65% máis. Mentres, as mortes de persoas de 80 a 89 anos aumentaban un 38% e nas maiores de 90, un 34%.
Un mes despois, coa vacinación xa concluída nas residencias e xa avanzando entre a poboación xeral maior de 80, os grupos de idade nos que menos aumentaron as mortes de persoas coa COVID pasaron a ser os compostos por maiores de 80. Nese mes rozaron o incremento intermensual do 5% e a tendencia segue á baixa ata a actualidade.
Sen mortes coa COVID nas residencias dende marzo
A diminución no número total de mortes de persoas coa COVID-19 vén sendo paralela á vacinación é á mellora epidemiolóxica xeral, pero percíbese de maneira máis intensa alí onde a inmunización chegou antes: as residencias. Así, a media diaria a sete días de falecementos de persoas co coronavirus no conxunto da poboación de Galicia non chega a dous dende mediados de maio. Pero, mentres, dende finais de marzo non se notifican mortes de persoas co coronavirus en residencias.
Antes da vacinación, as mortes coa COVID de persoas que viviran en residencias chegaran a ser o 40% do total, con ata 790 falecementos
Atendendo aos datos do Sergas, o último mes con falecementos notificados de persoas coa COVID-19 que vivisen en centros de maiores ou de persoas con discapacidade foi o pasado marzo, con 7 mortes que supuxeran o 6% do total de falecementos en Galicia naquel mes. O mes anterior foran unha de cada cinco, en xaneiro eran case un terzo e nos meses previos viñeran supoñendo arredor do 40% do total.
En abril, maio e nos primeiros 19 días de xuño, a Consellería de Sanidade non notificou ningunha morte de persoas que contraesen a COVID-19 e vivisen en residencias de maiores. Así o certifican tamén os informes semanais do IMSERSO sobre o impacto da pandemia nas residencias. Ata a chegada das vacinas morreron en Galicia 790 persoas que viviran nestes centros. O dato que aínda non é coñecido, pola contra, é o detalle de cantas persoas coa COVID-19 morreron en cada residencia.