As restricións reláxanse nas cidades de Lugo e Pontevedra ante a redución do número de casos de COVID

Casa do Concello de Lugo, na Praza Maior da cidade © Turismo de Galicia

A Consellaría de Sanidade decidiu este venres o alivio das restricións aplicadas en varios concellos galegos, entre os que destacan as cidades de Lugo e Pontevedra. En concreto, Lugo pasa ao denominado 'nivel medio' e Pontevedra (xunto coas veciñas Marín e Poio) ao nivel alto, dentro dos catro niveis establecidos a pasada semana polo Goberno galego

Lugo e Pontevedra manteñen o peche perimetral, pero na cidade lucense os locais de hostalaría poderán abrir ata as 23 horas (ata agora só o podían facer ata as 17 horas) e na pontevedresa estes establecementos poden agora servir no seu interior

A pesar de que nos últimos días se especulara con que tamén a cidade da Coruña podería abandonar o actual 'nivel medio' de restricións no que se atopa para pasar a un 'nivel básico' no que desaparecería o peche perimetral que se aplica na urbe, finalmente todos os concellos da comarca que neste momento teñen limitacións de mobilidade seguirán manténdoas uns días máis.

Na xuntanza do subcomité clínico que asesora á Consellaría tamén se decidiu o relaxamento das restricións en Narón e O Porriño (pasan a nivel alto) e Ribadavia, Xinzo de Limia, Malpica de Bergantiños, Cabana de Bergantiños, A Laracha, Silleda ou Vilanova de Arousa (pasan ao nivel básico). Pola contra, as restricións endurécense en Sarreaus, Camariñas, Zas, A Rúa, Tomiño e O Rosal (pasan a nivel alto). As medidas, que serán publicadas no DOG na tarde deste venres, entrarán en vigor esta medianoite do venres ao sábado.

As medidas, que serán publicadas no DOG na tarde deste venres, entrarán en vigor esta medianoite do venres ao sábado

Así mesmo, hai unha serie de localidades sen restricións que pasan a ser situadas baixo unha especial "vixilancia" debido ao empeoramento dos seus indicadores epidemiolóxicos, o que podería levar (de continuar esta tendencia) á aplicación de medidas de control e prevención a partir da vindeira semana. Trátase de Abegondo, Neda, Ordes, Vilagarcía de Arousa, Rodeiro, O Barco de Valdeorras, Verín, Bueu, Santa Comba, Mazaricos, A Baña, Negreira, Boiro, Rianxo, A Pobra do Caramiñal e Ribeira.

Que implican os cambios en Lugo e Pontevedra?

Tamén se relaxan as medidas en Poio e Narón e O Porriño (pasan a nivel alto) e Ribadavia, Xinzo de Limia, Malpica de Bergantiños, Cabana de Bergantiños, A Laracha, Silleda ou Vilanova de Arousa (pasan ao nivel básico)

Un dos principais cambios nos concellos que pasan do nivel máximo ao nivel alto (como Pontevedra, Marín, Poio, Narón ou Porriño) é que os locais de hostalaría poderán servir tamén no seu interior, aínda que cunha capacidade limitada ao 30%. O resto das medidas (terrazas ao 50%, apertura ata as 17 horas e xuntanzas de non convivintes ata un máximo de 4 persoas) manteranse exactamente igual. Tamén se mantén a capacidade máxima autorizada en actividades culturais ou espectáculos deportivos (250 no interior, 500 no exterior). Tamén se manteñen os peches perimetrais existentes, locais ou comarcais.

Pola súa banda, os concellos que pasan do 'nivel alto' ao 'nivel medio', como Lugo, incrementan as capacidades máximas permitidas nos locais de hostalaría (ata o 40% en interior e 50% na terraza) e o número de persoas que alí se poden xuntar (ata un máximo de 6). Pero a principal modificación afecta ao horario de apertura, que pode chegar ata as 23 horas (anteriormente era ás 17 horas). Así mesmo, os actos culturais ou deportivos poden duplicar a súa capacidade (500 no interior, 1000 no exterior). Tamén se manteñen os peches perimetrais.

As restricións endurécense en Sarreaus, Camariñas, Zas, A Rúa, Tomiño e O Rosal (pasan a nivel alto)

Finalmente, nos concellos que pasan ao 'nivel básico' de restricións (como Ribadavia, Xinzo de Limia, Malpica de Bergantiños, Cabana de Bergantiños, A Laracha, Silleda ou Vilanova de Arousa), elimínanse os peches perimetrais. Ademais, a capacidade máxima permitida nos locais de hostalaría medra ata o 50% en interiores e o 75% en terraza. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.