O alivio rematou e o estancamento virou incremento. Todas os principais indicadores da pandemia do coronavirus deron a volta nos últimos días para o conxunto de Galicia e, como en diversos territorios da contorna e tamén no conxunto do Estado, a liña descendente do pasado novembro xa deu a volta e volve ter dirección ascendente como xa tivera en marzo, agosto e outubro.
O Sergas suma 408 novos casos da COVID e a media diaria de diagnósticos xa volve superar os 300
O Servizo Galego de Saúde suma este 18 de decembro 408 novos casos da COVID-19 (367, diagnósticos mediante PCR), os rexistrados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves, día 17. Son xa catro xornadas seguidas por riba dos 400 casos e ese limiar superouse tamén nos últimos dous días naturais con datos xa pechados (o martes 15 e o mércores 16).
Estes incrementos devolven fan que a media semanal de casos diarios xa emprenda unha liña claramente á alza, e supere o limiar dos 300 diagnósticos cada vinte e catro horas. Agora son xa uns 332, o que supón regresar a niveis de mediados de outubro.
Mentres isto acontece, Sanidade segue a comunicar falecementos de persoas que contraeran a doenza, aínda que con cifras máis baixas que en semanas previas. Este venres entran na estatística oficial cinco mortes máis, que elevan o total a 1.332. Son falecementos de varios días anteriores e dúas destas persoas viviran en residencias de maiores: unha muller de 84 anos falecida no Clínico de Santiago, pero procedente da residencia Asilo de Vilalba, e unha muller de 89 anos que morreu na residencia Vila do Conde, en Gondomar.
A incidencia a 14 días acumula xa case unha semana de incremento
Alén da foto fixa do día, a repunta tamén continúa a observarse con claridade nos datos de incidencia acumulada (casos novos por cada 100.000 habitantes) a 14 días para o conxunto do país. Este indicador descendeu por última vez o pasado día 11, polo que leva xa case unha semana en ascenso. Cos datos do último día completo xa pechado, o mércores 16, a incidencia para o conxunto de Galicia a 14 días sitúase en 177 casos novos por cada cen mil habitantes.
A situación segue a ser, en calquera caso, dispar entre áreas sanitarias, comarcas e concellos. Por áreas sanitarias, só as da Coruña-Cee e Lugo manteñen polo momento unha tendencia claramente descendente. Por comarcas ou agrupacións de concellos, os puntos de empeoramento seguen, en xeral, sendo semellantes aos de xornadas previas: caso de puntos de Valdeorras e Verín e a súa contorna, no interior, así como áreas da Terra de Soneira, do Xallas e de Fisterra. Tamén O Baixo Miño, a comarca da Barbanza ou municipios do Deza.
A incidencia segue a subir en Santiago, aínda que con menor ritmo
No que atinxe ás sete principais cidades, que o Sergas adoita considerar como referencias clave para observar a marcha da pandemia no conxunto do país, a de peor evolución continúa a ser, con claridade, Santiago. A incidencia a 14 días na capital galega segue a subir, aínda que cun ritmo inferior ao dos días anteriores, e sitúase en 152 casos novos por cada 100.000 habitantes, o que implica 154 novos positivos nestas dúas semanas
Mentres, Lugo segue sendo a cidade que polo momento non abandona a tendencia descendente e tampouco o fai A Coruña, aínda que con menos intensidade. Ourense, pola súa banda, semella abandonar o incremento de días pasados e tanto Pontevedra como Vigo e Ferrol seguen estancadas, lonxe do ascenso de novembro pero polo momento, sen dispararen as súas incidencias acumuladas a 14 días.
Volve subir a hospitalización
Galicia continúa alternando lixeiras subas e baixadas no número de persoas hospitalizadas e o total segue superando as 350
Os principais indicadores da pandemia repuntan a apenas unha semana das celebracións do Nadal e sen que as cifras de hospitalización experimentasen un descenso tan significativo como o desexado na Xunta, o "reseteo" ao que o propio presidente apelou a comezos de novembro. Así, Galicia continúa alternando xornadas con leves alivios con outras con lixeiros incrementos no número de pacientes con test positivo que precisan atención hospitalaria.
Un deses incrementos é o que rexistran as cifras deste venres 18. O total de ingresos son agora 364 (+12) e o incremento prodúcese tanto nas unidades de hospitalización ordinaria, con 309 (+7) como nas UCI, con 55 (+5)
O empeoramento da situación provoca tamén unha maior carga para a Atención Primaria e os servizos de rastrexo. Así, o número de casos considerados como "positivos activos" deixou tamén de baixar e sitúase agora en 5.641, vinte e tres máis que un día antes. A este incremento contribúe tamén a detección de casos asintomáticos mediante os cribados realizados nos últimos días en diferentes puntos de Galicia, os cales tamén contribuíron a manter alto o número diario de PCR procesadas. Nas últimas vinte e catro horas foron algo máis de 6.300 e o total chega xa a 1,02 millóns de test.