Recursos públicos de proximidade e un sistema de coidados a pequena escala fronte ás grandes residencias xestionadas por empresas privadas son as propostas dunha traballadora social de Lugo
″Quen decide como se coida aos maiores en Galicia é a iniciativa privada, e eu diría incluso que son os fondos de inversión, que son os que están detrás das grandes residencias″. Sagrario Fernández, traballadora social no Hospital Lucus Augusti de Lugo, xestiona uns catro ingresos en residencias ao mes. Moitos deses casos son tramitados polo procedemento de urxencia debido á situación dos doentes e a necesidade de liberar a cama no propio hospital. ″O sistema está deseñado para que a residencia sexa a principal saída cando se produce unha alta médica e os doentes non poden ser atendidos no seu domicilio. Non sería malo se falásemos de recursos residenciais de proximidade, pero a pandemia evidenciou que as residencias grandes son máis difíciles de controlar″, explica.
Sagrario Fernández defende que a atención aos coidados non é a mesma nos centros 100% públicos que nos privados, por moito que funcionen a partir dunha concesión pública e conten con prazas concertadas. ″Como podemos pensar que 190 persoas maiores están a ser coidadas con calidade nunha residencia? E o coidado cos maiores, como pasa coas crianzas, non é se non ten calidade –asegura–. Cómpre ter en conta dúas circunstancias: por unha banda, a maior parte das persoas das residencias son dependentes, polo que se require un investimento elevado sobre todo en persoal especializado; por outra, as pensións en Galicia son das máis baixas do Estado″.
Na última sesión de control ao Goberno no Parlamento, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sostivo na súa resposta ao líder do PSdeG que Galicia conta coas ″mesmas residencias públicas que herdamos do bipartito″, para engadir que nos seus 12 anos en San Caetano autorizou ″13.000 novas prazas de residencias financiadas con fondos públicos″.
Os datos da Asociación Estatal de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais, publicados no seu informe anual, aportan unha ′foto fixa′ da situación previa á pandemia, sobre o desenvolvemento dos servizos sociais e a escaseza de prazas en residencias para a terceira idade con financiamento público: ″só 1,2 prazas por cada 100 maiores en Galicia, sendo 2,69 a media estatal″.
No caso da provincia de Lugo, analizado por Sagrario Fernández no traballo Por un minifundio para os coidados, vése que ″a maior parte das prazas dos recursos alternativos de convivencia son privadas, pois así temos 2.155 fronte a 1.935 prazas da Administración local e da Xunta. É necesario apuntar que das 1.935 praza públicas, 837 son financiadas e polo tanto están emprazadas en residencias privadas″. A maiores, no seu estudo conclúe que a distribución das prazas residenciais ″non resulta equitativa nin coa poboación nin co territorio″; unha circunstancia que considera extrapolable a toda Galicia.
O actual modelo de coidados está nunha profunda crise desde que estourou a burbulla financeira en 2008. ″Utilízanse residencias porque non hai suficientes servizos de centros de día, nin programas de axuda no fogar. Desde 2011, con todos os recortes de Rajoy –cando ademais se crearon incompatibilidades entre prestacións e aumentouse o copago– a situación nunca se recuperou″.
"Non hai suficientes servizos de centros de día, nin programas de axuda no fogar", di Sagrario Fernández
E estes recortes, como incide Sagrario Fernández, non afectan só aos maiores: ″Agora mesmo atopamos persoas con cancros en estadio catro ou con dano cerebral adquirido, que quedan nunha situación dependente dun día para o outro, que reciben a alta e teñen que agardar bastante máis dun ano para lograr unha axuda á dependencia ou optar á axuda no fogar″.
Xornadas en Lugo
Estamos nun modelo que, segundo describe esta traballadora social, non ten en conta a perspectiva de xénero nin a calidade de vida das persoas que precisan deses coidados. ″Coa lei de dependencia as mulleres pasaron de ser as coidadoras de maneira directa a selo de forma indirecta. Pero case nada mudou, e segue a ser moi difícil incorporar aos homes aos coidados, aínda que haxa excepcións marabillosas″, apunta.
O día 10 abordarán alternativas aos coidados en Lugo nunha cita organizada polo Movemento polo Dereito á Vivenda
Sagrario Fernández participará o vindeiro xoves 10 de xuño na xornada Alternativas residenciais para as persoas maiores: os coidados á pequena escala, organizada polo Movemento polo Dereito á Vivenda en colaboración coa Deputación de Lugo, que acollerá a actividade desde as catro da tarde. ″Aquí está moi encorsetado o mundo dos coidados, a palabra clave agora para falar dos servizos sociais é diversificación″, destaca, consciente de que ″en países como Dinamarca, xa no ano 1988 se prohibiu un modelo de residencias de grande tamaño semellante ao que impera en Galicia″.
A chave: servizos sociais comunitarios
A burbulla xa estourou e a situación xa é límite en canto á dispoñibilidade de recursos para as persoas que precisan axuda. Mais Sagrario Fernández asevera que hai volta atrás ″se hai vontade″ por parte de quen ten as competencias en materia de coidados: a Xunta de Galicia. ″Como non doten aos servizos sociais comunitarios de persoal e de programas non vai ser posible outro modelo de coidados. Porque dentro destes servizos trabállase moito o tema das redes sociais e do apoio, que é o que verdadeiramente resolve os problemas. E agora mesmo están colapsados, cunha barbaridade de traballos administrativos e atendendo a moitos temas á vez″, relata.
"Como non doten aos servizos sociais comunitarios de persoal e de programas non vai ser posible outro modelo de coidados", afirma esta traballadora social
Fronte ao modelo vixente que ″precipita o ingreso en residencia″, esta traballadora social de Lugo propón apostar por recursos de proximidade que manteñen ás persoas no seu medio de vida. A axuda no fogar, os centros de día ou mesmo os pisos tutelados e as vivendas comunitarias son a alternativa máis acorde coa nosa realidade: ″Galicia é un país de minifundios, temos que ir cara á pequena escala nos coidados″. Estes recursos son hoxe ″escasos″, ou ″non chegan ás persoas a tempo pola tardanza en facerse efectivo o recoñecemento dos dereitos″; pero son a solución para que os maiores pasen os seus derradeiros anos no seu medio, onde ″son alguén″, pois ″nunha residencia perden a súa identidade e recoñecemento″, asegura Sagrario Fernández.