O Sergas recolocou a ex-presidenta do Porto de Vilagarcía, directiva do PP de Vigo, nunha praza creada para ela hai un mes que lle permitiu vacinarse contra a COVID
Presidenta da Autoridade Portuaria de Vilagarcía durante máis de nove anos ata o pasado decembro e destacada militante e cargo do PP de Vigo, Sagrario Franco xa foi vacinada fronte á COVID porque foi recolocada nun cargo creado hai un mes, o de coordinadora de procesos asistenciais da xerencia do Sergas en Vigo, no que “no desenvolvemento da súa labor ten que visitar centros sociosanitarios” e polo tanto “entra no protocolo por estar na primeira liña de atención”, segundo o Sergas.
Explicacións coma esta, que están en contacto con posibles doentes, ou erros materiais se os implicados non son cargos de libre designación, son as que vén ofrecendo a Xunta para diversos casos polos que lles preguntan medios de comunicación ou denuncian os sindicatos de persoas que xa recibiron a vacina malia supostamente non estar incluídas nos primeiros grupos que a deberan ter.
O primeiro caso que transcendeu foi o pasado xoves día 21 de xaneiro, cando a área sanitaria de Pontevedra confirmou a vacinación de 17 membros do seu persoal entre os que había administrativos ou informáticos, aos que admitía que non correspondía recibir a dose. Un “erro” na elaboración das listaxes foi a explicación dada pola Xunta, ao que posteriormente se engadiu a denuncia da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) de que foran 200 as persoas, con diversas tarefas laborais, vacinadas en Pontevedra malia non ter supostamente relación directa con doentes.
Tras eses casos, o pasado luns o presidente Feijóo pediu ás xerencias das áreas sanitarias que evitasen “erros” malia que “a infalibilidade non existe” ao ser un proceso que implica a tantos milleiros de persoas. O presidente mesmo reclamou ás persoas implicadas que se son conscientes de non ter que recibir a vacina, o notifiquen e renuncien a ela.
No Hospital da Mariña, a denuncia da CIG de que se vacinaran membros da dirección do centro foi respondida polo Sergas argumentando que tiñan contacto con posibles doentes
Noutro caso, tras unha denuncia da CIG, o Sergas confirmou a Europa Press que varios membros da dirección do Hospital da Mariña, en Burela, tamén foron vacinados porque realizan actividade asistencial en contacto con posibles doentes de COVID. Segundo recolle a axencia na súa web, malia formar parte da dirección do centro, esas persoas “ocupáronse da coordinación de toda a vacinación en residencias, onde estiveron presentes coordinando todo o operativo e incluso realizando valoración clínica dos residentes”, polo que segundo o protocolo de vacinación debían recibir a súa dose.
Similar resposta é a que dá o Sergas á pregunta de Praza.gal polo caso da ex-presidenta do Porto de Vilagarcía, Sagrario Franco, médica de profesión que tras ser delegada territorial da consellería de Familia con Manuel Fraga estivo á fronte desa Autoridade Portuaria desde 2011 ata o pasado decembro, cando foi substituída polo ata daquela delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
Franco formou parte da dirección do PP de Vigo e participou activamente en campañas electorais e procesos internos do partido. Malia ter a súa praza como médica no centro de saúde da Xunqueira, no Val Miñor, ao saír de Vilagarcía pasou a ocupar un cargo de nova creación na xerencia sanitaria de Vigo, o de coordinadora de procesos asistenciais.
Este diario preguntou ao Sergas cales son as competencias do cargo de Franco, que posto exercía esas competencias antes da súa hai un mes e por que recibiu a vacina fronte á COVID-19. Esta foi a resposta: “Esta profesional está incorporada na súa praza de médico no centro de saúde do Val Miñor. De maneira provisional ten unha orde de servizos para coordinar os procesos asistenciais entre a área sanitaria e os centros sociosanitarios (residencias e centros de dependentes). Vacinouse porque entra no protocolo por estar na primeira liña de atención, xa que no desenvolvemento da súa labor ten que visitar eses centros”.