A incidencia a 14 días da COVID en Galicia sobe por primeira vez en mes e medio entre reflexos da ponte da Constitución

Toma de mostras para unha proba PCR no hospital Gil Casares de Santiago CC-BY-SA Sergas

A incidencia da COVID-19 a 14 días  (casos novos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas) levaba varias xornadas ofrecendo sinais de estancamento, apuntando a un rebote que vén de se producir. Coas cifras pechadas do pasado martes, día 15 -último día con datos xa completos-, este indicador aumenta en Galicia por primeira vez dende os primeiros días de novembro, cando acadara o que ata agora é o máximo de toda a pandemia. 

Entre reflexos da ponte da Constitución -as autoridades sanitarias sinalan que os contaxios adoitan comezar a aflorar entre dez días e dúas semanas despois de producírense-, a incidencia do coronavirus a catorce días increméntase para o global de Galicia por terceiro día consecutivo, polo que xa vai alén dun incremento dun día puntual. Sitúase agora nuns 174 casos novos por cada cen mil habitantes.

Como amosa o mapa sobre estas liñas e como vén sinalando o propio Servizo Galego de Saúde nas últimas xornadas, o estancamento ou mesmo empeoramento é dispar en función das áreas, comarcas ou mesmo concellos. No interior, contornas como as de Valdeorras ou Verín empeoran con claridade nos últimos días e o mesmo sucede en comarcas como as do Xallas ou da Barbanza, ademais de en puntos do Baixo Miño ou en Santiago e a súa área de influencia. Boa parte destes empeoramentos prodúcense en concellos que dende este 17 de decembro teñen en vigor restricións máis estritas por decisión da Xunta. [A Xunta volve impoñer o peche perimetral en Compostela e endurece as restricións noutros dez concellos]

Santiago é a cidade con peor evolución e a única na que a incidencia do virus traza unha liña claramente ascendente

No que atinxe ás cidades, que Sanidade adoita sinalar como termómetro especialmente significativo sobre a evolución xeral da pandemia no país, o principal destaque negativo segue sendo Santiago, que dende este mesmo xoves está outra volta baixo confinamento perimetral. Aínda que a capital galega segue tendo unha incidencia a 14 días por baixo da media galega, segue trazando unha liña claramente ascendente neste indicador. 

Faino nunha xornada na que a incidencia a 14 días continúa baixando en Lugo e na que Ourense e A Coruña semellan volver á tendencia descendente. Mentres, tanto Pontevedra como Vigo mantéñense estables e o mesmo fai Ferrol, onde resulta significativo que o Sergas leva catro días ofrecendo exactamente os mesmos datos de incidencia.

Máis de catrocentos casos por segunda xornada consecutiva

Mentres, en función das zonas do país, a incidencia a 14 días se estanca ou aumenta un chisco, o número de casos que continúan aflorando van na mesma dirección. O cómputo do Servizo Galego de Saúde incorpora este xoves 407 novos casos, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores, día 16, dos que 357 son diagnósticos mediante PCR. Isto supón que, por segunda xornada consecutiva, Sanidade suma máis de 400 novos casos, o cal non sucedía dende finais de novembro.

Galicia non encadeaba dúas xornadas con máis de 400 casos dende finais de novembro

Neste contexto, a media diaria a sete días de diagnósticos mediante PCR consolida o seu estancamento, mais xa cunha lixeira tendencia a subir dos 300 casos. No afloramento de novos positivos ten tamén que ver a realización de cribados masivos, que continúan mantendo o número de probas PCR procesadas cada día en cifras notablemente elevadas, con cinco días roldando os 8.000 test por xornada. Estes cribados contribúen a que o sistema sanitario poida detectar positivos en persoas asintomáticas e están a propiciar tamén que a taxa de positividade media -media a 7 días das probas que dan positivo- continúe en valores baixos, arredor do 4% e, daquela por baixo do limiar do 5% que a Organización Mundial da Saúde mantén como referencia para dar por controlada a pandemia nun determinado territorio.

Mentres isto sucede, non obstante, Sanidade segue rexistrando tamén falecementos de persoas infectadas pola COVID-19. O rexistro oficial incorpora este 17 de decembro catro mortes máis, todas elas de días pasados. O total de vítimas mortais ligadas á pandemia en Galicia chega, deste xeito, ás 1.327.

Estancamento, tamén nos hospitais

A tónica xeral de estancamento ou lixeiro empeoramento nos principais indicadores da pandemia continúa percibíndose, igualmente, nas cifras de hospitalización de persoas infectadas. Unha xornada máis, a variación é escasa e as persoas hospitalizadas con test positivo son apenas dúas menos que vinte e catro horas antes, 352 das que 302 (+1) están en unidades ordinarias e 50 (-3), en coidados intensivos.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.