Expediente disciplinario por parte do PPdeG e suspensión cautelar de militancia. Son as únicas consecuencias que polo momento tivo para a alcaldesa de Boimorto a súa vacinación da COVID na residencia municipal da localidade, malia non ser persoal sanitario nin usuaria do centro. Un expediente que quedará en nada despois de que a propia alcaldesa pedise a baixa do partido pero se manteña na alcaldía.
O PPdeG abriulle un expediente disciplinario á alcaldesa, á que suspendeu cautelarmente de militancia á espera de "explicacións claras", pero quedará en nada ao pedir ela mesma a baixa do partido
O expediente anunciouno este venres o secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, que sinalou que o partido acordou a medida tras a petición desde a dirección provincial coruñesa. A alcaldesa segue sen dimitir malia que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, preguntado a semana pasada sobre a vacinación de alcaldes que saltaran a orde establecida no protocolo, respondeu que o "responsable e proporcional" sería, nestes casos, "presentar a renuncia ao cargo".
Tellado reclamou explicacións "claras" á alcaldesa ao considerar "insuficientes" as achegadas ata agora, pero pide ser "cautos" respecto dunha posible dimisión á espera dunhas aclaracións "máis detalladas" que non chegan. Ademais, advirte de que o PP non ten modo de facela dimitir tras ser elixida polos seus veciños. O si que pode facer, no caso de que se considere a súa acción algo grave, é expulsala do partido.
No entanto, e segundo adiantou La Voz de Galicia a última hora da tarde, foi a alcaldesa a que se deu de baixa do partido, frustrando mesmo o expediente interno e á espera de aclarar o seu futuro.
Feijóo asegurara que o "responsable e proporcional" para os alcaldes que se vacinan antes de tempo sería "presentar a renuncia ao cargo"
María Jesús Novo foi vacinada xa no primeiro día do proceso de vacinación, que arrincou de maneira xeral en Galicia o pasado luns 28 de decembro e que abrangue persoal e usuarios dos centros de maiores, así como profesionais sanitarios na primeira liña contra a COVID. O argumento da rexedora para xustificar o seu acceso ao fármaco é que, ao ser a residencia de Boimorto de xestión municipal, o posto de alcaldesa convértea de facto en xefa de persoal, unha xustificación que non convenceu nin no seu propio partido.
"Como membro dun goberno, ou alcalde, ou concelleiro ou un director xeral, se non está dentro do protocolo previamente pactado, non pode vacinarse", dixera Feijóo, que chegara a asegurar que os políticos deberían ser "os últimos" en recibir o fármaco.
A vacinación da alcaldesa de Boimorto era un rumor que circulaba desde hai xa varios días na localidade, segundo aseguran fontes do consistorio, "mesmo entre cargos locais do PP". A confirmación chegou xusto cando a administración da vacina por parte dalgúns cargos públicos noutros lugares do Estado, saltando a orde de prioridade prevista, ergueu a polémica e o debate político. E só un día despois de que Feijóo asegurase no Parlamento que "ningún" rexedor do PP se vacinara contra a COVID mentres si o fixeran algúns do PSOE, en referencia a algún caso coñecido noutras comunidades autónomas.
BNG, PSdeG e Unidas Podemos pediron xa "explicacións" a Núñez Feijóo, así como a "dimisión" da alcaldesa por un feito que cualifican de "grave e inxustificable". Este mesmo venres, o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, asegurou que o presidente da Xunta "debería comparecer, pedir responsabilidades políticas e explicar que fai o PP cando un cargo do seu partido se vacina fóra do protocolo".