O empeoramento da situación epidemiolóxica en Galicia facía previsible un endurecemento das restricións en varios concellos, especialmente nas cidades. Porén, finalmente as novas medidas, anunciadas este venres pola tarde pola Consellaría de Sanidade, limítanse ás cidades de Compostela, A Coruña e Ourense e a algúns concellos das súas áreas.
Santiago de Compostela, Ames e Teo pasan ao nivel máximo de risco. A Coruña (e con ela Arteixo, Culleredo e Cambre) e Ourense (e coa cidade tamén Barbadás) pasan ao nivel de risco alto
Santiago de Compostela, Ames e Teo pasan ao nivel máximo de risco, que implica que a hostalaría deberá pechara ás 18 horas, só poderá servir en terraza (ao 50%) e as xuntanzas nestes espazos estarán limitadas a catro persoas non convivintes. Ademais, establécese un peche perimetral conxunto nestes tres concellos.
Mentres, A Coruña (e con ela Arteixo, Culleredo e Cambre) e Ourense (e coa cidade tamén Barbadás) pasan ao nivel de risco alto, con medidas moi semellantes (peche ás 18 horas, máximo catro non convivintes e terrazas ao 50%), pero onde a hostalaría podería servir no seu interior (cunha capacidade máxima do 30%). No caso da Coruña mantéñense as actuais limitacións de mobilidade (cun peche perimetral compartido con Arteixo, Culleredo e Cambre) e no de Ourense, a mobilidade pasa a estar limitada, cun peche perimetral conxunto con Barbadás. Deste xeito, Lugo pasa a ser a única cidade galega sen peche perimetral.
Julio García Comesaña, instou á cidadanía a limitar ao máximo os encontros sociais e a mobilidade, recomendando un "autoconfinamento" nos vindeiros días para tentar limitar a propagación do virus
Así mesmo, a Xunta anunciou a ampliación ata finais de xaneiro do actual peche dos límites da comunidade autónoma, que persegue sobre todo o peche da fronteira con Portugal, especialmente en Verín e Tui. Tan só se autorizarán as entradas e saídas de Galicia con motivos xustificados. As novas medidas entrarán en vigor na medianoite do venres ao sábado despois de ser publicadas no DOG.
Non resto de Galicia non hai cambios. Porén, a Xunta volverá revisar as súas medidas o vindeiro martes e, de non mudar a actual tendencia de ascenso no número de contaxios, as restricións volverán endurecerse. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, instou á cidadanía a limitar ao máximo os encontros sociais e a mobilidade, recomendando un "autoconfinamento" nos vindeiros días para tentar limitar a propagación do virus.
Julio García Comesaña subliñou que o Goberno galego ve "con preocupación o incremento de positivos en Galicia" e lamentou que durante as celebracións de nadal moitas persoas non cumprisen coas normas e recomendacións
Na súa intervención Julio García Comesaña subliñou que o Goberno galego ve "con preocupación o incremento de positivos en Galicia" e lamentou que durante as celebracións de nadal moitas persoas non cumprisen coas normas e recomendacións. O conselleiro destacou que "as festas e botellóns expandiron a Covid-19".
Comesaña anunciou que nos vindeiros días a Consellaría de Sanidade redobrará os esforzos para tentar contar a expansión da pandemia, que xa entrou na súa "terceira vaga", destacou. Así, aumentará o esforzo na realización de rastrexo de contactos para detectar precozmente os casos e tamén se levarán a cabo máis cribaxes, poboacionais e de búsqueda activa de casos, por exemplo na Illa de Arousa ou Bueu. Algunha destas cribaxes estarán dirixidas a grupos específicos, por exemplo ao estudantado universitario.
De feito, os e as universitarias que regresen dos seus lugares de orixe, logo de pasar as vacacións de Nadal, ás cidades onde estudan, poderán de novo inscribirse no rexistro de viaxeiros/as para solicitar que se lles faga unha PCR.
Nas residencias de maiores, as persoas usuarias non poderán abandonar as instalacións e, ademais, as visitas quedarán limitadas a unha por semana e só dun único familiar
De igual xeito, tamén se incrementará o uso de test de antíxenos na atención primaria que aínda que non substitúen ás probas PCR, si permite un primeiro diagnóstico máis rápido (en só 15 minutos).
Hai cambios, ademais, nas residencias de maiores, onde se incrementará o control para tentar evitar contaxios e mortes. As persoas usuarias destes centros non poderán abandonar as instalacións e, ademais, as visitas quedarán limitadas a unha por semana e só dun único familiar, para reducir os riscos e axudar no proceso de vacinación que se está a levar a cabo.
A vacinación é "a terceira arma", xunto cos restrexos e cribaxes, coa que o Goberno galego busca frear a COVID. Galicia leva administradas 24.750 vacinas das 37.555 que recibiu, segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade este venres pola tarde. Isto supón o 66% das unidades recibidas, unha porcentaxe que case duplica a media española (37,4%) e implica que Galicia é a segunda comunidade autónoma, despois de Asturias, que administrou unha maior proporción das súas vacinas. Estes datos supoñen, ademais, que xa están vacinadas case a metade das usuarias/os e persoal das residencias de maiores, que suman 42.000 persoas. O conselleiro de Sanidade anunciou que o seu departamento espera que a finais da semana que vén a totalidade das usuarias, usuarios e persoal das residencias reciba a primeira dose da vacina.