Galicia supera as 30 mil doses da vacina administradas, chegando ao 70% dos usuarios e persoal das residencias

Vacinación nunha residencia de maiores lucense © Deputación de Lugo

Galicia administrou ata este luns 30.418 doses da vacina contra a Covid-19, segundo os datos publicados polo Ministerio de Sanidade. A cifra supón o 81% do total de 37.555 doses recibidas ata o momento, á espera da chegada do terceiro envío, previsto para os vindeiros días.

Máis de 30 mil persoas usuarias das residencias e o seu persoal recibiron xa a primeira dose da vacina

As máis de 30 mil doses cubren xa a máis do 70% das persoas usuarias das residencias de maiores e de atención á discapacidade e o persoal sociosanitario que as atende, un total de 42.500 persoas. Neste colectivo, sinalado como prioritario no Plan Galego de Vacinación, quedarían pendentes de vacinar pouco máis de dez mil persoas. 

Cómpre ter en conta, en todo caso, que o feito de que estas persoas (ou calquera outra) reciban a primeira dose da vacina non significa que automaticamente estean inmunizadas contra a Covid-19 e que non poidan contaxiarse ou enfermar. Esta inmunización chegará unicamente a partir dunha semana máis tarde da administración da segunda dose (prevista para 21 días despois da primeira). É dicir, as persoas que están recibindo agora a súa primeira dose quedarán protexidas dentro dun mes, a comezos de febreiro.

A Xunta incumpriu a previsión de reservar un terzo das vacinas "por se se produce unha rotura do stock"

A pesar de que a pasada semana a Xunta de Galicia anunciara que ía "manter polo de agora unha reserva dun terzo das vacinas por se se produce unha rotura do stock para garantir a administración da segunda 
dose", os últimos datos amosan que incumpriu esta previsión, superando amplamente ese 66% e desbotando de momento a estratexia de reservar unha parte importante das vacinas.

A porcentaxe de vacinas administradas en Galicia é a máis elevada entre todas as comunidades autónomas do Estado

A porcentaxe de vacinas administradas en Galicia é a máis elevada entre todas as comunidades autónomas do Estado e supera amplamente a media española (54,6%). Tan só Asturias (79,9%) presenta unha porcentaxe semellante e a Comunidade Valenciana (74,6%), Cantabria (71,5%) e Castela-León (70,5%) tamén teñen cifras próximas á galega. Non obstante, o Goberno de Asturias subliña que os seus datos están actualizados con data do día 9 e que este luns xa ten administradas o 100% das doses e traballa xa coa nova remesa. Madrid presenta a porcentaxe máis reducida de vacinas administradas sobre as recibidas (25,2%) e territorios como Canarias, Aragón, Navarra, Murcia ou Euskadi tamén baixan do 50%.

Chegada das vacinas á residencia Porta do Camiño de Santiago CC-BY-SA Xunta

Todos os usuarios e persoal das residencias da Deputación de Lugo, vacinados

A totalidade das usuarias e usuarios e do persoal das residencias de maiores dependentes da Deputación de Lugo recibiu xa a primeira dose da vacina

A totalidade das usuarias e usuarios e do persoal das residencias de maiores dependentes da Deputación de Lugo recibiu xa a primeira dose da vacina, segundo informou o ente provincial. Este luns levouse a cabo a vacinación no Centro de Atención a Maiores de Trabada, despois de facelo en días anteriores nos de Pol, Ribadeo e A Fonsagrada. En total, recibiron a vacina 216 usuarios/as e traballadores/as, un proceso que se levou a cabo “con absoluta normalidade, sen incidencias”.

A Deputación salienta que este paso trouxo "esperanza" ás residencias, xa que os usuarios e usuarias “levan moitas meses coas saídas limitadas, vendo pouco aos seus familiares e ver que xa recibiron a primeira dose axúdalles ao seu benestar emocional”. Así mesmo, sinala que isto "non pode permitir baixar a garda" e que "cómpre seguir na mesma liña que a seguida ata o momento". Con respecto ás visitas de familiares, a institución provincial xa viña restrinxindo as entradas de familiares nos centros a unha persoa por usuario/a á semana antes das novas medidas decididas pola Xunta, co obxectivo de minimizar o risco de contaxio e protexer aos e ás maiores.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.