Dez consellos para evitar contaxios nun Nadal no que a clave será a "responsabilidade individual"

Luces de Nadal na Rúa Real da Coruña © Concello da Coruña

Achéganse as celebracións do Nadal, con encontros familiares e de amizades que supoñen un importante risco de favorecer os contaxios do coronavirus e un repunte nas hospitalizacións e mortes provocadas pola covid-19. As comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade consensuaron no Consello Interterritorial un documento de normas para a prevención da Covid-19 durante as celebracións de Nadal. Nel establécese un límite máximo de 10 persoas (nenos e nenas incluídos) nos encontros familiares dos días 24, 25 e 31, recomendándose que pertenzan a unha única unidade de convivencia "ou a dúas, como máximo", en palabras do ministro Salvador Illa. O toque de queda en Noiteboa e Noitevella amplíase á unha e media da madrugada e, ademais, establecerase un peche perimetral de ámbito autonómico entre o 23 de decembro e o 6 de xaneiro, pero permitiranse os movementos para visitar a familiares e "achegados".

Establécese un límite máximo de 10 persoas (nenos e nenas incluídos) nos encontros familiares dos días 24, 25 e 31, recomendándose que pertenzan a unha única unidade de convivencia "ou a dúas, como máximo"

En calquera caso, dada a dificultade para facer cumprir a maior parte destas normas, sobre todo as que se aplican no interior dos domicilios, as autoridades sanitarias fan fincapé na necesidade de que exista "responsabilidade individual" para reducir o risco de contaxios. "Non podemos poñer un policía en cada casa, pero non vai facer falla",  manifestou confiado o ministro Illa, que engadiu: "a nosa grande arma é a responsabilidade demostrada pola cidadanía. Volvo apelar á solidariedade: debemos facelo 'por min e polos meus seres queridos'". Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu "corresponsabilidade" para evitar un empeoramento na situación epidemiolóxica. "A pandemia depende de nós, do comportamento individual e colectivo", afirmou Feijóo.

Iluminación de Nadal na Coruña © Concello da Coruña

O Goberno galego anunciou que a vindeira semana fará público un documento específico coas normas e recomendacións que se aplicarán en Galicia durante o Nadal. É esperable que nese documento se inclúa un dos elementos nos que a Xunta fixo máis fincapé nas últimas semanas: que os encontros se limiten a un máximo de dúas unidades familiares, é dicir, de persoas que pertenzan a dous fogares, dúas unidades de convivencia. 

"A pandemia depende de nós, do comportamento individual e colectivo", afirmou Feijóo

O documento aprobado hai uns días polo Consello Interterritorial de Sanidade contén a maior parte das recomendacións que nas últimas semanas veñen realizando epidemiólogos e expertos en saúde pública, como facía nesta entrevista Francisco Caamaño Isorna, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da USC. Resumimos aquí dez das recomendacións e consellos máis repetidos polas autoridades sanitarias, unha breve guía para pasar un Nadal o máis seguro posible.

Non é imprescindible cear en familia

A primeira recomendación pode ser a máis polémica: non fagamos xuntanzas con persoas coas que non convivamos, pois así evitaremos riscos de contaxios

A primeira recomendación pode ser a máis polémica: non fagamos xuntanzas con persoas coas que non convivamos, pois así evitaremos riscos de contaxios. O obxectivo principal non debería ser vivir o Nadal dunha normalidade que vai ser imposible ou "salvar o Nadal", senón que o prioritario debería ser protexer na medida do posible as persoas máis vulnerables e evitar unha escalada na incidencia que obrigue a novos confinamentos e peches no mes de xaneiro.

"O ano que vén haberá outro Nadal e pode que por relaxarnos en exceso nun par de días compliquemos moito a nosa situación para os vindeiros meses, entrando de novo nunha sucesión de peches, restricións e confinamentos", dicía hai uns días Francisco Caamaño, que apelaba a facer un último esforzo, precisamente neste momento no que a aplicación das primeiras vacinas semella achegar o remate da pandemia, que podería chegar dentro duns meses.

Máxima precaución nos días anteriores

A primeira medida sería extremar as precaucións nos 10 ou 14 días anteriores a estes encontros, reducindo ao máximo os nosos contactos en interiores neste período

Con todo, as festas de Nadal son moi importantes para moitas familias e sería moi duro pedirlle a unha persoa que se resignase a pasar en solitario estas datas tan sinaladas. Vai haber xuntanzas familiares, polo que o importante é facelo coa maior seguridade posible. Así, as autoridades sanitarias recomendan que se imos cear con persoas doutras unidades de convivencia (o que eleva o risco de que a enfermidade se propague), tomemos medidas para que este risco sexa o menor posible. Especialmente se nos nosos grupo hai persoas "vulnerables": maiores de 60 anos ou con enfermidades crónicas.

A primeira medida sería extremar as precaucións nos 10 ou 14 días anteriores a estes encontros, reducindo ao máximo os nosos contactos en interiores neste período, para así reducir as posibilidade de contaxiarnos neste tempo. Esta recomendación é especialmente importante para as persoas que vaian viaxar nestas datas entre unhas e outras comunidades autónomas ou entre uns e outros concellos (sobre todo cando se despracen dende zonas con máis incidencia a outras cunha mellor situación sanitaria).

