A nova escalada de positivos da COVID en residencias galegas evidencia a importancia da vacinación

Preparación de vacinas da COVID-19 para a súa administración nunha residencia de maiores de Ponteareas o 29 de decembro de 2020 CC-BY-SA Xunta

A Estratexia de Vacinación contra a COVID-19 do Ministerio de Sanidade e a súa translación ao no Plan Galego de Vacinación fronte ao coronavirus determinaron que a inmunización comezase polas residencias de persoas anciás e en situación de dependencia, un dos puntos máis febles fronte á pandemia. Con datos actualizados a 12 de xaneiro de 2021, ata 590 residentes nestes centros faleceron tras contraer a COVID, o que supón o 40% dos 1.462 falecementos rexistrados en Galicia dende o comezo da pandemia.

Ata 590 residentes en centros de maiores e persoas con discapacidade faleceron en Galicia tras contraer a COVID

A importancia de completar a inmunización nestas residencias o antes posible volve quedar patente no inicio da nova vaga da pandemia, que nos últimos días está a bater récords de novos casos no conxunto de Galicia. Este empeoramento estase a reflectir tamén entre as persoas que viven en centros de maiores, cunha escalada que se disparou de vez na última semana ata chegar, a 12 de xaneiro, a 337 casos activos entre residentes tras varios brotes de importancia.

Entre estes brotes destaca o rexistrado na residencia Paz y Bien, en Tui. Tras a confirmación de 15 novos contaxios entre persoas residentes e un máis no cadro de persoal, o Sergas elevaba este martes ata 66 os casos de persoas usuarias desta residencia e 16 entre o persoal. Pouco despois, a propia Xunta confirmaba a intervención do centro por parte das consellerías de Sanidade e Política Social co obxectivo, sinalan, de "garantir a calidade asistencial" e a "protección da saúde".

A Xunta intervén a residencia Paz y Bien de Tui, con 66 contaxios entre persoas residentes; a dirección defende que "non fomos intervidos por mala xestión", senón "porque o 95% do persoal de enfermaría está de baixa"

Sinalan ambos departamentos autonómicos que "un equipo da Consellería de Política Social" se desprazou xa ao centro. Alí, din, van "facer un seguimento permanente sobre a situación dos residentes" e "vixiar a correcta aplicación das medidas de prevención, seguridade e hixiene fronte á COVID-19". 

Esta residencia é propiedade da congregación relixiosa Hermanas Franciscanas Hospitalarias de la Inmaculada Concepción. A dirección do centro, nun comunicado difundido a través das redes sociais, sinala a súa intención de "deixar ben claro" que "fomos intervidos non por mala xestión, desatención nin desorganización", senón "porque o 95% do noso persoal de enfermaría está de baixa e non fomos capaces de conseguir enfermeiras para contratar, así que tivemos que apelar ao Sergas para que nos remitisen enfermeiras" e "a única maneira", agregan, era "que nos interviñesen". Asegura tamén a dirección deste centro que "se están publicando moitas noticias que son falsas" sobre a súa xestión.

Administración da primeira dose da vacina da COVID nunha residencia de Vilagarcía o 29 de decembro de 2020 CC-BY-SA Xunta

Alén da devandita residencia tudense, o Sergas confirmaba tamén este 12 de xaneiro o incremento do relevante brote na residencia de maiores Ribeira, onde están afectadas pola COVID-19 un total de 66 residentes tras confirmarse 44 casos positivos. Os membros do cadro de persoal afectados son, polo momento, só 3. Esta residencia é propiedade da Xunta, pero ten encomendada a súa xestión á DomusVi.

A inmunidade propiciada pola vacina só se produce tras a segunda dose, que non pode administrarse antes de que transcorran tres semanas dende a primeira

Con este pano de fondo, Política Social aseguraba este martes que vén de reiterar aos centros de maiores a necesidade de extremar as medidas de prevención do virus en pleno proceso de vacinación, pero tamén en pleno incremento de contaxios no marco da nova vaga da pandemia. Non en van, nalgúns dos centros agora afectados por brotes da COVID-19 -caso do de Ribeira-, as persoas residentes xa recibiron a primeira dose do antídoto de Pfizer contra o coronavirus, pero a inmunidade non chega ata arredor dunha semana despois da administración da segunda dose, que non pode ser inxectada, como mínimo, ata 21 días despois da primeira.

Neste contexto, o Goberno galego impuxo, inmediatamente despois de Reis, fortes restricións á mobilidade das persoas residentes nestes centros. Concretamente, suprimiu todas as saídas para as persoas usuarias destes centros e limitou as visitas de familiares a unha por semana e só dun único familiar. Fano, xustifican, para reducir os riscos e impedir que os brotes atranquen o proceso de vacinación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.