A pandemia do coronavirus evoluciona de xeito dispar nas diferentes áreas sanitarias, comarcas e concellos galegos. Pero a combinación de empeoramentos e melloras segue derivando nun estancamento que contrasta cos pronunciados descensos no número de casos novos rexistrados en semanas previas. O país segue, deste xeito, na contorna dos 300 novos positivos por xornada nunha xornada na que os diversos cribados realizados polo Sergas impulsa unha forte caída na porcentaxe de probas PCR que dan positivo.
Sanidade suma este 10 de decembro 287 novos casos rexistrados nas vinte e catro horas transcorridas entre as seis da tarde do martes, día 8, e a mesma hora do mércores. Deles, 255 son diagnósticos mediante PCR. Supón unha redución de algo máis de medio cento a respecto dos casos detectados nas vinte e catro horas previas nun contexto no que, como amosa o gráfico baixo estas liñas, a senda descendente segue freada.
Ao tempo, Sanidade continúa notificando falecementos de persoas que foran diagnosticadas como positivas polo coronavirus. Os datos oficiais incorporan seis falecementos, tres deles das últimas vinte e catro horas e os outros tres, de días previos. Catro destas persoas vivían en residencias de maiores: unha muller de 100 anos e un home de 86, na San Antonio de Beariz -ambos faleceron no hospital, en Ourense-, e dúas mulleres de 85 e 92 anos, ambas hospitalizadas, na Soremay de Pontevedra. Ademais, morreu un home de 77 anos no hospital de Ourense e outro de 88 anos, na súa casa das Pontes. O total chega xa ás 1.287. [O INE apunta que a COVID puido causar na primeira onda en Galicia cen mortes máis que as rexistradas oficialmente]
Estas son as cifras dunha xornada na que se incorporan aos datos oficiais os resultados de ata 7.970 probas PCR procesadas nas vinte e catro horas previas. Moitas destas probas correspóndense con cribados como os realizados varios concellos e comarcas, caso dos de Boiro, os de Vigo e a súa área, Vilalba ou puntos da provincia de Ourense, entre outros. A diferenza das probas PCR solicitadas por canles ordinarias -sobre todo, para pacientes sospeitosos de padecer o virus-, nos cribados participa un gran número de persoas non infectadas e esa é a razón pola que adoitan impulsar unha baixada nas taxas de positividade.
Os cribados elevan a ata case as 8.000 as probas PCR realizadas en vinte e catro horas e fan caer as taxas de positividade do mércores ata a contorna do 2%. A positividade media en Galicia baixa do 5% por primeira vez dende comezos de outubro
Así, por exemplo, entre as máis de 5.600 probas realizadas entre as cero horas e as seis da tarde do mércores, día 9, apenas o 2,34% deron positivo. Nesa contorna estiveron as realizadas en áreas como Lugo (2,4%), Ourense (2,7%) ou Santiago (2,7%), mentres que a positividade na de Vigo caeu ata o 1,22%. Non obstante, se atendemos á positividade media a sete días, as alteracións puntuais dun día concreto suavízanse e o dato xeral galego está por riba do 4%, se ben resulta significativo que, por primeira vez dende comezos de outubro, descenda do 5% que a Organización Mundial da Saúde ten como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio determinado.
Por áreas sanitarias, a positividade media diaria máis baixa a 7 días volve ser a de Ourense (3,83%) seguida da de Santiago-Barbanza (4,54%). O dato máis alto e tamén a peor evolución dos últimos días rexístrase na área sanitaria de Ferrol, cunha positividade media superior ao 8%. Nesta área, a ferrolá, o Sergas confirma a detección dun novo brote nunha residencia de maiores, a San José de Narón, onde xa se rexistran 10 positivos entre as persoas residentes. O mesmo número de novas infeccións foi rexistrado na residencia Asilo de Vilalba.
Como en xornadas previas, o freo no descenso de novos casos positivos vén acompañado tamén dun certo estancamento nas cifras de persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus, aínda que nesta xornada diminúan en 4 e queden en 371. Delas, 50 están na UCI, a cifra máis baixa en coidados intensivos dende finais de outubro.
Onde vai aliviando aos poucos a carga ligada á COVID é noutros puntos do sistema sanitario, como a atención primaria e o rastrexo, por mor da diminución de casos activos derivada, en boa medida, do gran número de altas. Os 5.795 positivos activos dos que informa o Sergas este 10 de decembro son 132 menos que un día antes. O total de persoas que o Sergas dá por "curadas" -incluíndo as persoas que dan positivo en test de anticorpos, pero sen síntomas- chegan xa ás 48.285.