Galicia continúa coa campaña de vacinación contra a COVID, administrando as doses ás persoas maiores de 80 anos, grandes dependentes, persoal docente, persoal sanitario de clínicas privadas, inspectores sanitarios, facultativos do Imelga, membros da Policía Nacional e Autonómica, bombeiros, persoal funcionario non-sanitario das institucións penitenciarias, profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e persoal dos centros de día. Nestes últimos espazos de atención diúrna, malia as demandas dos seus profesionais, non están a ser inmunizadas todas as persoas usuarias, senón unicamente aquelas que se inclúan nalgún dos grupos anteriores.
Os centros de día denuncian que a Xunta manteña sen vacinar o 20% das persoas usuarias mentres moitas autonomías optan pola inmunización destes espazos
Desde a Asociación de Centros de Día de Galicia (ACDGal) denuncian que arredor do 20% das persoas usuarias quedan sen vacinar malia que son moitas as comunidades que están a levar a cabo a inmunización deste servizo. Unha situación, advirten, que dificulta o traballo diario, mantén a angustia e incrementa os riscos nuns espazos que a Xunta mantivo pechados durante catro meses --entre duras críticas-- argumentando que eran dos máis vulnerables pola COVID.
Agora que poden ser por fin protexidos, seguen a esperar pola vacinación, como recorda a presidenta de ACDGal, Ángeles Álvarez, que se queixa do "descoñecemento" que o Sergas ten do labor dos centros de día.
Como se senten nos centros de día ante a imposibilidade de vacinación a todos os seus usuarios?
A palabra é decepción. Sentímonos decepcionados e, nalgunha medida, tamén discriminados. É incomprensible a negativa da Consellería de Sanidade, non o entendemos.
"Sentímonos decepcionados e discriminados; é incomprensible a negativa de Sanidade a vacinar todos os usuarios dos centros de día"
Sanidade insiste en que a estratexia estatal de vacinación impide esa posibilidade, pero hai autonomías que si están a vacinar todos os usuarios dos centros de día para conseguir a súa inmunización.
Os argumentos que emprega Sanidade son unha escusa. Non sabemos cales son os motivos que os moven a esta negativa, máis aínda cando Feijóo acaba de anunciar que se empezarán a vacinar tamén as persoas de entre 50 e 55 anos. Aquí hai dúas tendencias: unha que defende vacinar por sectores e outra por idades. O que nos di o conselleiro é que a elección é facelo segundo a idade e que seguen a estratexia estatal, pero resulta que agora inclúese outro grupo de menor idade para usar as vacinas de AstraZeneca que non poden ser administradas aos maiores. Entendemos que, de ser así, quedarán doses do resto de farmacéuticas a disposición doutros colectivos. Pero nin así. Non o entendemos.
Cren que están a ser discriminados?
A sensación que temos é que os centros de día somos o irmán pobre da atención sociosanitaria. Non entendemos esta actitude agora, despois de que o longo peche de catro meses evidenciase que somos un servizo beneficioso e esencial porque as persoas maiores o que queren é vivir nas súas casas. Todos os recursos son necesarios, ningún é máis importante que outro, pero os centros de día cumprimos unha función social básica, e no noso caso, os privados, máis aínda cando hai unha escaseza evidente de prazas públicas.
"Somos o irmán pobre da atención sanitaria; non somos DomusVi, non respondemos a ningún lobby internacional, somos pequenas empresas"
Pode que haxa unha visión equivocada do que son os centros de día?
O noso perfil é de pequenas empresas, de persoas autónomas, case un autoemprego. Non somos sospeitosos de chegar aquí co único obxectivo de gañar cartos... Non somos DomusVi, non respondemos a ningún lobby internacional co obxectivo de facer o máximo diñeiro posible. Todo o mundo traballa para gañar cartos e subsistir, pero o noso modelo non é ese. Temos un abano de horarios amplo, adaptámonos ás necesidades das persoas e aquí véñense facer terapias. Somos un sector moi profesionalizado, con psicólogos, terapeutas, educadores sociais... Sabemos da importancia e do labor fundamental que fai, por exemplo, o servizo de axuda a domicilio, pero é só unha hora.
O atraso na vacinación total dos centros de día dificulta moito o seu labor diario?
Hai un cansazo xeral dos profesionais polas esixencias que hai que cumprir e pola tensión e o nerviosismo. Todos os días acabas aliviado por non ter ningún positivo, malia que nos centros de día houbo moi pouca incidencia do coronavirus e que, nos que houbo, non chegou a a haber transmisión porque as medidas están funcionando. Temos que facer un esforzo moi grande que duplica o traballo. Se antes tardabas dous minutos en recibir unha persoa, agora tardas quince porque hai que asear, quitar a roupa, gardar nunha bolsa, desinfectar o calzado... É lóxico que esteamos ansiosos por ter unha solución e poder volver a unha certa normalidade. Sabemos que non vai ser de súpeto como antes, pero a vacina daríanos unha tranquilidade que non temos porque vai quedar xente en todos os centros sen vacinar.
"A negativa da Xunta á vacinación débese ao descoñecemento; a directora xeral de Saúde Pública non coñece os centros de día"
A que cre que se debe a negativa da Xunta a impulsar de inmediato a inmunización dos centros de día?
Creo que é descoñecemento. Penso que a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, non coñece os centros de día, aínda que na Xunta digan que si. Eu creo que non, que pensan que esa minoría de persoas que está quedando sen vacinar nos centros de día son persoas de grao 1, que non teñen moita dependencia, cando é ao revés. Se unha persoa de 90 anos vén ao centro é porque a familia quere que o estimulemos, que estea activo... Pero cando é unha persoa de 65 ou 70 a que vén, é porque lle deu un ictus ou está nunha cadeira de rodas ou tivo un accidente cardiovascular ou ten unha deterioración cognitiva que non lle permite estar só na súa casa.
Desde a ACDGal insisten que abondaría con arredor de 1.000 vacinas para inmunizar todos os centros de día de Galicia...
O cálculo está feito. Fixemos unha enquisa entre todos os centros de día privados que pertencen á asociación e sobre o 20% dos usuarios entrarían nese grupo de xente que está a quedar excluído da vacinación actual. Estamos falando dunha media de 4-6 persoas por centro, non máis. Só farían falta entre 900 e 1.000 vacinas para cubrir todos os centros de día galegos, privados e públicos.
"Abondarían entre 900 e 1.000 vacinas para completar a vacinación de todas as persoas usuarias de todos os centros de día de Galicia"
Advirten tamén de que realizar a vacinación nos centros de día aforraría tempo e problemas.
A campaña de vacinación da gripe xa se fai nos propios centros de día en moitas áreas sanitarias. Pero esta é outra situación anómala que non entendemos: non se actúa igual en todas as áreas, non se funciona igual nin para comunicar casos positivos, nin para a vacinación, por exemplo. Pódese entender que se vacine nos centros de saúde en zonas onde hai poucos centros de día e están moi dispersos, pero en áreas máis poboadas non entendemos por que se segue a facer así. No caso da gripe, vacínase en vinte minutos a todas as persoas do centro. Por que desta vez non se fai así? É incomprensible, inexplicable.