Ata 6.000 traballadoras e traballadores da sanidade pública galega. Esa é o número de profesionais da sanidade galega á que o Sergas tiña pensado administrar este mércores a primeira dose da vacina contra a COVID na primeira xornada de vacinación para este colectivo.
O Sergas tiña previsto administrar a primeira dose da vacina a 6.000 sanitarios de primeira liña contra o coronavirus neste mércores
Profesionais de Atención Primaria, xunto con aquel con tamén maior risco de exposición ao coronavirus --de plantas de hospitalización, UCI, 061, Urxencias, persoal encargado de probas PCR ou de microbioloxía, oncoloxía, hematoloxía ou medicina preventiva-- serán os primeiros en recibir esta primeira dose da vacina noutra xornada de esperanza nos hospitais e centros de saúde de Galicia.
Sanidade prevé que ata o luns sexan vacinados coa primeira dose 20.000 traballadores e traballadoras do Sergas
Desde este mércores e ata o vindeiro luns, a previsión do Sergas é que 20.000 profesionais sanitarios reciban esta primeira dose, unha inoculación inicial que, de cumprírense as previsións da Xunta, tería sido xa administrada a todos os residentes e persoal das residencias de maiores libres de gromos de COVID en Galicia --perto de 40.000-- esta mesma semana. A tal hora, son máis de 33.000 as administradas xa nos centros de maiores.
Xa que logo, e á espera dos datos oficiais, Sanidade calcula que arredor de 60.000 persoas, entre traballadores e usuarios de residencias e "persoal de primeira liña COVID en centros sanitarios" teña a primeira dose da vacina administrada o vindeiro luns.
O feito de que estas persoas reciban a primeira dose da vacina non significa que automaticamente estean inmunizadas contra a COVID nin que non poidan contaxiarse ou enfermar. Esta inmunización chegará unicamente a partir dunha semana máis tarde da administración da segunda dose (prevista para 21 días despois da primeira). É dicir, as persoas que están recibindo agora a súa primeira dose quedarán protexidas dentro dun mes, a comezos de febreiro.
No caso do persoal sanitario, o plan de vacinación está organizado polas xerencias de cada área sanitaria. Belén Iglesias, médica de Atención Primaria no centro de saúde da Casa do Mar na Coruña, foi unha das primeiras vacinadas nesa área sanitaria, nunha xornada que cualificou de "histórica" tras advertir do "tsunami" que supón ao aumento de casos dos últimos días e pedir "conciencia social" e "prudencia".
"Isto vainos dexiar os sanitarios a empezar a ter vida, pero mentres non teñamos unha cobertura vacinal imporante, a xente ten que seguir sendo moi precavida. Quedan aínda meses, isto non acabou", reflexionou Iglesias.
En todas as áreas sanitarias, os seus responsables destacaron a ausencia de incidencias, así como a "total aceptación" da vacina e o consentimento "masivo" dos profesionais sanitarios.
Neste xoves, a Consellería de Sanidade ten previsto informar no Consello da Xunta da evolución do plan de vacinación en Galicia que, segundo os datos do Ministerio de Sanidade a 13 de xaneiro, é a terceira comunidade en porcentaxe de vacinas administradas sobre as entregadas: o 67,3%, só por baixo de Asturias e a Comunitat Valenciana.