Galicia suma máis de 400 novos casos da COVID por primeira vez en vinte días

Acceso á área de Urxencias do Clínico de Santiago CC-BY-SA Xunta

Galicia semella deixar definitivamente atrás a pronunciada remisión na expansión do coronavirus lograda durante o mes de novembro. A semana na que se reflicten os efectos da ponte da Constitución está a ser a da consolidación do estancamento e mesmo de lixeiras subas no número de casos da COVID-19 que o Servizo Galego de Saúde detecta cada xornada. Nun contexto moi condicionado polo alto número de probas PCR impulsado polos cribados masivos -máis de catro días seguidos roldando as 8.000-, o Sergas suma por primeira vez nos últimos vinte días máis de 400 novos casos en vinte e catro horas.

O Sergas suma 424 casos e a media diaria de diagnósticos prolonga o seu estancamento na contorna dos 300

Son, concretamente, 424 os novos positivos -380 deles, diagnósticos mediante PCR- os agregados por Sanidade entre as seis da tarde do lunes, día 14, e a mesma hora do martes. Trátase da maior cifra dende os días 26 e 27 de novembro, que contribúe a manter a media diaria de diagnósticos na contorna dos 300. Polo momento, sen dispararse, pero afondando no estancamento.

Mentres o Sergas perfila as recomendacións para o Nadal e adapta o mapa de restricións ao claro empeoramento nalgúns puntos do país, continúa tamén a sumar falecementos de persoas que contraeran o coronavirus. Son xa 1.323, seis máis, dos que dous teñen data de notificación das vinte e catro horas previas. Dúas destas persoas -dúas mulleres de 93 e 94 anos- vivían en centros de maiores: a residencia Vila do Conde de Gondomar e a Soremay de Pontevedra, respectivamente. [O Sergas pide celebrar o Nadal só con conviventes ou xuntar como máximo dous fogares]

Santiago, cidade coa alza máis clara

Entre as sete principais cidades só Lugo mantén unha tendencia descendente na súa incidencia acumulada

Estes datos xerais manteñen a incidencia acumulada a 14 días (casos novos por cada 100.000 habitantes) estancada arredor dos 170 casos, pero as evolucións son dispares en función das áreas, as comarcas e os concellos. Así, por exemplo, nas sete cidades -que a Xunta adoita sinalar como un dos principais termómetros da evolución da pandemia-, Santiago segue sendo a que mudou de tendencia con máis claridade e continúa á alza. O comité clínico que asesora á Xunta asegura seguir con "preocupación" a evolución da capital galega e por iso decidiu facela retroceder na desescalada, volvendo impoñer o peche perimetral dende este xoves, 17 de decembro. No resto das principais sete cidades, como amosa o gráfico baixo esta sliñas, o estancamento é a tónica xeral agás en Lugo, que polo momento segue a descender.

Alén das sete cidades, Sanidade evidencia tamén a mala evolución en concellos da Barbanza como Ribeira, que se une dende este xoves a Boiro no nivel máximo de restricións. Tamén asegura seguir con especial atención os incrementos no número de casos en puntos do Deza ou na comarca de Valdeorras. Na banda contraria sitúanse os concellos que non rexistraron novos casos nos últimos catorce días. Esta cifra redúcese, non obstante, e pasa de 102 a 96.

Situación nos hospitais

Mentres o alto número de probas PCR empregadas nos cribados masivos contribúe a manter baixas as taxas de positividade -a positividade media a 7 días para toda Galicia segue por baixo do 5% que a OMS sinala como limiar para o control da pandemia, xa que agora rolda o 3,9%-, a situación nos hospitais segue sendo irregular, alternando pequenas subas con lixeiras alzas no número de persoas ingresadas con test positivo da COVID. Continúan, en calquera caso, lonxe do "reseteo" que a Xunta dixo desexar antes da "campaña de Nadal". 

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, este estancamento nas cifras de hospitalización dura xa en torno a unha semana aínda que nas últimas vinte e catro horas se producise un certo descenso que levou a cifra total ás 354 hospitalizacións. Deste total de pacientes no hospital con test positivo do coronavirus, 301 (-18) están en unidades ordinarias e 53 (-3), na UCI. Son unha vintena menos que unha semana antes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.