A piques de rematar o primeiro trimestre presencial no ensino con pandemia, a incidencia do coronavirus nas aulas sitúase nuns niveis case idénticos aos da poboación xeral. Malia o temor inicial a que as aulas en lugares pechados, a chegada do frío e as eivas nas medidas de prevención supuxesen un incremento nos contaxios por riba da media, o impacto non foi tal, polo menos de momento.
A incidencia do coronavirus na comunidade educativa sitúase en niveis semellantes ao impacto global na cidadanía malia os temores iniciais
Os casos activos de coronavirus vinculados con centros educativos (non os novos positivos, dato que non ofrece a Xunta) rexistraron un estancamento e mesmo un lixeiro empeoramento na última semana tras as cinco semanas previas de progresivo descenso, en liña co empeoramento xeral das cifras da pandemia en Galicia. O pasado 19 de decembro eran 867 os casos activos vinculados á comunidade educativa en Galicia, o que supón unha incidencia de algo máis de 216 por cada 100.000 persoas.
Algo máis de 860 casos de coronavirus entre unhas 400.000 persoas entre alumnado e profesorado desde a Educación Infantil ata o Bacharelato, incluíndo a Formación Profesional. No conxunto da cidadanía, son 5.596 os casos activos no país a data de 21 de decembro, o que supón unha incidencia de 207 por cada 100.000 persoas, cifras practicamente idénticas ás da comunidade educativa.
Son, todos eles, cálculos sobre os casos activos ao non ser posible saber o acumulado xa que a Xunta non facilita datos de altas vinculadas ao ensino.
A incidencia de casos activos por cada 100.000 persoas nos centros educativos é de 216, fronte aos 207 no global en Galicia
"Todos pensabamos que a cousa ía ir peor, que habería máis casos e máis brotes", recoñecen representantes de persoal educativo ao facer balance deste primeiro trimestre. Sindicatos, asociacións de anpas ou profesorado atribúen este impacto reducido e menor do agardado ao "comportamento exemplar de docentes e alumnado" e mesmo á "sorte", pero non ás actuacións da Xunta, á que critican pola "constante improvisación" ou pola falta de medidas axeitadas pora loitar contra a COVID.
"Non me sorprende que a incidencia sexa semellante nos centros e na sociedade en xeral, malia os temores; o contrario sería moi raro", di Rogelio Carballo, presidente da Confederación Galega de Anpa de Centros Públicos (Confapa Galicia), que lembra que este curso está a haber tamén "moita menor incidencia ou case nula doutras doenzas respiratorias, gripe ou mesmo problemas gastrointestinais provocados por virus".
"O profesorado está aplicando as recomendacións, abrindo as ventás e renovando o aire cada pouco, faise ás bravas porque non hai sistemas de extracción axeitados, pero estanlle dando maior salubridade aos espazos, con menor concentración de CO2 e menor carga vírica", resume sobre unha situación que, ao seu ver, revela tamén que "Galicia conta con centros obsoletos, sen ventilación mecánica".
Sindicatos e anpas gaban o "comportamento exemplar" de docentes e alumnado e coas medidas de prevención, ao que atribúen o impacto moderado da COVID
"Polo bo facer dos profesionais, pero tendo que abrir ventás cada pouco, a situación estase controlando", engade Carballo que, no entanto, teme a chegada do inverno. "A Consellería de Educación sabe que está tendo bastante sorte porque o outono foi bastante cálido, pero agora que chega o frío, a ventilación nas aulas vai ser moito máis complicada", advirte.
"Os problemas que chegarán no inverno xa se están vivindo nalgúns centros, como en Ourense, onde xa hai semanas houbo rapazada que tivo que asistir a clase con mantas e abrigados ata os dentes", lembra Suso Bermello, secretario xeral de CIG-Ensino, sindicato maioritario na ensinanza, que cre que a situación "vai empeorar", pero que repara tamén no feito de que as precaucións tomadas acaban pro ser claves. "Úsase a máscara, mantéñense as distancias, ventílase... E a gripe non existe, o que dá conta dos resultados positivos", engade.
"As cousas fixéronse moi mal por parte da Consellería e o feito de que non haxa máis casos ou menos dos agardados é froito dunha responsabilidade moi elevada por parte do profesorado e do alumnado, que se comportou, polo xeral, moi ben", insiste Bermello.
A mesma análise fai Carballo, que gaba o "comportamento exemplar" do alumnado, algo que trasladan "tanto pais como docentes". "Eles asumen as nromas e obedecen mentres os adultos, como é normal, cuestionamos todo", explica o presidente de Confapa, que cre que a actuación da rapazada "é un bo síntoma" que, ademais, "desmonta tópicos que non se sosteñen".
CIG-Ensino ou Confapa critican a "improvisación" da Xunta, a "escasa información" as eivas na dixitalización ou as "ordes contraditorias" ao detectarse un caso
"A situación é complexa, pero a Consellería non tiña recursos nin os buscou", continúa Bermello, que critica a "permanente improvisación e falta de control ou de instrucións para persoal e familias" por parte de Educación. Así, destaca que a Xunta vén de anunciar un programa de formación COVID enfocado aos diferentes colectivos do ensino "que non chegará ata xaneiro". "Moi tarde porque levamos desde setembro nas clases e reclamándoo", insiste quen tamén denuncia que os protocolos da Administración se fagan "desde a perspectiva de saúde pública xeral e non laboral nin específica" ou que se suspendese o servizo de prevención de riscos.
Desde a Confapa, pola súa banda, critícase a "escasa información" que reciben da Xunta da situación da COVID nos centros, algo que tamén critica CIG-Ensino. "É esasa e moi parcial, enterámonos máis polos medios que pola Consellería, coa que case non hai diálogo", di Rogelio Carballo, que amosa a súa preocupación polos escasos ou nulos avances da Xunta no que ten que ver coa "dixitalización das aulas".
"Non hai proxecto ningún, máis cando a Consellería formula cousas como prohibir que se graven as clases cando era unha maneira de facilitar que o alumnado puidese atender as aulas en diferido", denuncia quen considera que Educación "non entende como funciona a dixitalización e vai no sentido contrario".
"Pasamos de ser moi celosos en canto aos confinamentos a non confinar ninguén agás os positivos", conta un docente
No que coinciden todos, tamén testemuños de docentes, é nas "ordes contraditorias" que por parte do Sergas chegan a alumnado ou profesorado no caso de detectarse algún caso de coronavirus. "Déronse situacións nas que nunha mesma aula os rastrexadores deron unhas indicacións a unha familia dun alumno e outras diferentes a outra; o único que xera iso é unha sensación continua de improvisación", conta Bermello.
Desde as aulas, docentes como Iván advirte de que a súa percepción é que "nunca sabes que vai cambiar para a semana". "O inicio foi un caos, pero hoxe a situación non é mellor: pasamos de ser moi celosos en canto aos confinamentos a non confinar ninguén agás os positivos", explica en base a experiencias vividas na súa aula. E insiste en críticas compartidas por máis profesorado sobre a incerteza e falta de información sobre que facer en determinados supostos: "Que pasa cun profesor confinado? Ten que dar clase por vídeoconferencia ou non?".