O Sergas comezou este luns a chamar as persoas mairoes de 80 anos para citalos a seren vacinados a partiro do vindeiro luns, 22 de febreiro. A administración das doses a este colectivo rexerase por unha orde alfabética do primeiro apelido e iniciarase coa letra H.
A administración da vacina aos maiores de 80 anos rexerase por unha orde alfabética do primeiro apelido e iniciarase coa letra 'H'
Así o explicou este luns o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión do comité clínico onde aclarou que Sanidade seguirá o criterio xa empregado coa vacinación do persoal sanitario: un sorteo da letra pola que comezar o proceso que se levou a cabo ante notario por parte dun equipo da Consellería o pasado venres.
Cando e a quen?
Xa que logo, e como aclarou Feijóo, aquelas persoas maiores de 80 anos cuxo primeiro apelido comece por hache serán os primeiros en seren citados e vacinados logo a partir do día 22. "E así iremos secuenciando ata o Z para logo volver empezar polo A", dixo o presidente da Xunta sobre un criterio que considera "o máis obxectivo, o máis limpo".
A vacinación será nos centros de saúde das sete cidades e nos da cabeceira de cada comarca; de non ser posible, nos máis achegados ao domicilio ou na casa
Onde?
A partir dese día 22, os maiores de 80 anos empezarán a recibir as doses da vacina de Pzifer-BioNTech nunha campaña que se levará a cabo nos centros sanitarios das sete cidades galegas e nos centros de saúde da cabeceira de comarca.
"Traballaremos cos cupos de cada médico para citar as persoas nos centros de saúde; temos 400, 400 puntos de vacinación diarios e perto das casas de maiores, polo que a necesidade de moverse é menor que se o fixésemos nun polideportivo ou nun estadio de fútbol", explicou Feijóo.
Aínda así, e no caso de que algunha persoa "non poida desprazarse" ata o punto indicado, administraráselle a vacina "no centro de saúde máis próximo ao seu domicilio". Se tampouco fose posible "por razóns de mobilidade", un equipo do Sergas acudiría á casa "de cada unha das persoas" que non puidesen saír dela.
Feijóo non descartou, de cara a futuras fases da vacinación, que se poida facer "algún axuste loxístico" e "concentrar" a poboación "en polideportivos, auditorios ou centros feriais", especialmente "nas cidades nas fins de semana".
Capacidade de vacinación
Feijóo condicionou a posibilidade de vacinación masiva en grandes espazos a que España e Galicia reciban un maior volume de vacinas que as actuais, logo de volver reivindicar que o Sergas ten capacidade "para administrar 100.000 vacinas diarias".
"Non temos nin 25.000 vacinas á semana, nin 100.000 ao mes; naquilo que podemos facer nun día, temos que investir trinta días", dixo Feijóo.
O Sergas ten previso ter inmunizada a poboación de máis de 80 anos na primeira semana de maio pero non descarta abril de recibir máis vacinas
Cando finaliza a vacinación dos maiores de 80?
A primeira semana de maio é "a data máis segura" para que toda a poboación galega maior de 80 anos quede inmunizada contra o coronavirus, tal e como fixara a Xunta hai só uns días. No entanto, Feijóo non descartou que se puidese adiantar esa administración da pauta completa a este colectivo ao mes de abril.
Esa opción sería factible no caso de que se incrementase a produción das vacinas de Pzifer e Astrazeneca e se, como advertiu Feijóo polas consultas a nivel "extraoficial" do seu goberno, se autorice para Europa no vindeiro mes de marzo a vacina de Janssen, que só require unha dose e da que España mercou 20 millóns. Do mesmo xeito, o visto e prace á de Novamax, que se produce no Porriño, tamén facilitaría ese adiantamento dos prazos.
Así, o presidente da Xunta debuxou un escenario altenativo: que chegasen a España na segunda quincena de marzo os 20 millóns de doses da vacina de Janssen. "Nese caso poderíamos cumprir o obxectivo de ter inmunizados os maiores de 80 nas primeiras semanas de abril", dixo, aínda que preferiu ser "cauto".
Ademais, e no "suposto excepcional" de que fosen 10 millóns e, xa que logo, unhas 800.000 as vacinas de Janssen que cheguen a Galicia en marzo, poderían habilitarse auditorios ou polideportivos as fins de semana para acelerar o ritmo de vacinación.