Lonxe de ser unha aldraxe, o número de vacinas recibidas axustábase ao número de doses que ían ser administradas á poboación diana de cada fase
Durante os dous primeiros meses de distribución das vacinas contra a Covid-19 Galicia estivo recibindo semanalmente un numero de doses por habitante por debaixo da media española. A razón, como analizabamos nesta reportaxe de hai dez días, era que en Galicia a porcentaxe de poboación incluída nos grupos que ían ser vacinados na primeira fase era menor que noutras comunidades autónomas (sobre todo por ter un ratio menor de persoas en residencias de maiores e de persoal sanitario). Lonxe de ser unha aldraxe, o número de vacinas recibidas axustábase ao número de doses que ían ser administradas á poboación diana de cada fase.
Dende hai 15 días a Xunta traballaba coa previsión de que "no primeiro envío do mes de marzo" a porcentaxe de vacinas de Pfizer (a indicada para a poboación de maior idade) que chegarían a Galicia se axustaría a este feito. E así foi
Con todo, a segunda fase do proceso de vacinación comezaba pola poboación maior de 80 anos, e neste grupo, como territorio moi envellecido, si que Galicia conta cunha porcentaxe de habitantes moi por riba da media española. Polo tanto, o número de doses que debía recibir era necesariamente superior ao anterior e superior tamén á media do Estado. A propia Consellería de Sanidade confirmaba a Praza.gal que a Xunta traballaba coa previsión de que "no primeiro envío do mes de marzo" a porcentaxe de vacinas de Pfizer (a indicada para a poboación de maior idade) que chegarían a Galicia se axustaría a este feito. E así foi.
Este mércores pola mañá o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou que o número de doses da vacina de Pfizer incluídas no último envío chegado a Galicia era notablemente superior ao que viña chegando anteriormente. E o informe que todos os días publica o Ministerio de Sanidade cos datos das vacinas distribuídas e administradas en cada comunidade autónoma confirmou as cifras previstas.
Galicia recibiu esta semana 43.290 doses da vacina de Pfizer, fronte ás 25.740 da última semana de febreiro e as 24.570 da semana precedente
Galicia recibiu esta semana 43.290 doses da vacina de Pfizer, fronte ás 25.740 da última semana de febreiro e as 24.570 da semana precedente. En termos porcentuais sobre o total de vacinas distribuídas, o incremento é tamén evidente: Galicia recibiu esta semana o 8,35% de todas as vacinas de Pfizer distribuídas no Estado español, unha cifra axustada ao feito de que Galicia é a segunda comunidade autónoma (só despois de Castela-León) cunha maior proporción de poboación maior de 80 anos, ao redor do 8,2% do total. Mentres, nas últimas dúas semanas Galicia viñera recibindo o 5,2% e o 5,1% de todas as doses de Pfizer distribuídas.
A porcentaxe de doses recibidas da vacina de Moderna segue a ser reducida, a pesar de que tamén se indica para poboación de idade avanzada
En canto ás outras dúas vacinas aprobadas ata o momento (Moderna e AstraZeneca), non hai cambios significativos. Esta semana Galicia recibiu 20.600 doses da de AstraZeneca, un número lixeiramente inferior ao da semana anterior (22.300), pero que representa a mesma porcentaxe sobre o total estatal que vén recibindo nas últimas semanas (5,7%). Así mesmo, Galicia recibiu 10.100 doses da vacina de Moderna, o que representa unha porcentaxe moi baixa con respecto ao total estatal (5,16%), a pesar de que en principio esta vacina tamén está indicada para as persoas de 80 anos e máis, polo que a proporción debería ser superior.
A vindeira semana comezará a vacinación das persoas entre 50 e 55 anos
Nos vindeiros días incrementarase o ritmo de recepción de doses da vacina de AstraZeneca. Segundo a Consellería de Sanidade, o Ministerio confirmou que a finais desta semana Galicia recibirá ao redor de 30.000 doses desta vacina. Este xoves, na rolda de prensa posterior ao Consello de Xunta, Alberto Núñez Feijóo adiantou que a vindeira semana comezará a vacinación das persoas entre 50 e 55 anos, que farán uso da vacina de AstraZeneca.
