O pasado 27 de decembro administráronse en Galicia as primeiras doses da vacina contra a Covid-19. Foi un día de esperanza na que por primeira vez puido verse no horizonte (máis ou menos próximo) a posibilidade do control da enfermidade. Aínda que estamos a vivir a emerxencia da terceira onda da pandemia como consecuencia da relaxación das medidas de prevención durante o Nadal, a vacinación avanza día a día, sumando xa ao redor de 40.000 doses administradas en Galicia, e iniciando a protección da maior parte das persoas usuarias e persoal das residencias.
Hai moitas preguntas sobre as vacinas e a vacinación e a información é sempre o mellor instrumento contra os bulos, fake news e alburgadas. Velaquí algunhas delas
O ritmo deberá aumentar aínda moito máis nos vindeiros meses, nas que comezarán a ser moi familiares os nomes das distintas vacinas que chegarán: Pfizer (a que xa está a ser administrada e da que o Estado español recibirá 30 millóns de doses), Moderna (xa aprobada e da que España terá 16 millóns), Johnson & Johnson, AstraZeneca/Oxford, Novavax, Sanofi, CureVac... Todas elas serán inxectadas no noso país, segundo vaian sendo aprobadas e distribuídas e todas elas serán necesarias para poder chegar a toda a poboación nos prazos previstos.
Hai moitas preguntas sobre as vacinas e a vacinación e a información é sempre o mellor instrumento contra os bulos, fake news e alburgadas. Velaquí algunhas delas
1- Cal vai ser a orde na vacinación? Cando me toca?
Entre marzo e xuño será a quenda de "outros grupos prioritarios" aínda non anunciados
A vacinación, que deu comezo hai uns días, iniciouse nuns determinados colectivos de risco: usuarios/as e persoal das residencias de maiores e persoas con discapacidade, personal sanitario e sociosanitario en "primeira liña" e persoas con gran dependencia que non se atopen en residencia. Todas estas persoas serán vacinadas antes de que remate o mes de marzo.
Entre marzo e xuño será a quenda de "outros grupos prioritarios" aínda non anunciados (persoas maiores de 64 anos, sectores esenciais, persoas que traballan en espazos pechados, poboación vulnerable social e economicamente, persoas con condicións de risco...). A partir de xuño vacinaríase o resto da poboación.
2- As vacinas aprobadas son seguras? Como é posible que se aprobaran tan rapidamente?
As vacinas aprobadas ata o momento (e aquelas que sexan aprobadas nos vindeiros meses) foron sometidas a unha avaliación exhaustiva por parte da Axencia Europea do Medicamento. As vacinas son, polo tanto, seguras e as posibles contraindicacións e efectos secundarios inmediatos foron estudados a través de ensaios clínicos nos que participaron decenas de miles de persoas. Non houbo tempo para comprobar os posibles efectos a longo prazo das vacinas (varios meses despois da súa administración), que adoitan ser moi estraños.
O desenvolvemento e aprobación das vacinas foi moi rápido. Isto foi debido ao bo traballo de científicos de todo o planeta, a unha simplificación dos trámites e procedementos e, sobre todo, ás grandes cantidades de diñeiro investidas
O desenvolvemento e aprobación das vacinas foi moi rápido. Menos dun ano despois do descubrimento do SARS-CoV-2 comezaron a administrarse as primeiras doses. Isto foi posible por unha conxunción de razóns, algunhas de tipo científico (o virus foi rapidamente illado e o seu xenoma secuenciado e a información foi compartida entre científicos de todo o planeta, que comezaron a traballar en paralelo), outras de tipo institucional (algúns dos trámites foron simplificados, permitindo que as vacinas iniciasen máis rapidamente as sucesivas fases de ensaio) e, sobre todo, de tipo económico: a necesidade de contar con esta vacina fixo que houbese moito máis financiamento para levar adiante os distintos proxectos e ensaios clínicos, que noutras ocasións deben contar cunha seguridade de éxito case total para contar con este apoio económico.
3- En que momento comezan as vacinas a ser eficaces?
As vacinas de Pfizer e Moderna, as únicas aprobadas de momento en Europa, teñen unha eficacia do 95% e do 94,1%, segundo amosaron os ensaios clínicos levados a cabo en decenas de milleiros de persoas en todo o planeta. Porén, esta eficacia só se acada días despois da administración dunha segunda dose. No caso de Pfizer debe haber unha separación de 21 días entre as dúas doses e no de Moderna de 28 días. A maior parte das restantes vacinas que se administrarán en España (AstraZeneca/Oxford, Novavax, Sanofi, CureVac...) requiren de dúas doses e a inmunidade acádase despois desta segunda dose.
As vacinas de Pfizer e Moderna acadan unha eficacia do 94% ou 95% só despois da aplicación da segunda dose (un mes despois da administración da primeira)
Por esta razón, unha persoa que recibiu a primeira dose da vacina ten a posibilidade de contaxiarse e enfermar nos días seguintes, pois ata unha semana despois de recibir a segunda dose, a vacina non acada a súa eficacia completa. Así mesmo, as empresas produtoras só garanten a eficacia das vacinas se a segunda dose é administrada nos prazos previstos, por iso está a ser criticada a decisión de varios países de adiar unhas semanas esta segunda inxección.
