Galicia reduce o número de camas hospitalarias ocupadas por pacientes COVID e mantén a positividade por debaixo do 5%

Interior dun centro hospitalario galego © Sergas

A maior parte dos indicadores que miden a situación da pandemia en Galicia continúan a mellorar, mentres se está a iniciar un novo proceso de "desescalada" das medidas de prevención e restrición introducidas a finais de outubro e cando estamos a menos de dúas semanas nas celebracións de Nadal, un momento que pode significar un novo incremento no número de contaxios e na propagación da enfermidade.

Galicia segue a moverse algo por debaixo dos 300 casos novos ao día, sumando este venres 324 novos diagnósticos de Covid-19 a través de PCR

Por iso resulta especialmente importante nestes días previos reducir ao máximo o número de infeccións e a circulación do virus, así como a ocupación hospitalaria. A mellora é un feito, pero a situación nos hospitais está aínda lonxe do "reseteo" da situación que a Xunta perseguía antes das festas de Nadal, e en todo caso canto máis baixos sexan os datos, menor será o risco de repunte e escalada nas infeccións no mes de xaneiro.

Galicia segue a moverse algo por debaixo dos 300 casos novos ao día, sumando este venres 324 novos diagnósticos de Covid-19 a través de PCR. Isto fai que a incidencia acumulada por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días siga a descender, situándose nos 158 casos, por debaixo da media do conxunto do Estado.

A situación nos hospitais segue a mellorar pero está aínda lonxe do "reseteo" da situación que a Xunta perseguía antes das festas de Nadal

No que atinxe ao resto dos indicadores, hai boas novas na porcentaxe de probas positivas, que seguen por debaixo do 5%, o nivel que a OMS considera a fronteira entre unha situación epidemiolóxica controlada e a circulación do virus. Esta taxa de positividade, aínda que depende de moitos factores (como a realización de cribados masivos, que poden axudar a diminuíla, ou a aparición de gromos, que contribúen a aumentala), é un indicador temperán da mellora ou do empeoramento da situación.

Outros indicadores recollen os efectos máis serodios da propagación do virus. É o caso da ocupación de camas hospitalarias por persoas enfermas de Covid-19. Neste senso, os hospitais galegos seguen rexistrando descensos na súa ocupación, tanto no que atinxe ás unidades de críticos coma ao resto de unidades.

Este venres, na rolda de prensa posterior á xuntanza do comité clínico que asesora á Consellaría de Sanidade, os responsables do SERGAS destacaron a "boa evolución" dos datos galegos, sinalando por exemplo que o número reprodutivo instantáneo se mantén en Galicia por debaixo de 1 (0,92), o que amosa o control da circulación do virus.

A porcentaxe de probas positivas segue por debaixo do 5%, o nivel que a OMS considera a fronteira entre unha situación epidemiolóxica controlada e a circulación do virus

A taxa de positividade situouse este xoves por primeira vez dende comezos de outubro por debaixo do 5% fixado pola OMS como referencia. Este venres continúa o seu descenso, coa súa media semanal roldando o 4,55%, lonxe do 8,5% que chegou a acadar a finais de outubro e comezos de novembro.

A porcentaxe de probas positivas amosa unha tendencia de descenso en todas as áreas sanitarias, especialmente en Ourense, Lugo, A Coruña e Vigo, todas elas por debaixo do 5%, ao igual que Santiago, con datos máis estables nos últimos días. Ferrol, en cambio, rexistrou un incremento na última semana, e sitúase de novo por riba do 8%. Pontevedra rolda o 6%, subindo tamén nos últimos días.

Ao longo desta semana Galicia incrementou de novo o número de probas PCR realizadas diariamente

Ao longo desta semana Galicia incrementou de novo o número de probas PCR realizadas diariamente, un incremento motivado en parte pola realización de amplos cribados que contribuíu a reducir a taxa de positividade. Este xoves foron 7.471 os tests realizados, o que eleva a 6.455 a media nos últimos sete días, a máis elevada dende o pasado 1 de decembro.

