Feijóo avanza que en dúas semanas comezará a administración a ese grupo de idade e a usuarios e profesionais de centros de día e do servizo de axuda no fogar, e que o ritmo podería aumentar se chegan máis doses
Só co volume de vacinas contra a COVID de Pfizer que o Goberno central vén de confirmar á Xunta que recibirá en marzo, 113.000 doses, a previsión do Goberno galego é que “a finais de marzo estean vacinados a metade dos maiores de 80 anos” e “todos a principios de maio”. Un ritmo que podería mellorar se chegan máis vacinas desa marca ou doutras que se poidan empregar tamén para ese grupo de idade, para o que en principio as autoridades sanitarias non cren que sexa recomendable a de AstraZeneca.
As previsións sobre os seguintes pasos da vacinación fronte ao coronavirus expúxoas este xoves Feijóo tras a reunión do Consello da Xunta. Tras acusar ao Goberno central de querer enviar a Galicia un volume de vacinas inferior á porcentaxe de poboación maior de 80 anos que hai, superior á doutras comunidades autónomas, o presidente admitiu que as 113.000 doses que chegarán “coinciden co 8,3% de poboación diana” maior desa idade existente no país.
"O 8, 9 de febreiro", di Feijóo, deberan quedar inmunizadas todas as persoas usuarias e traballadoras de residencias de maiores agás onde haxa brotes
Confirmada a chegada desas vacinas, a previsión da Xunta é que “o 8, 9 de febreiro” deberan quedar inmunizadas todas as persoas usuarias e traballadoras de residencias de maiores agás nas que aínda haxa brotes, nas que se agardará a que estes remitan. Segundo Feijóo, esa situación afectaría a menos do 5% das persoas residentes neses centros.
Rematadas as residencias, “o 16, 17 de febreiro empezaríamos con profesionais e usuarios de centros de día, dos servizos de axuda no fogar e os maiores de 80 anos”. Un mes máis tarde, a mediados de marzo, a previsión é que a metade dese colectivo estea vacinado e “de manterse o ritmo, estarían inmunizados todos a principios de maio”, dixo Feijóo, que insistiu en que o ritmo aumentaría se chegan máis vacinas.
Máis de 37.500 persoas coas dúas doses
Ata este 3 de febreiro, en Galicia xa se administraran 96.650 doses da vacina contra a COVID-19, segundo os datos actualizados este día 4 polo Ministerio de Sanidade, que especifica que algo máis de 37.500 persoas xa recibiran en Galicia a segunda dose, a que fornece a inmunización contra o virus. Este número de doses administradas supón algo máis do 87% das recibidas ata agora. Na súa actualización deste xoves (pechada unhas horas máis tarde), a Xunta elevaba o total de doses administradas ata 96.764.