En calquera caso, aínda que unha persoa estea inmunizada deberá manter as actuais medidas de prevención, cando menos, ata que se acade a inmunidade de grupo no conxunto do Estado.
4- As persoas que nos últimos meses se contaxiaron da Covid-19 e superaron a enfermidade deben vacinarse?
Si, vacínanse de xeito normal na quenda que corresponda aos seus colectivos (no caso de ser usuarios/as ou persoal de residencias xa o están a facer). É certo que pasaron a enfermidade desenvolven unha resposta inmune protectora, pero de momento aínda se descoñece a duración desta protección e tamén o seu efecto real no caso de ser contaxiados de novo.
5- As persoas vacinadas poden transmitir o virus?
Os ensaios clínicos desenvolvidos ata agora probaron a eficacia das vacinas á hora de evitar os síntomas graves da Covid-19. É dicir, evitan que as persoas infectadas enfermen, pero aínda non está probado que impidan ou limiten a posibilidade de contaxiarse ou de transmitir o virus. "Isto irá coñecéndose a medida que se vaia vacinando a poboación", sinala o Ministerio de Sanidade.
6- As vacinas protexen contra as novas variantes, cepas e mutacións do virus?
As vacinas evitan que as persoas infectadas enfermen, pero aínda non está probado que impidan ou limiten a posibilidade de contaxiarse ou de transmitir o virus
Os virus están a mutar continuamente no seu proceso de multiplicación nas células humanas e así o leva facendo o SARS-CoV-2 dende hai meses. Todas estas mutacións (como por exemplo a detectada hai unhas semanas no Reino Unidos, que levaba moito tempo circulando, tamén no Estado español) implican modificacións moi puntuais do seu xenoma e non afectan á totalidade da proteína S, que é a clave do funcionamento das vacinas de Pfizer e Moderna. "A vacina estimula o sistema inmune para enfrontarse a diferentes puntos diana da proteína S do virus, polo que pode impedir a súa unión aos receptores a pesar de certas mutacións", sinala o Ministerio de Sanidade.
7- Cando se acadaría a inmunidade de grupo?
As vacinas son eficaces contra mutacións e cepas coma a variante descoberta no Reino Unido
A inmunidade de grupo acádase cando nun territorio máis do 66% da poboación está inmunizada. Dado que as vacinas autorizadas teñen unha eficacia que supera o 90%, cómpre chegar a unha porcentaxe de poboación vacinada ao redor do 70%. Os cálculos do Goberno español é que esa porcentaxe se acadará a finais do verán.
8- A vacinación é obrigatoria?
Non, a vacina non é obrigatoria, pero é altamente recomendable vacinarse, para protexer a saúde persoal e tamén para axudar a conter a transmisión no conxunto da sociedade. Non vacinarse é un dereito, pero tamén supón unha mostra de enorme egoísmo.
9- Como funcionan as vacinas xa aprobadas e as que chegarán nos vindeiros meses?
As vacinas tradicionais baseábanse na introdución no organismo dun virus debilitado, pero as de ARN mensaxeiro ou as baseadas en proteínas empregan técnicas máis novidosas
As vacinas serven para que o organismo xere anticorpos para defenderse contra un patóxeno. No caso das vacinas que loitan contra a Covid-19, o obxectivo é que as nosas defensas actúen contra unha proteína do virus SARS-CoV-2 chamada proteína S, que é clave para que o virus se una ás células humanas. Isto pode facer de distintas maneiras. As vacinas tradicionais baseábanse na introdución no organismo dun virus debilitado ou inactivado e esta ferramenta mantense nas vacinas desenvolvidas por AstraZeneca e por Johnson & Johnson.
Porén, varias das restantes vacinas empregan instrumentos máis novidosos. É o caso das vacinas de Pfizer e Moderna e tamén da desenvolvida por CureVac, aínda pendente da súa avaliación e aprobación por parte das autoridades europeas. Todas elas empregan ARN mensaxeiro, que a través de nanopartículas introduce instrucións para que as células do corpo humano produzan proteínas S, exclusivas do virus. O sistema inmunitario da persoa recoñece que esta proteína exclusiva non debe estar no organismo e responde producindo defensas naturais contra a infección por COVID-19.
Para acadar a inmunidade de grupo, é necesario vacinar a máis do 70% da poboación
Finalmente, as vacinas de Sanofi e Novavax (tamén pendentes da súa aprobación) introducen directamente fragmentos da proteína S, desencadeando a resposta do organismo, que se defende contra ese elemento estraño.
10- As vacinas de Pfizer e Moderna teñen contraindicacións?
A vacina está contraindicada nas persoas con historial de reaccións alérxicas graves a algún dos seus compoñentes
As vacinas están contraindicadas nas persoas con historial de reaccións alérxicas graves (por exemplo, anafilaxia) a algún dos compoñentes da vacina (que poden consultarse aquí). Pode consultarse a información, en inglés, da vacina de Moderna na Axencia Europea de Medicamentos.
