Así se disparou en Galicia a terceira onda da pandemia de COVID dende as festas de Nadal

O crecemento dos contaxios foi ata agora máis rápido nas cidades e nas grandes vilas, destacando o empeoramento da situación nas cidades da Coruña, Compostela, Ourense e Ferrol ©

Galicia chegou á Noiteboa cunha situación epidemiolóxica relativamente controlada. A taxa de positividade estaba no seu nivel máis baixo en varios meses, por debaixo do 4%, a incidencia acumulada a 14 días roldaba os 160 casos por cada 100.000 habitantes e o número diario de novos positivos superaba por pouco as 300 infeccións, a pesar de que o número de probas PCR realizadas cada xornada era moi alto (ao redor de 8.500). Non se conseguira 'resetear' a situación hospitalaria, pero mesmo así o número de pacientes Covid-19 ingresados era de pouco máis de 300, a cifra máis baixa dende mediados de outubro.

Galicia chegou á Noiteboa cunha situación epidemiolóxica relativamente controlada

Sabíase que as celebracións de Nadal ían supor un aumento no número de contaxios e ían facilitar a propagación do virus por toda a xeografía galega, chegando mesmo a concellos que nese momento estaban libres do virus. Con todo, decidiuse abrir a man coas restricións e permitir a mobilidade sen controis, amplicando tamén o toque de queda. 

Nos días seguintes á Noiteboa e a Nadal non houbo ningún sinal que indicase un empeoramento da situación. O coronavirus ten un período medio de incubación (dende o contaxio ata a aparición de síntomas de 5 ou 6 días); ademais, dende estes síntomas ata o diagnóstico da enfermidade a través dunha proba de detección adoitan pasar 2 ou 3 máis. Estas marxes foron probablemente maiores nas últimas semanas, por mor da sucesión de festivos, a poboación desprazada e a menor realización de probas. 

Así, durante días a terceira vaga de pandemia medrou en Galicia de forma invisible. A partir do día 30 os datos de positividade comezaron a medrar de forma importante (ese día superaron o 6%) e a partir dos primeiros días deste mes de xaneiro o número de novos positivos empezou a aumentar rapidamente. Finalmente, este sábado foi unha das xornadas con máis diagnósticos de Covid-19 dende o inicio da pandemia, unha tendencia que probablemente se manterá nos vindeiros días, cando se vaian acumulando os contaxios producidos durante a Noitevella e o Día de Reis, no que de novo volveu a haber un gran número de desprazamentos. 

Este domingo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que "por suposto", tería sido "mellor non celebrar reunións familiares no Nadal" para evitar contaxios da COVID-19

O pasado venres o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, subliñou que o Goberno galego ve "con preocupación o incremento de positivos en Galicia" e lamentou que durante as celebracións de nadal moitas persoas non cumprisen coas normas e recomendacións. O conselleiro destacou que "as festas e botellóns expandiron a Covid-19". De igual xeito, este domingo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou nunha entrevista na Cadena Ser que "por suposto", tería sido "mellor non celebrar reunións familiares no Nadal" para evitar contaxios da COVID-19.

Porén, a realidade é que o Goberno galego (ao igual que moitas outras comunidades autónomas) permitiu a mobilidade entre todos os concellos durante as celebracións do Nadal e non estableceu máis precaucións para previr os contaxios.

A Xunta deixou pasar o Día de Reis para adoptar algunha decisión. E a pesar do rápido empeoramento dos datos, este pasado venres o Goberno galego limitouse a endurecer lixeiramente as restricións na Coruña, Santiago e Ourense e algúns concellos das súas contornas, con medidas que limitan en parte a actividade da hostalaría. O venres Julio García Comesaña instou á cidadanía a limitar ao máximo os encontros sociais e a mobilidade, recomendando un "autoconfinamento" nos vindeiros días para tentar limitar a propagación do virus. Este martes a Consellaría de Sanidade podería decidir novos cambios nas medidas vixentes, e xa se apunta a un peche completo da hostalaría e das actividades non esenciais naqueles concellos con peores datos ou ao regreso aos confinamentos municipais, descartando as actuais "améndoas" comarcais. 

Practicamente todas as cidades e grandes vilas teñen hoxe máis infeccións que na Noiteboa, con incrementos moi importantes na Coruña, Ames, Teo, Oleiros, Carballo, A Estrada ou Arteixo

172 concellos, máis da metade do total dos existentes en Galicia, teñen hoxe unha maior incidencia acumulada que antes da Noiteboa. 77 presentan mellores datos e os restantes 64 están máis ou menos na mesma situación.  Porén, se falamos unicamente das cidades e vilas máis poboadas, practicamente todas elas teñen esta fin de semana máis casos activos que o pasado 24 de decembro. Entre os 30 concellos máis poboados as únicas excepcións son Boiro, Redondela, Cangas, Vilagarcía de Arousa, Lalín, Pontevedra e O Porriño. O resto teñen hoxe unha incidencia acumulada máis elevada que durante a Noiteboa.

O crecemento dos contaxios foi ata agora máis rápido nas cidades e nas grandes vilas, destacando o empeoramento da situación nas cidades da Coruña, Compostela, Ourense e Ferrol, e tamén en concellos moi poboados como Arteixo, Viveiro, Ames, A Estrada, Teo, Oleiros ou Culleredo. Tamén nas residencias de maiores a situación está xa a empeorar.

Ademais dos fortes ascensos que están a experimentar A Coruña (un 154% máis de casos que en Noiteboa), Ferrol (+80%), Ourense (+72%) e Santiago (+49%), destaca o empeoramento da Estrada ou Arteixo, que multiplicaron por cinco os seus casos dende o pasado 24 de decembro ou de Carballo, Ames, Teo ou Oleiros, que os triplicaron.

O pasado 24 de decembro podíase dicir que 82 localidades estaban libres do virus, unha cifra que se incrementou ata as 86 o día 29. Porén, este domingo son tan só 56, cunha clara tendencia descendente

Con todo, tamén chama a atención outro dato: o número de concellos galegos nos que nos últimos 14 días non se rexistrou ningún caso de Covid-19 é cada vez menor. O pasado 24 de decembro podíase dicir que 82 localidades estaban libres do virus, unha cifra que se incrementou ata as 86 o día 29. Porén, este domingo son tan só 56, cunha clara tendencia descendente. Semella que a maior mobilidade e os desprazamentos que se levaron a cabo nas últimas dúas semanas para encontros familiares e demais provocaron que zonas sen infeccións comezasen a ter casos, pode que importados de comarcas e concellos con peores situacións.

O Irixo, Vilardevós, Arbo, Carballeda de Avia, A Pobra de Trives, Lobios, A Laracha, O Incio, San Xoán de Río, Amoeiro, Campo Lameiro, Parada de Sil, Santiso, Xunqueira de Espadanedo, Trazo, Larouco, Melón, Paderne, Bande, Vilarmaior, Begonte, Mondoñedo, Quintela de Leirado ou Vilasantar son algúns deses concellos que chegaron á Noiteboa sen ningún caso de coronavirus nas dúas semanas anteriores e que agora contan con positivos, algúns deles (Arbo, Trazo, San Xoán de Río...) con incidencias elevadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.