O último ano e medio está marcado pola pandemia e, como consecuencia, por unha crise sanitaria–económica–social, no que un dos colectivos máis castigados é o das persoas maiores.
Nos últimos meses, coñecimos in situ, e tamén polos medios de comunicación, un panorama certamente preocupante. Milleiros de persoas foron excluídas de terapias e obradoiros aos que acudían, como por exemplo a través de distintos programas nos centros de día. Á vez, as mortes incrementábanse pola covid-19 nas residencias. Tamén sabemos que as persoas que sofren soidade aumentaron dun xeito desproporcionado, información coñecida pola cidadanía a través dos medios de comunicación e tamén dos e das profesionais que traballamos en atención directa con persoas maiores, e quen tiña deterioro cognitivo, vía agravado o mesmo tras tanto tempo de confinamento e restricións. Vimos como institucións e asociación de familiares reclamaron e denunciaron situacións nas que non se respectou a dignidade das persoas maiores,. Foi o caso do presidente da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía, quen reivindicou a necesidade das familias e profesionais de facer xustiza. A todas estas cuestións, cómpre engadir aquelas que, por desgraza, as e os maiores sufriron pola discriminación por razón de idade (o nomeado “edadismo”), o que derivou no abandono na súa atención a nivel socio-sanitario o na falta de acceso ou aproveitamento de recursos tecnolóxicos que poderían permitir
Ante unha crise sanitaria, é necesario tomar as medidas máis apropiadas para manter a saúde pública a salvo e poñer ás persoas no centro, tendo en conta a toda a poboación e sen discriminación algunha. Mais nesta pandemia as persoas maiores saíron perdendo.
Dende o ámbito da Educación Social constatamos que as persoas maiores sufriron unha discriminación brutal nos diferentes ámbitos de traballo aos que nos enfrontamos as educadoras e educadores sociais. As e os profesinais do sector afrontaron situacións de risco (tras unha análise feita polo Ceesg a profesionais do ámbito, sabemos que no comezo da pandemia fixeron fronte sen EPI´S ou recursos mínimos), tiveron que xestionar tanto emocións propias como as das familias e maiores, que vían privada a súa liberdade e restricións que separaban a seres queridos.
Cremos pertinente que se abandone o modelo actual de macro-centros por mini-centros, onde as persoas maiores poidan seguir mantendo a relación co seu entorno e a súa comunidade desde a proximidade, onde a figura do educador sexa un referente/acompañante da rutina diaria dos nosos maiores
Neste marco, dende o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg), a través do Grupo de traballo de Estudos e Investigación Xeragóxica (Geix), contactou coa Administración autonómica coa intención de facer achegas para a mellora dos servizos, e salientou a necesidade de contar coa figura destas e destes profesinais para garantir unha boa cobertura para a poboación no eido sociosanitario. Así, presentouse á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e á Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria o noso apoio e ofrecimos colaboración facendo patente a necesidade do recoñemento da nosa profesión e a valía dentro dos equipos interdisciplinares. No lugar de esperar indicacións que non chegaban, nun claro momento de urxencial social, desde a Educación Social, sempre en contacto coa cidadanía, nas rúas e nos centros, activámonos. Propuxémonos para participar na elaboración do cambio de modelo en residencias e fixemos achegas á Guía contra a soidade. Intencións que, a día de hoxe, seguimos mantendo en pé.
Desde o ámbito da Educación Social cremos pertinente que se abandone o modelo actual de macro-centros por mini-centros, onde as persoas maiores poidan seguir mantendo a relación co seu entorno e a súa comunidade desde a proximidade, onde a figura do educador sexa un referente/acompañante da rutina diaria dos nosos maiores e se poida realizar unha atención centrada na persoa real e de calidade.
Ademais, dende o Ceesg achegamos á Administración pública un documento con aportacións á Guía contra a Soidade que queren publicar, onde salientamos a necesidade de incorporar programas de desenvolvemento comunitario nos que se traballe con toda a poboación, a través de programas de prevención, sensibilización, formación e realizando intervencións socioeducativas e psicosociais, e nos que se estableza unha rede de apoio mutuo e relación de axuda. Unha reivindicación que, hoxe en día mantemos. Para que unha atención sociosanitaria sexa existosa, as intervencións débense basear nun modelo de atención centrada na persoa, dun xeito integral e integrado, tendo en conta a súa dimensión xeral. Ese é o primeiro paso que poderemos dar para mellorar a súa calidade de vida, participación, motivación e benestar físico-psico-social.
A pandemia deixou tras de si unha situación desoladora no país. É fundamental demandar esforzos ás administracións para que leven a cabo políticas públicas que melloren a atención socio sanitaria. E, sen dúbida, a Educación Social pode e ten moito coñecemento e experiencia que sumar no traballo con persoas maiores, coas súas familias e coa comunidade, para así mellorar o seu benestar e favorecer o sentimento de pertenza ao seu entorno e respectar a súa dignidade.