Nas persoas que teñan alerxias a outras vacinas e medicamentos con compoñentes non presentes nesta vacina, deben gardarse unhas mínimas precaucións, observando posibles reaccións nos 30 minutos posteriores á vacinación. A vacinación non está contraindicada en persoas con outras alerxias (alimentarias, a animais, insectos, alérgenos do ambiente, látex ou outras alerxias). Con todo, tras a administración da vacina debe observarse calquera posible reacción durante 15 minutos.
11- As vacinas de Pfizer e Moderna teñen efectos secundarios adversos?
As vacinas aprobadas ata o momento presentan efectos secundarios moi semellantes aos de calquera outra vacina
Os efectos adversos observados nos ensaios clínicos da vacinas pódense consultar nos seus prospecto e fichas técnicas (aquí os de Pfizer e aquí os de Moderna). A vacina de Pfizer pode provocar unha lixeira dor ou inchazón no lugar da inxección, febre, dor de cabeza, dor muscular..., efectos secundarios moi semellantes aos de calquera outra vacina. Conta, ademais con efectos adversos máis graves, pero tamén máis raros, como reaccións alérxicas. En calquera caso, o que sucede habitualmente con calquera tipo de vacina ou con boa parte dos medicamentos.
12- Poden vacinarse as persoas inmunodeprimidas ou en tratamento inmunosupresor?
As persoas inmunodeprimidas (incluíndo persoas co VIH) ou en tratamento inmunosupresor poden ter un risco aumentado de padecer COVID-19 grave, polo que deben recibir a vacina a non ser que esta contraindicada por algún motivo concreto. É certo que aínda non hai datos definitivos sobre a seguridade e eficacia da vacina nesas persoas, pero é importante que sexan vacinadas para poder protexerse. Neste caso, os beneficios superan aos hipotéticos riscos. Ademais, as vacinas de Pfizer e Moderna non conteñen virus vivos debilitados, polo que non poden infectar as persoas vacinadas.
13- Poden vacinarse as mulleres embarazadas ou que están a dar o peito?
Ante a falta de información sobre os posibles efectos, as mulleres embarazadas ou que estean a dar o peito previsiblemente quedarán fóra de momento da administración da vacina
O Ministerio de Sanidade indica que "aínda que non hai ningunha indicación de problemas de seguridade na vacinación de embarazadas, non hai evidencia suficiente para recomendar o seu uso durante o embarazo". Así, aconsella pospor a vacinación de embarazadas "até o final da xestación", pero "se a embarazada ten alto risco de exposición ou alto risco de complicacións, pode valorarse a vacinación de maneira individualizada". En calquera caso, destácase que as actualmente dispoñibles son vacinas de ARNm que non conteñen virus vivos, polo que é moi probable que non ocasionen problemas no feto nin na embarazada.
Tampouco hai aínda información sobre os posibles efectos da vacina durante a lactación, aínda que o normal sería que ningunha das dúas vacinas autorizadas ata agora (Pfizer e Moderna) supuxese risco ningún para a crianza lactante. Por ese motivo, tamén se desaconsella a vacinación para as mulleres que están a dar o peito, pero "no caso de mulleres que aleitan e que teñen alto risco de exposición ou alto risco de complicacións pode valorarse a vacinación de maneira individualizada", di Sanidade.
14- Poden vacinarse as persoas que están a tomar Sintrom ou outros anticoagulantes?
As persoas en tratamento crónico con anticoagulantes (como Sintrom e outros) que manteñan controlado e estable o indicador INR (Índice internacional normalizado), poden recibir a vacinación intramuscular sen problema. En caso de dúbida deben consultar co persoal clínico responsable do seu tratamento.
15- A vacinación suporá a fin da pandemia?
A vacina limitará moito a circulación do virus e os seus efectos, pero nada garante que a Covid-19 non regrese todos os anos, como fai a gripe común, obrigando a sucesivas vacinacións
Iso é o que se espera, pero non pode ser asegurado. Mesmo no caso de que un país acade a inmunidade de grupo nos vindeiros meses (o que, dende logo, limitaría ao mínimo a circulación do virus e os seus efectos), nada garante que o inverno que vén o SARS-CoV-2 mute de forma suficientemente importante para reducir a protección achegada polas vacinas. Iso obrigaría a vacinar de novo á poboación (acadar novas vacinas eficaces contra a nova versión do virus non sería difícil), e pode que isto tivese que ser repetido todos os anos (cando menos nos grupos máis vulnerables), como de feito xa se está a facer na actualidade coa gripe común.
Cómpre lembrar, igualmente, que aínda que nos vindeiros meses as vacinas chegarán de forma xeneralizada a todos os países desenvolvidos, moitos outros países deberán agardar, o que afastaría a inmunización da poboación nestes lugares. China está xa ofrecer a moitos países algunha das vacinas producidas polos seus científicos e o mecanismo Covax (Fondo de Acceso Global para Vacinas Covid-19) achegará millóns de doses a países do terceiro mundo. Tamén a UE anunciou que as doses sobrantes nos países europeos serán enviadas a estes lugares. Con todo, o proceso será aínda longo.