Galicia comeza a administrar a segunda dose da vacina e inicia a inmunización contra a COVID

Nieves Cabo recibe a segunda dose da vacina contra a COVID CC-BY-SA Xunta

Galicia inicia a inmunización contra a COVID dos primeiros grupos de poboación prioritarios menos de dez meses e medio despois de confirmar o primeiro caso

"Estou ben, ben, ben., Non a sentín sequera". Pasadas as 8.20 horas da mañá, Nieves Cabo recibía a segunda dose da vacina contra a COVID, 21 días despois de que lle fose administrada a primeira, o pasado 27 de decembro, converténdose así na primeira persoa vacinada en Galicia. 

Agora, menos de dez meses e medio despois de que se confirmase o primeiro caso de coronavirus en Galicia, o Sergas comeza a inmunización dos primeiros grupos de poboación prioritarios: persoas usuarias e traballadores das residencias, que antes de finalizar o mes de febreiro acadarán a inmunidade contra a doenza. 

Nieves Cabo, compostelá de 82 anos residente no centro sociocomunitario Porta do Camiño de Santiago, acadará a inmunización total o vindeiro domingo, unha semana despois de recibir a segunda dose, período necesario para que a vacina de Pzifer acade a súa eficacia completa. 

"Á xente diríalle que non deixen de vacinar, que é unha cousa marabillosa", anima Nievs Cabo

"Á xente diríalle que non deixen de vacinar, que é unha cousa marabillosa", asegurou esta muller, que será a primeira persoa protexida contra o coronavirus en Galicia, que causou xa máis de 1.500 mortes, moitas delas en residencias de maiores. 

Logo de Nieves, varias traballadoras da residencia Porta do Camiño foron tamén vacinadas, sendo xa varias as persoas que completaran a vacinación en Galicia a primeiras horas da mañá deste domingo. 

A directora do centro, Vanesa Castro, dixo que todo o persoal sentíase moi "afortunado" por ter o "privilexio" de ser a primeira residencia en que acadará a inmunización e lembrou a alegría dos usuarios, xa en canto recibiron a primeira dose. "Foi como un regalo de Reis, desfrutando o momento e esperando que isto sexa para ben, que nos inmunice e poidamos facer unha vida normal", engadiu. 

Ademais, lembrou os "meses duros" que foron e "seguen" supoñendo a pandemia, e animou a toda a cidadanía a vacinarse porque "para iso están os expertos, para deixarse aconsellar por eles. "Que menos que que todo o mundo se vacine para conseguir entre todos acabar con isto", rematou. 

Nieves Cabo, tras recibir a segunda dose da vacina CC-BY-SA Xunta

Agora, desde este luns, o Sergas compaxinará a vacinación da segunda dose en todas aquelas persoas que foron recibindo a primeira hai tres semanas coa continuación da administración da primeira ao persoal sanitario de primeira liña, uns 26.000 profesionais que terán todos recibido esa primeira inoculación nesta vindeira semana

A Xunta prevé ter administrada nun mes xa a segunda dose a todos os maiores e profesionais das residencias e os sanitarios da primeira liña contra a COVID

A Xunta prevé que na segunda quincena do mes de febreiro xa terá administradas as dúas doses aos grupos de poboación prioritarios, é dicir, os maiores e profesionais das residencias e o persoal sanitario da primeira liña. Pasarán a formar parte da poboación inmunizada, un grupo ao que se unirán antes de que finalice marzo, segundo os cálculos do Sergas, o resto do persoal sanitario de Galicia --incluído o de ámbitos sociosanitarios como centros de día ou profesionais de axuda no fogar-- e os grandes dependentes, ademais dos residentes e os traballadores dos centros de maiores que non recibisen antes as vacinas por haber un gromo no seu recinto. 

O Goberno central asegura a segunda dose a todas as persoas que tiñan previsto recibila esta semana malia o atraso no subministro de Pzifer

O Ministerio de Sanidade asegurou este sábado que todas as persoas que se vacinaron coa primeira dose da vacina, e que nesta semana terían que recibir a segunda, van recibilia, malia o atraso no subministro que anunciou Pzifer. Ademais, o Goberno central advertiu que primariá aquelas comunidades que máis doses administraron nos primeiros días da vacinación para evitar perder o efecto da medicación. 

Así, Galicia será das que máis viais reciba, logo de ter administrado --a data de 15 de xaneiro-- case 50.000 vacinas, a maioría a residentes e persoal dos centros de maiores e unha importante cantidade tamén a profesionais sanitarios na primeira liña contra a covid. En total, o 86% das doses recibidas polo Ministerio. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.