O 6,44% da poboación galega recibiu unha ou dúas doses da vacina e o 2,19% recibiu xa as dúas doses e atópase inmunizada
Así e todo, debido a que nos dous primeiros meses de distribución Galicia viñera recibindo un número de vacinas por habitante inferior á media (aínda que axustado ao tamaño da poboación diana de cada unha das fases), os datos amosan que aínda se sitúa nos últimos lugares no que atinxe ao número de doses administradas por cada 100.000 habitantes (9.036), lixeiramente por riba da media española (8.934). Unha posición moi semellante á que ocupa en cando ás doses distribuídas, aínda que neste caso aínda se atopa por debaixo da media estatal.
As 62.083 persoas que recibiron xa as dúas doses representan o 2,3% do total da poboación galega, aínda por debaixo da media española (2,77%). E as 182.129 persoas que recibiron cando menos unha dose supoñen o 6,75% da poboación galega.
Sete mil doses por día nas últimas dúas semanas
O número de doses da vacina administradas en Galicia ata este martes sitúase nas 244.212, cun ritmo que se foi acelerando nas últimas dúas semanas, coincidindo co inicio o pasado 22 de febreiro da vacinación das persoas de 80 anos e máis e tamén coa posta en marcha da vacinación do persoal docente, que a Xunta espera rematar (no que atinxe á administración da primeira dose) nesta primeira semana de marzo. Ata o momento foron vacinados e vaciadas 26.000 docentes de menos de 55 anos.
Nos últimos 13 días administráronse en Galicia máis de 101 mil doses, máis de sete mil por día, moi por riba do ritmo do primeiro mes e medio de vacinación, cun ritmo de ao redor de tres mil doses diarias
De feito, nos últimos 14 días administráronse en Galicia máis de 101 mil doses, máis de sete mil por día, moi por riba do ritmo do primeiro mes e medio de vacinación, cun ritmo de ao redor de tres mil doses diarias.
62083 persoas recibiron xa as dúas doses da vacina, que proporcionan a protección completa ante a Covid-19. Outras 120.046 recibiron unicamente unha dose e están á espera de recibir a segunda nos tempos previstos para facelo (21 días no caso da vacina de Pfizer, 12 semanas na de AstraZeneca).
Nos últimos 9 días 42.594 persoas maiores de 80 anos recibiron xa a primeira dose da vacina. Representan o 19% do total de 223.906 persoas de máis de 80 anos que recibirán a vacina en Galicia
Segundo informou este mércores a Consellaría de Sanidade, nos últimos 9 días 42.594 persoas maiores de 80 anos recibiron xa a primeira dose da vacina e nuns días comezarán a recibir a segunda dose. Representan o 19% do total de 223.906 persoas de máis de 80 anos que recibirán a vacina en Galicia. A este ritmo de administración, a mediados de abril todos deberían ter recibido a primeira dose.
Nestes momentos, en Galicia continúa a vacinación dos grandes dependentes, o persoal docente, o persoal sanitario de clínicas privadas, os inspectores sanitarios, os facultativos do Imelga, os membros da Policía Nacional e Autonómica, bombeiros, persoal funcionario non-sanitario das institucións penitenciarias, os profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e ao persoal dos centros de Día.
Galicia, á cabeza da administración da segunda dose da vacina en residencias
Galicia é a comunidade autónoma na que unha maior proporción da poboación que vive en residencias foi xa inmunizada
Este mércores o Ministerio de Sanidade fixo públicos por primeira vez os datos de vacinación en residencias en todas as comunidades autónomas, un proceso que está a piques de ser completado. En Galicia 21.835 das 22.035 persoas usuarias de residencias recibiron a primeira dose, o 99,1% do total. A media española é lixeiramente inferior (96,1%) aínda que hai dúas comunidades (Cantabria e Canarias) que chegaron xa ao 100%, seguramente pola ausencia de gromos previos.
En cando á porcentaxe de administración das dúas doses da vacina, Galicia está en cabeza, cun 92,1% de todos os usuarios e usuarias das residencias completamente protexidos e protexidas. A media española está no 85,1% e só Aragón, Navarra e Euskadi superan tamén o 90%.