O Nadal supón un risco real de propagación da enfermidade CC-BY monicore

Quedar ao aire libre sempre que sexa posible

A terceira recomendación é evitar os espazos pechados, priorizando os encontros ao aire libre: dando paseos pola rúa, por un parque ou atopándose nunha terraza. "Se vivimos na mesma cidade, podemos atoparnos noutros contextos esa mañá ou esa tarde: dando un paseo pola rúa, nun parque..., en lugar de reunirnos para cear", dicía Caamaño.

Priorizar os encontros ao aire libre, limitar o número de persoas en interiores e o tempo que pasamos nas comidas e ceas son outras das recomendacións principais, o mesmo que manter colocada a máscara de protección en todo momento

Canta menos xente, mellor

O documento aprobado polo Consello Interterritorial pide "limitar os encontros de familiares e persoas achegadas a un máximo de 10 persoas". A recomendación é que cantas menos persoas, mellor (non é necesario chegar a 10) e, sobre todo, cantas menos unidades familiares mellor. O ideal é que non se xunten persoas fogares distintos pero, de facelo, o óptimo é que só se xunten os habitantes de dúas casas.

Canto menos tempo, mellor

O tempo importa. Se nunha cea hai unha persoa enferma de Covid-19 a probabilidade de que contaxie ao resto, aumenta medida que pasan as horas. Se a cea dura catro horas, as probabilidades serán o sobre que se dura unhas dúas horas. "Se eu chego a esa casa ás 7 da tarde e marcho ás 4 da mañá, haberá un gran risco de contaxio. Se en cambio chego as 9 e marcho ás 12, haberá moitas menos", dicía Caamaño na entrevista. De igual xeito, un modelo matemático deseñado por investigadores do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) axuda a calcular as posibilidades de contaxio nun encontro nun espazo pechado en función de distintas variables.

Espazos amplos, distancia de seguridade e mascarilla

Unha destas variables é o tamaño do espazo no que realicemos o encontro familiar. Canto máis grande sexa a habitación, mellor; e canta máis distancia haxa entre os e as comensais, mellor, recomendándose un mínimo de dous metros. De igual xeito, outra das recomendacións máis importantes é (se no encontro coinciden persoas de distintos fogares) manter colocada a máscara sempre que non se estea a comer e beber nese momento. 

Evitar falar alto e cantar

Outra das variables que emprega o modelo do MIT é o volume das nosas conversas. Distintos estudos publicados nos últimos meses demostran que a probabilidade de contaxio aumenta canto máis alto falemos e diminúe se falamos a un volume máis reducido. É por iso que se desaconsella a música de fondo e, igualmente, polo que tamén se debe evitar cantar. De igual xeito, tamén se advirte contra un consumo excesivo de alcohol, sobre todo polo incremento da desinhibición que provoca e pola tendencia a falar máis alto (e a cantar) que favorece.

Recoméndase tamén ventilar os espazos (aínda que nas noites de decembro isto pode ser complicado) e evitar falar alto e cantar

Ventilar a casa, se é posible

Unha das principais recomendacións para diminuír o risco de contaxios é ventilar os espazos pechados. As evidencias científicas acabaron por certificar que a vía aérea (e as partículas en suspensión) é a principal vía de transmisión do virus, polo que é conveniente favorecer a circulación do aire. O documento aprobado polo Consello Interterritorial incide nesta cuestión, e así o fan a maior parte dos epidemiólogos e expertos. Con todo, tamén son conscientes da dificultade de cumprir e facer cumprir esta recomendación en pleno inverno. "Non sei se é posible facelo en decembro e non sei se sería realista pedirlle á xente que abra as ventás ás 12 da noite o 24 de decembro", dicía Caamaño na entrevista. En calquera caso, pódense aplicar as recomendacións para a ventilación da aulas difundidas pola Xunta hai unhas semanas, que seguen as pautas fixadas pola Universidade de Harvard e o CSIC.

Evitar picar do mesmo prato

Aínda que o contaxio por superficies pode non ser a vía principal para o contaxio do coronavirus, é importante manter as recomendacións que se veñen seguindo dende a primavera que atinxen ao lavado frecuente de mans e ás precaucións relacionadas con evitar que moitas persoas distintas poñan as mans nos mesmos pratos ou fontes. Así, proponse que só unha persoa sexa a encargada de servir a comida e, igualmente, evitar "picar" de pratos comúns, optando mellor por servir racións individuais. 

Unha terraza dun local de hostalaría durante a pandemia CC-BY-SA Xunta

Todas as recomendacións que se aplican ás comidas e ceas que se realicen en domicilios deben aplicarse igualmente para a hostalaría 

Precaución na hostalaría

Todas as recomendacións que se aplican ás comidas e ceas que se realicen en domicilios deben aplicarse igualmente para a hostalaría, que tamén vai acoller moitos encontros familiares e de amizades, tanto nas datas especialmente sinaladas coma no resto de días do período de Nadal.  Así, a recomendación xeral é tamén evitar facer encontros con persoas non convivintes en bares e restaurantes. Pero, de facelos, deben seguirse unha serie de normas, que pasan por limitar ao máximo o número de persoas e o número de unidades de convivencia, escoller espazos amplos e ben ventilados, optando no posible por terrazas ao aire libre, non falar alto e non cantar, pasar alí o menor tempo posible e, sobre todo, manter colocada a máscara de protección en todo momento.

Responsabilidade individual

E, por último, a recomendación principal sería a da "responsabilidade individual", como repiten autoridades sanitarias e voces expertas. Limitar ao máximo os riscos en todo momento, pensando máis no colectivo que no individual e tendo en mente, sobre todo, as persoas máis vulnerables e a evolución da enfermidade nos vindeiros meses.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.