O Sergas vacinou xa máis de 45.000 persoas contra a COVID entre residentes e traballadores dos centros de maiores e profesionais da sanidade. Coas 18.525 doses que chegan semanalmente a Galicia, a Xunta vacinou nesta altura un total de 19.451 usuarios e 13.900 profesionais en 525 residencias --das 556 que hai en Galicia--, ademais de arredor duns 12.500 sanitarios na primeira liña contra o coronavirus.
O Sergas vacinou xa máis de 45.000 persoas contra a COVID entre residentes e traballadores dos centros de maiores e profesionais da sanidade
Este é o primeiro balance realizado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, do plan de vacinación de Galicia durante a súa comparecencia na Comisión de Sanidade no Parlamento, na que aclarou que a previsión é que ao finalizar o primeiro trimestre estea inmunizado xa contra a COVID todo o persoal sanitario de Galicia --incluído o de ámbitos sociosanitarios como centros de día ou profesionais de axuda no fogar-- os residentes nos centros de maiores e os grandes dependentes.
Suporía, xa que logo, a inmunización neste primeiro trimestre dos ámbitos con máis impacto da COVID --tanto pola importancia dos brotes como os índices de mortalidade--, así como o persoal que traballa neses lugares de maior risco e maior número de falecementos. Centros de día, persoal de axuda no fogar e aquelas residencias que non puideron recibir aínda a vacina por acoller gromos nestas últimas semanas pecharían esta primeira gran fase de vacinación ata marzo.
Segundo avanzou a directora xeral, xa na segunda quincena do mes de febreiro teríanse administrado as dúas doses aos grupos de poboación prioritarios desta primeira fase: usuarios e persoal das residencias e persoal sanitario contra a COVID, "cumprindo os obxectivos fixados". En total, serán 25.000 profesionais do ámbito sanitario público e 1.200 da sanidade privada os que reciban a vacina nesta primeira fase.
Na segunda quincena de febreiro terían recibido as dúas doses todos os usuarios e traballadores de residencias e o persoal sanitario en primeira liña contra a COVID
Para completar esta segunda dose a estes colectivos, --que comezará a administrarse o vindeiro domingo en Compostela na mesma residencia onde empezou a campaña--, e ao ter que compaxinar centros de maiores e persoal sanitario, contarase con enfermeiras de medicina preventiva en colaboración cos equipos de vacinación COVID dentro do propio hospital.
O persoal de hospitalización a domicilio, 061 e hospitais privados desprazarase aos hospitais para recibir a vacina, mentres que o de Atención Primaria será vacinado nos seus lugares de traballo.
Ademais, Durán adiantou que o mércores chegou a Galicia a primeira entrega da vacina de Moderna, un total de 1.800 doses, e que se agarda recibir no mes de febreiro e marzo ata un total dunhas 31.000 doses.
No primeiro trimestre, Sanidade prevé ter inmunizado o persoal da sanidade e do ámbito sociosanitario, ademais de usuarios de residencias e grandes dependentes
Será daquela cando se dea o seguinte paso, a partir de mediados de febreiro, coa vacinación do resto de persoal dos hospitais, así como traballadores do ámbito sociosanitario (centros de día ou axuda no fogar) e grandes dependentes. Segundo as previsións de Durán, no primeiro trimestre deste ano teríase rematado a primeira gran fase, inoculando as dúas doses a todos os profesionais da sanidade e todos os residentes e empregados dos centros sociosanitarios.
Durante a súa comparecencia, Durán pediu a "colaboración de todos os axentes sociais e políticos" para dar unha "mensaxe común" e axudar no "correcto desenvolvemento da vacinación". "Necesitámolo para que a campaña sexa un éxito en Galicia", dixo, e para "facer consciente á sociedade da importancia" de acadar, o máis axiña posible, o maior número de poboación vacinada.
"Non debe ser unha competición por ver quen vacina máis, pero si unha competición por vacinar o maior número de persoas", di Durán
Ademais, lanzou unha mensaxe de "esperanza" e de "ánimo a todos aqueles que teñan dúbidas" para que se vacinen "por responsabilidade colectiva", tras gabar o "esforzo" do "corpo de elite" co que definiu os equipos de vacinación formado por enfermeiras.
"Non debe ser unha competición por ver quen vacina máis, pero si unha competición por vacinar o maior número de persoas, unha competición para acabar con esta enfermidade", insistiu, tras advertir dunha vacina "segura e eficaz" e do "bo camiño" no que está Galicia que, dixo, podería "asumir a vacinación dun maior número de cidadáns se dispuxera de máis vacinas".
"Vacinarse debería ser unha obrigación moral, ética e deontolóxica para o persoal sanitario", di Durán
Ademais, asegurou tamén que é "obriga" de toda a cidadanía inmunizarse coa vacinación contra a COVID por responsabilidade, epro advertiu de que "é dobre obrigación de todos os que exercen a sanidade, e debería ser unha obrigación moral, ética e deontolóxica". "E permítanme que o deixe aí", engadiu, tras defender que exista unha "ferramenta legal" que obrigue a vacinarse.
En resposta tamén aos deputados sobre o número de doses recibidas en Galicia, advertiu de que hai países "que van máis rápido pero porque compran diferente". "Non están na UE e o feito de que España si o estea terá unhas consecuencias positivas a medio e longo prazo pero que a día de hoxe penalizan", explicou.
Mentres, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que Galicia solicita máis vacinas contra a COVID “porque todas as que manda o Goberno de España para unha semana poderíamos poñelas nunha soa mañá”.
Segundo indicou, Galicia vacina a un ritmo superior á chegada de doses polo que pediu ao Executivo central que respecte o esforzo dos traballadores da sanidade galega e sexa dilixente cos envíos.