As vacacións de nadal elevan de 846 a 1033 os casos de COVID nos colexios e obrigan ao peche de seis centros

Aula no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño © IES Antón Alonso Ríos

O pasado 22 de decembro foi o derradeiro día de clase do primeiro trimestre do curso escolar. Nesa xornada o número de casos activos de Covid-19 nos centros educativos galegos era de 846, unha cifra semellante á das dúas semanas anteriores, despois de superar o pico de positivos provocado pola segunda onda da pandemia (1.307 casos o 7 de novembro). Naquel 22 de decembro había, ademais 53 aulas pechadas e 3 centros clausurados temporalmente pola presenza de casos positivos de coronavirus.

Este venres detectáronse 187 casos activos máis dos que había antes de marchar de vacacións de Nadal

Este venres tivo lugar o regreso ás clases, dando inicio ao segundo trimestre do curso, pois a diferenza do decidido por outras comunidades autónomas, a Xunta optou por non adiar esta volta ás aulas. Neste reinicio das clases detectáronse un total de 1.033 casos positivos entre a comunidade educativa, 187 máis dos que había o 22 de decembro, un incremento motivado polos contaxios producidos fóra dos centros de ensino durante as vacacións de Nadal.

Hai seis centros de ensino pechados na súa totalidade, a cifra máis elevada dende o inicio do curso

Aínda que o número de casos é maior, a cifra de aulas pechadas é moito menor, ao non detectarse gromos en circulación dentro das clases (os contaxios producíronse fóra). Son unicamente 19 as aulas pechadas, unha das cifras máis reducidas dende o pasado mes de setembro. Con todo, haberá que agardar á evolución nos vindeiros días e á posible aparición de máis contaxios.

Segundo informa a Xunta de Galicia, hai, ademais, seis centros de ensino pechados na súa totalidade, o que supón o número máis elevado dende o inicio do curso (nunca se superara a cifra de 4). Trátase de seis escolas infantís: E.I Cáritas Tui-Vigo (Vigo), E.I Mi Primer Paso (Tomiño), E.I Chiquis (Pontevedra), E.I Cogumeliños (Ourense), E.I Barrio Sésamo 4 (Lugo) e E.I Popote (Teo).

O CPR Plurilingüe Compañía de María de Compostela é o centro con máis positivos neste momento (11)

Na seguinte gráfica pódese consultar a relación completa de centros educativos nos que se detectou algún positivo de coronavirus activo entre o alumnado ou profesorado. O CPR Plurilingüe Compañía de María de Santiago de Compostela é o centro con máis positivos neste momento (11), seguido do IES de Valga, o CEIP da Torre-Illa (A Illa de Arousa) e o CPR Plurilingüe Apóstol Santiago (Vigo), con 8 casos cada un.

Ademais, hai 17 centros que teñen algunha aula pechada, destacando dúas escolas infantís de Burela e Tomiño por ser a única que teñen máis dunha clase clausurada.

Un total de 142 concellos contan con algún positivo entre as comunidades educativas dos seus centros de ensino

Un total de 142 concellos contan con algún positivo entre as comunidades educativas dos seus centros de ensino. Están encabezados polas sete cidades: A Coruña (123), Vigo (98), Compostela (72), Ourense (55), Ferrol (31), Lugo (28) e Pontevedra (28), pero tamén Arteixo, Boiro, Ribeira e Vilagarcía contan cunha vintena de casos activos cada un.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.