Os datos da pandemia de COVID continúan a empeorar en Galicia, no día en que a Consellaría de Sanidade anunciará novas medidas que, previsiblemente, suporán un endurecemento das restricións en moitas zonas do país. De momento, todos os indicadores seguen a medrar, a maior ou menor ritmo, e aínda condicionados pola sucesión de días festivos nas últimas semanas, que está a invisibilizar boa parte do empeoramento da situación. O ritmo de realización de probas de detección é aínda baixo e moitos dos posibles novos casos están aínda comezando a ser diagnosticados.
Este venres a Consellaría de Sanidade informa de 535 novos positivos detectados por proba PCR nas últimas 24 horas
Ademais, ata a vindeira semana non se percibirán con claridade as consecuencias das reunións e do incremento da mobilidade das últimas dúas semanas. O período medio de incubación do virus SARS-CoV-2 é de 5 ou 6 días, pero pode ser maior; ademais, o tempo medio entre a aparición dos primeiros síntomas e a súa detección polo sistema sanitario é de 2 ou 3 días. Estamos aínda, polo tanto, recibindo os primeiros efectos dos encontros da Noiteboa e Nadal e polo momento os novos positivos detectados non proceden de contaxios producidos na Noitevella e moito menos no día de Reis.
Estamos aínda recibindo os primeiros efectos dos encontros da Noiteboa e Nadal e polo momento os novos positivos detectados non proceden de contaxios producidos na Noitevella e moito menos no día de Reis
Este venres a Consellaría de Sanidade informa de 535 novos positivos detectados por proba PCR nas últimas 24 horas. A cifra está por debaixo da rexistrada nos dous últimos días, pero cómpre ter en conta que corresponden a un número moi inferior de probas de detección (6.269 fronte ás case 8.000 dos dous últimos días), probablemente un efecto do Día de Reis. Polo tanto, non hai unha mellora na situación, senón un empeoramento, observable na taxa de positividade (porcentaxe de probas PCR cun resultado positivo), que supera xa claramente o 8% despois de dúas semanas de ascenso ininterrompido.
Estes 535 novos positivos, unidos a unha actualización da serie de casos publicada polo SERGAS, elevan a máis de 450 o número medio de infeccións detectadas na última semana, fronte ás 300 do pasado 27 de decembro, hai dez días.
A taxa de positividade chega xa ao 8,15% en Galicia, na media dos datos da última semana. O indicador achégase ás cifras máis elevadas acadadas na segunda onda da pandemia, a comezos de novembro, cando roldou o 8,3%. O pasado 24 de novembro a taxa de positividade era do 3,58% e a OMS considera que a partir do 5% córrese o risco de que a infección se propague sen control.
A Coruña é a área sanitaria con peores datos, cunha taxa de positividade superior ao 12%
A Coruña é a área sanitaria con peores datos dende hai días, cunha porcentaxe de probas PCR cun resultado positivo superior ao 12%. Ferrol supera o 10%, Pontevedra o 9% e Ourense tamén se sitúa por riba da media galega. Santiago e Lugo son as áreas sanitarias con mellores datos (por debaixo do 7%), pero tamén nun claro ascenso.
A Incidencia Acumulada a 14 días pasou de 174 a 214 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos cinco días
A Incidencia Acumulada (IA), medida en número de novos casos (diagnosticados por proba PCR) por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, leva en ascenso dende mediados de decembro. O indicador pasou de 174 a 214 casos nos últimos cinco días. Este ascenso é aínda máis claro ao observar os datos da IA dos últimos sete días, que pasou de 97 a 121 dende o pasado sábado 2 de xaneiro. A pesar de que a sucesión de festivos está a invisibilizar o empeoramento da situación, a incidencia acumulada medrou un 23% nos últimos cinco días.
Por áreas sanitarias, Santiago e A Coruña son as que presentan unhas maiores incidencias acumuladas, achegándose aos 250 casos por cada 100.000 habitantes, o límite a partir do cal o Ministerio de Sanidade considera que un determinado territorio entra nunha situación de risco 'moi alto'.
Nas residencias de maiores, este venres notificouse a incorporación de 24 novos casos, entre usuarios e persoal. Destaca o empeoramento da situación na Residencia da Pastoriza, con 10 novos positivos, e na Domusvi Vimiazo, con 8 novas infeccións, que elevan xa a 92 o número total de casos activos neste centro.
No último día o número de probas PCR notificadas pola Consellaría de Sanidade volveu diminuír, cun total de 6.269 tests, por debaixo dos case oito mil dos dous últimos días. A media de probas na última semana (5.575) está aínda moi por debaixo do nivel acadado nos días anteriores á Noiteboa (8.493)
Viveiro, Tomiño, Verín e Tui son as vilas de máis de 10.000 habitantes cun maior número de casos por habitante
Xove e Lobeira seguen a ser os concellos galegos cunha maior incidencia acumulada, con ao redor de tres mil casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. Outros sete concellos (Calvos de Randín, San Xoán de Río, A Illa de Arousa, Vimianzo, Muíños, Vilamarín e Laxe) tamén teñen incidencias que superan os 1.000 casos.
Viveiro, Tomiño, Verín e Tui son as vilas de máis de 10.000 habitantes cun maior número de casos por habitante, con IA por riba dos 500 casos. Boiro, Rianxo, Bueu e Ribeira presentan tamén datos moi negativos.
Santiago, A Coruña, Ferrol e Ourense seguen a incrementar o seu número de casos
Nas cidades, mantéñense as tendencias dos últimos días, con ascensos continuados en Santiago, A Coruña, Ferrol e Ourense. En cambio, Vigo, Pontevedra e Lugo mantéñense estables. Santiago e A Coruña superan os 250 casos por cada 100.000 habtiantes e a partir deste venres terán novas restricións para tentar reverter esta tendencia.
O número de camas de UCI ocupadas por pacientes COVID (63) volve subir e acada xa o seu nivel máis elevado dende o pasado 5 de decembro
Nos hospitais galegos aínda non se perciben os efectos do incremento na circulación do virus, pero hai dende hai dúas semanas obsérvase unha tendencia de ascenso no número de camas ocupadas por pacientes COVID. Este venres, de feito, o número de camas de UCI ocupadas (63) volve subir e acada xa o seu nivel máis elevado dende o pasado 5 de decembro.
No resto de unidades hospitalarias, este xoves houbo máis altas que ingresos, cun descenso no número de camas ocupadas. Porén, con respecto a hai unha semana, o ascenso é claro (de 297 a 350).