Os equipos de vacinación, con dous profesionais, levan o peso dun minucioso traballo con moito máis labor por detrás
O Sergas leva administradas máis de 50.000 vacinas contra a COVID e iniciou este domingo a inoculación da segunda dose aos primeiros usuarios de residencias vacinados en Santiago hai tres semanas. Desde aquel 27 de decembro, cen equipos de vacinación --compostos por cadansúas dúas enfermeiras-- levan o peso dun traballo minucioso que ten moito máis labor por tras.
Detallouno o pasado venres a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e relatouno en primeira persoa para Praza.gal Lidia López, unha das integrantes do que a responsable do Sergas define como "corpo de elite" e que gaba pola súa "aptitude, vocación e humanidade".
Polo momento, son eses 200 profesionais os que se dedican en exclusiva á vacinación, na que se priorizaron os 24.000 usuarios e 17.500 traballadores das 556 residencias e centros de maiores de Galicia, para comezar tamén esta pasada semana co seguinte "grupo diana": uns 25.000 profesionais da sanidade pública e 1.200 da privada en primeira liña contra a COVID. A continuación, será o persoal doutros ámbitos sociosanitarios e grandes dependentes.
Pero como é o camiño das vacinas? Onde e como se gardan? Como se administran? Velaquí algunhas respostas.
As vacinas consérvanse entre -80 e -60 graos en sete ultraconxeladores cunha alarma que avisa no caso de que a temperatura saíse do rango marcado
As vacinas Pzifer --polo momento as utilizadas á marxe dunha pequena remesa de Moderna-- precisan ser conservadas a moi baixa temperatura, entre -80 e -60 graos. Almacénanse nun único punto, nunha empresa do polígono da Sionlla en Santiago. Alí, permanecen gardadas en sete ultraconxeladores, en neveiras que contan cun sistema de alarma que avisa no caso de que a temperatura saíse fóra do rango determinado, ademais de espazos alternativos no caso dalgunha avaría ou incidencia.
Ao seren desconxeladas, as doses deben permanecer nunha temperatura de entre 2 e 8 graos e hai un prazo de cinco días para inoculalas. Os vehículos encargados do transporte --específicos para este labor-- contan con caixas que manteñen as vacinas á temperatura necesaria e que rexistran os graos de maneira continua. Transportan só as indicadas para cada xornada.
Cada dose da vacina é nominal, asignada a cada unha das persoas que as reciben e incluída nunha listaxe
É a Dirección Xeral de Saúde Pública quen tramita os pedidos das vacinas, que logo son transportadas segundo a organización que establece cada área sanitaria. No caso das residencias, a Consellería de Política Social facilita a listaxe das persoas que deben recibir cada dose.
As doses da vacina son nominais, asignadas a cada unha das persoas que as reciben. "Cada unha para unha persoa concreta que previamente foi citada e incluída nunha listaxe a través dun rexistro electrónico", explicaba Carmen Durán.
É a través desas listaxes como as enfermeiras encargadas da vacinación van rexistrando o número de vacinas administradas e as persoas que recibiron a dose. Fano nun ordenador portátil que forma parte do material que recibiu cada un dos equipos, xunto a un teléfono móbil e á instrumentación e medicación necesaria no caso dalgunha reacción adversa. É o seu labor, tamén, ter preparados e asinados os consentimentos informados de todas as persoas, así como preparar a lista dos días seguintes. Todo co máis minucioso detalle.
"O meu recoñecemento a todas elas porque sabían que viñan días de moi duro traballo", asegurou o pasado venres Carmen Durán, que destacou e valorou os numerosos "ofrecementos" de profesionais do Sergas para traballar nestes equipos de vacinación con experiencia e que pasaron un curso de formación previo á que se inscribiron máis de 7.000 profesionais.
Un transporte específico traslada as doses indicadas aos lugares de vacinación, coa refrixeración requirida; á volta, recolle os residuos e os viais non usados
Nos cursos detalláronse as características das vacinas, o manexo dos rexistros electrónicos, facilitáronse teléfonos para a resolución de dúbidas, así como material formativo e informativo. Ademais, dotouse dun código específico no 061 para posibles casos de reaccións adversas graves á vacina.
Logo da administración da vacina, do rexistro de cada vacinado e da comprobación das doses administradas, o mesmo transporte que traslada o necesario para a inoculación percorre o mesmo camiño á inversa polos lugares onde se leva a cabo para recoller os residuos, así como os viais que non se empregaron, e garantir así a trazabilidade.