A agardada onda expansiva da pandemia do coronavirus tras as festas do Nadal, Aninovo e Reis xa está aquí, tamén en Galicia. Así o viñan indicando todos os principais indicadores xa dende a pasada semana e así o acreditan os datos dos últimos días, co rexistro de novos casos da COVID-19 en niveis máximos xa non desta nova vaga, senón de toda a pandemia.
O Sergas suma 844 novos positivos, a segunda cifra máis elevada da pandemia tres días despois de rexistrar 914, rexistro récord dende o inicio
O Servizo Galego de Saúde suma este 12 de xaneiro 844 novos positivos -719 deles, diagnósticos mediante PCR- rexistrados entre as seis da tarde do domingo, día 10, e a mesma hora do luns. É a segunda cifra máis alta de toda a pandemia nun período comparable (das 18h dun día ás 18h do seguinte) e a primeira é a rexistrada só tres xornadas antes, cos 914 casos engadidos o sábado 9.
En termos de días naturais (das 00:00 ás 23:59), a pandemia tamén transita polos seus rexistros máis elevados en Galicia. No último día con datos completos, o domingo 10, Sanidade sumou 792 novos casos. Só dous días antes, o venres 8 de xaneiro, chegaba o que ata agora é a maior cifra de positivos en Galicia nun só día natural, con 854.
A media diaria de diagnósticos duplícase en apenas dúas semanas mentres o Sergas confirma 12 mortes máis de persoas infectadas polo coronavirus
A evolución dos diagnósticos por PCR é igualmente preocupante. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a media semanal de diagnósticos diarios xa supera os 600 casos, o que supón duplicar este indicador en apenas dúas semanas, cun ritmo moi semellante ao do pasado outubro agás nos últimos días, cando xa é claramente máis acelerado.
Mentres isto acontece, o empeoramento xeral tamén atinxe ás cifras de falecementos. Sanidade incorpora ao rexistro oficial ata 12 novas mortes, tres delas das últimas vinte e catro horas, que elevan o total de falecementos ligados á COVID-19 ata os 1.462. Segundo confirma o Sergas, tres destas persoas viviran en residencias de maiores: unha muller de 92 anos da residencia Moledo de Vigo, un home de 84 anos na San Bartolomeu de Xove, outro home de 95 anos na DomusVi Vimianzo e unha muller de 104, na Santa María de Verín. [Galicia supera as 30 mil doses da vacina administradas, chegando ao 70% dos usuarios e persoal das residencias]
Incidencia disparada dende o Nadal
Os ecos dos encontros do Nadal e do Aninovo tamén se observan con claridade nos datos de incidencia acumulada (casos novos por cada 100.000 habitantes) a 14 días. Este indicador disparouse definitivamente en Galicia nos derradeiros días de 2020 -a última vez que descendeu foi o 26 de decembro- e, tras dúas semanas á alza, xa se aproxima aos 300 positivos por cada cen mil habitantes nas últimas dúas semanas.
Non obstante, como amosa o mapa baixo estas liñas, varios concellos e comarcas rexistran niveis claramente superiores. É o que sucede en puntos do norte, arredor da Mariña e do Ortegal, en varios concellos da Costa da Morte, do Baixo Miño e do sur de Ourense, así como na área de influencia de Compostela e proximidades da Ulloa, entre outras comarcas. Hai apenas un mes, os concellos sen casos novos da COVID-19 nas anteriores dúas semanas roldaban o centenar. Agora xa son menos de medio cento e quedan en 46, segundo os datos máis recentes.
A incidencia a 14 días para o conxunto de Galicia achégase aos 300 casos por cada cen mil habitantes, pero catro cidades xa superan claramente ese limiar
Entre as sete principais cidades, ata catro delas superan con claridade a incidencia acumulada global de Galicia. Son as catro que manteñen unha tendencia ascendente máis pronunciada nas últimas semanas e seguen encabezadas por Santiago, que supera xa o limiar dos 350 casos por cada 100.000 habitantes.
A única que polo momento consegue manter unha relativa estabilidade é Lugo, a única das sete sen peche perimetral. Aínda que hai xa días que superou os 100 casos por cada cen mil habitantes, cando menos ata agora a cidade da Muralla continúa rexistrando a menor incidencia da Galicia urbana mentres que as outras dúas cidades que conservaban unha certa estabilidade, Vigo e Pontevedra, apuntan xa ao ascenso.
Alarmas na positividade e na hospitalización
Os sinais de alarma sobre a marcha da pandemia son tamén claros noutro dos indicadores de referencia, a taxa de positividade (porcentaxe de test que dan positivo) das probas PCR. A positividade media diaria a sete días segue subindo para o conxunto de Galicia e rolda xa o 9%. O seu incremento vese favorecido polo feito de que algo máis do 12% das 3.419 PCR procesadas entre as cero horas e as seis da tarde do martes deron positivo. A positividade media máis elevada segue na área sanitaria da Coruña e o incremento máis significativo é o de Pontevedra-O Salnés, xunto co de Santiago-Barbanza.
Aínda que, polo momento, lonxe das cifras récord previas á Noiteboa (impulsadas pola realización de múltiples cribados masivos), o ritmo de realización de probas PCR segue claramente á alza en Galicia. A media diaria a sete días vólvese situar xa na contorna das 7.000 probas por xornada.
As persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 son agora 491, un incremento de 93 nunha semana
Como é habitual e xa admitira o propio Sergas, o empeoramento xeral tamén chega, aínda que con certo retardo, ás cifras de hospitalización. Despois de rexistrar, o pasado luns, o maior incremento de persoas ingresadas con test positivo dende o mes de abril, os datos deste martes seguen apuntando á alza con claridade.
O total de ingresos formalmente ligados á pandemia son agora 491; 23 máis que un día antes e 93 máis que hai unha semana. Deles, 70 persoas están na UCI (unha menos que a xornada previa, pero catorce máis que hai sete días) e 421, en unidades hospitalarias ordinarias, o que supón un incremento de 24 nun só día e de 79 nunha semana.