A Xunta volve impoñer o peche perimetral en Compostela e endurece as restricións noutros dez concellos

A zona vella de Santiago de Compostela dende os tellados da Catedral © Santiago Turismo

Santiago de Compostela volverá ter limitacións de mobilidade, recuperanto o peche permitetral do que saíra xusto antes da ponte da Constitución. Os datos de incidencia dos últimos días amosaban un empeoramento da situación epidemiolóxica na capital de Galicia (a súa incidencia acumulada a 14 días pasou de 74 a 135 casos en dez días) que finalmente obrigou á Xunta a endurecer as restricións, que pasan do nivel básico ao nivel medio.

O resto das cidades galegas, que nas últimas amosan un estancamento da súa mellora (e con lixeiras subas nalgúns casos) non experimentan cambios nas súas medidas. Ourense convértese na única urbe sen peche perimetral e agora Compostela comparte o nivel medio de restricións coa Coruña e Lugo, mentres que Ferrol, Vigo e Pontevedra continúan no nivel alto.

Si hai cambios noutros concellos. Suavízanse as restricións en Barro, Coristanco, Cee, Laxe, Carballo e Ponteceso, que pasan ao nivel básico, co que se suprimirá alí a limitación de mobilidade.

Pola contra, as medidas endurécense en Ribeira, Bueu, e Baiona, que pasan ao nivel máximo de restricións. E tamén en Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Carnota, Rodeiro, A Illa e Fisterra, que pasan ao nivel alto de restricións e tamén pasan a ter peche perimetral. As medidas entrarán en vigor na medianoite do mércores ao xoves.

Ademais, o comité clínico acordou realizar unha vixilancia especial nos concellos de Verín, O Barco, A Rúa, Cedeira e San Sadurniño, aínda que de momento permanecen no nivel básico e non se aplican neles novas restricións. A Consellería de Sanidade informará este mércores pola mañá do plan de nadal para Galicia.

Ademais do peche perimetral que regresa a Compostela (e tamén a Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Carnota, Rodeiro, A Illa e Fisterra), o endurecemento das medidas e o paso a un nivel superior de restricións implica cambios na hostalaría nas actividades permitidas, na capacidade autorizada ou nos seus horarios. E tamén ten efectos nas actividades culturais ou nos eventos deportivos. Podes conseultar aquí, en detalle, as medidas ligadas a cada nivel de restricións.

Por exemplo, en Compostela o paso ao nivel medio reduce do 50% ao 40% a capacidade permitida no interior dos locais de hostalaría e do 75% ao 50% nas terrazas. 

Para Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Carnota, Rodeiro, A Illa e Fisterra, o pase ao nivel alto implica que os bares e restaurantes só poden abrir ata as 17 horas, cunha capacidade máxima do 30% no interior.

Para Ribeira, Bueu, e Baiona, o pase ao nivel máximo leva a que a hostalaría só pode servir en terraza, nunca no seu interior (e só ata as 17 horas).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.