Compostela e Ourense volveron incrementar a incidencia da Covid dende o relaxamento das restricións

Mapa Galicia IA 14 días CC-BY-SA Praza.gal

A batalla contra a pandemia de Covid-19 está a ser longa e complexa. O final do proceso de desconfinamento e o relaxamento das precaucións que tivo lugar no verán levaron, xa dende agosto, a unha segunda onda na que aínda estamos instalados. E as voces expertas alertan de que as celebracións do Nadal poderían provocar un repunte no número de contaxios e hospitalizacións. Sempre que as restricións se suavizan córrese o risco de que o virus se propague.

De momento, Galicia mantén unha tendencia descendente nos seus indicadores, cunha diminución continuada no número de casos, positividade e hospitalizacións, aínda que sexa a un ritmo lento. Con todo, non todos os concellos do país están a seguir esta evolución favorable, á vista dos datos diarios de incidencia acumulada. A aparición de gromos fixo incrementas as cifras de positivos en varias localidades nas últimas semanas (nos últimos días, de forma especial, nas Pontes e Boiro). Pero tamén en dúas das sete cidades galegas, precisamente as dúas que hai uns dez días pasaron ao nivel básico de restricións, eliminando entre outras medidas o seu peche perimetral: Santiago de Compostela e Ourense.

Santiago e Ourense deixaron de descender o pasado 4 de decembro, mantendo dende entón os seus datos, mesmo cun lixeiro incremento

No gráfico obsérvase a evolución da incidencia acumulada (número de casos de coronavirus detectados nos 14 días anteriores por cada 100.000 persoas nas sete cidades galegas). A evolución dende o pasado 20 de novembro é favorable en todas elas. Porén, Santiago e Ourense deixaron de descender o pasado 4 de decembro, mantendo dende entón os seus datos, mesmo cun lixeiro incremento, que levou a Ourense a superar os 120 casos por cada 100.000 habitantes e a Santiago a rozar os 110, despois de ter estado por debaixo dos 100 (Compostela chegou mesmo a 75).

Cómpre salientar que os posibles efectos do relaxamento das restricións poden tardar unha semana en deixarse notar, polo que o cambio de tendencia que estas dúas cidades comezaron a experimentar o 4 de decembro (xusto o día que se suavizaron as medidas) non respondía a esa decisión en concreto.

A Coruña sitúase xa con datos semellantes aos de Ourense e Compostela, mentres que Lugo baixou tamén de 140 casos

As outras cinco cidades, aínda nos niveis medio ou alto de restricións e con peche perimetral, seguen a descender os seus datos. A Coruña sitúase xa con datos semellantes aos de Ourense e Compostela, mentres que Lugo baixou tamén de 140 casos. Ferrol, que levaba unha tendencia moi favotrable, semella estancado nos últimos días. E Vigo e Pontevdra tamén levan dous días sen reducir a súa incidencia.

No resto de Galicia, a evolución xeral tamén é favorable, aínda que hai numerosos concellos, algúns deles vilas importantes e moi poboadas, que nas últimas tres semanas tamén chegaron a acadar incidencias importantes. Nos últimos días son Boiro e As Pontes os que máis preocupan con datos por riba de 1.000 casos por cada 100.000 habitantes e aínda en ascenso.

Outros que tamén chegaron a acadar niveis igualmente importantes, como Vilalba, Gondomar ou Mos, están agora nunha situación moito mellor. De feito, neles a incidencia acumulada descedeu con moita rapidez, ao estar vencellada en boa medida a gromos de importancia en residencias de maiores. Unha vez que moitas das persoas que se contaxiaran superaron a enfermidade, as cifras caeron de golpe.

No resto das grandes vilas galegas, tan só Vilagarcía de Arousa, O Grove e O Porriño presentan nos últimos días un empeoramento da súa situación.

Na seguinte táboa pódese comprobar a evolución da incidencia acumulada nos concellos galegos de máis de 10.000 habitantes

Na seguinte táboa podes comprobar a evolución da incidencia acumulada nos concellos galegos de máis de 10.000 habitantes. Nas localidades de menor poboación, este indicador pode oscilar demasiado duns días a outros, debido á aparición dun grupo de positivos ou á recuperación destes pacientes. Ademais, cando o número de casos nos 14 días anteriores é inferior a dez, a Xunta non ofrece a cifra concreta. 

Na segunda táboa pódese consultar o número de positivos detectados en cada concello

Así, nesta táboa non aparecen concellos como Sarreaus, Rodeiro ou Castrelo de Miño, que neste momento presentan os datos máis elevados de incidencia acumulada. Tampouco Mazaricos, A Illa de Arousa, Fisterra, Camariñas, Antas de Ulla, Dumbría, Negreira, A Baña, A Rúa, Zas, Cospeito, Santa Comba, Agolada ou A Lama, todos eles por riba dos 400 casos por cada 100.000 habitantes.

Na segunda táboa si se pode consultar o número de positivos detectados en cada un dos concellos do país dende que o pasado 21 de novembro o Sergas comezou a ofrecer diariamente esta información. 98 localidades non rexistraron ningún caso nos últimos 14 días, unha cifra de concellos libres de Covid-19 que pouco a pouco vai medrando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.