A situación epidemiolóxima mellora na maior parte de Galicia, como se pode comprobar no seguinte mapa, que amosa a incidencia acumulada (número de casos por cada 100.000 habtiantes nos 14 días anteriores) en cada concello. Porén, segue a haber algunhas localidades con valores moi elevados, superiores aos 500 casos e mesmo aos 1000 casos.

Sarreaus, con 43 casos detectados nos últimos 14 días, encabeza a lista (unha IA de máis de tres mil casos por cada 100.000 habitantes), seguido de Castrelo de Miño (18 casos e unha IA superior aos mil casos). Cómpre ter en conta que nos concellos menos poboados, a aparición dun gromo pode elevar moi rapidamente os datos. No caso de Sarreaus, segundo informou este venres o conselleiro de Sanidade, levouse a cabo un cribando que atinxiu á práctica totalidade da poboación desta localidade.

Entre as localidades con máis de 10.000 habitantes As Pontes (IA de 1.055) e Boiro (1.043) son os concellos que máis preocupan nestes momentos. Mentres, Vilalba mellora a súa situación, pero segue cunha incidencia de máis de 500 casos.

No que atinxe ás cidades, Vigo (186 casos por cada 100.000 habitantes) e Pontevedra (205) son as urbes cunha maior incidencia acumulada en 14 días.  Ferrol (179) e Lugo (151) aparecen a continuación, mentres que A Coruña (121) e Ourense (103) presentan cifras mellores. Santiago é claramente a cidade con menor incidencia (90 casos).

Segue a incrementarse, iso si, a lista de persoas falecidas en Galicia despois de ter enfermado coa Covid-19. Este venres seis novas defuncións elevan a 1.293 o número de mortes dende o inicio da pandemia o pasado mes de marzo. Con todo, a media diaria de vítimas mortais na última semana segue a descender, situándose claramente por debaixo de 6.

Ourense segue a ser a área sanitaria cun maior número de falecementos dende o inicio da pandemia, con 300, aínda que nos últimos días esta zona rexistrou un menor número de mortes. A Coruña (293) e Vigo (239), moito máis poboadas, son as seguintes áreas con máis defuncións.

Nas residencias de maiores e centros de atención á discapacidade hai un total de 464 casos activos de Covid-19 (271 entre os e as usuarias e 191 entre o persoal). Son 43 casos menos que este xoves, xa que nas últimas 24 horas houbo unicamente 9 casos novos, mentres que un gran número de positivos foron retirados do cómputo.

A Residencia Vila do Conde (Gondomar), a Residencia Soremay (Pontevedra) e a Residencia Asilo Vilalba son os tres centros que acumulan un maior número de casos activos.

Este venres as cifras nas UCI (51 camas ocupadas) mantéñense estables con respecto ao xoves (50), pero a tendencia é claramente de mellora dende o venres da semana pasada, cando había 62 persoas ingresadas nas unidades de críticos

En canto ás hospitalizacións, o número de camas ocupadas por persoas que deron positivo nunha proba de detección da COVID-19 segue a descender. Este venres as cifras nas UCI (51 camas ocupadas) mantéñense estables con respecto ao xoves (50), pero a tendencia é claramente de mellora dende o venres da semana pasada, cando había 62 persoas ingresadas nas unidades de críticos. A mellora é aínda máis clara no resto de unidades hospitalarias, con 309 camas ocupadas este venres, fronte ás 321 de onte e as 347 de hai sete días.

O descenso é especialmente claro na área da Coruña-Cee, que pasou nunha semana de 21 camas ocupadas na UCI a tan só 13. Tamén en Ferrol (de 7 a 3) e Ourense (de 6 a 2). En cambio, Pontevedra. Lugo e Santiago experimentan mesmo un lixeiro empeoramento nas UCI, mentres que Vigo mantense estable. No resto de unidades tamén A Coruña, Ferrol e Ourense encabezan os descensos, e Santiago é a única área que presenta unha situación claramente máis negativa que a pasada semana. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.