Ao longo da pandemia foron mellorando moitos dos elementos que serven para previr os seus contaxios e para combater a enfermidade. Tamén foi incrementándose o coñecemento que temos da enfermidade e sobre os seus mecanismos de propagación. Un equipo interdisciplinar da Universidade de Santiago, integrado na súa maioría por xeógrafos e analistas territoriais, así como por enxeñeiros e economistas, traballa dende hai meses na xeración dunha cartografía do risco da COVID-19 en todos os concellos de Galicia.
O equipo interdisciplinar traballa dende hai meses na xeración dunha cartografía do risco da COVID-19 en todos os concellos de Galicia
O proxecto traballa con múltiples fontes de datos, comezando pola propia información sobre o número de contaxios, incidencia, porcentaxe de probas positivas ou ocupación hospitalaria que todos os días publica o Sergas. Pero, ademais, os investigadores e investigadoras deste equipo vencellan estes datos cunha gran cantidade de información de tipo territorial da que dispoñen: catastros, demografía, envellecemento poboacional, dispersión da poboación…, así coma con outros datos máis concretos como a localización de farmacias, hospitais e centros de saúde, liñas de autobús ou mobilidade da poboación. Tamén empregan variables socioeconómicas como o PIB.
O obxectivo final é coñecer "como se comporta o virus"
No seu traballo, este equipo realiza análises sobre a evolución da pandemia nas sete cidades galegas e noutros ámbitos territoriais, e tamén naqueles lugares nos que nun momento dado existe un maior número de focos de contaxio. O obxectivo final é coñecer "como se comporta o virus", elaborando mapas e informes temporais -semanais e quincenais- que permiten saber como aumenta ou diminúe un determinado foco de contaxio.
O grupo envía estes resultados tanto á Axencia Galega de Innovación como ao Sergas, para que poida servir "de guía para tomar as medidas máis axeitadas en cada momento", destacan
O grupo envía estes resultados tanto á Axencia Galega de Innovación como ao Sergas, para que poida servir "de guía para tomar as medidas máis axeitadas en cada momento", destacan. Así mesmo, os datos particulares do coronavirus poderán combinarse cos doutras enfermidades como a gripe para observar as interaccións entre estas dúas epidemias. O obxectivo a longo prazo é "dispor dunha radiografía perfecta" de como foi evolucionando a pandemia da Covid-19.
O equipo multidisciplinar está coordinado por Ángel Miramontes, do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e conta tamén co apoio da Axencia Galega de Innovación (Gain). Ademais, o proxecto está financiados polo programa de micromecenado da USC ‘Sumo Valor', concretamente a través da liña que busca apoio para as investigacións de diferentes liñas de coñecemento que contribúan a combater e paliar os efectos da pandemia na sociedade.