A incidencia do coronavirus segue descendendo en Galicia e a tendencia dos novos diagnósticos segue sendo descendente. Sendo isto certo, non o é menos que as cifras das últimas xornadas bosquexan o que semella un novo estancamento nese freo e fano xusto ás portas das semanas consideradas críticas na evolución epidemiolóxica antes do previsible incremento de encontros e desprazamento durante as festas do Nadal.
O Servizo Galego de Saúde sumou este 9 de decembro 342 novos casos rexistrados entre as seis da tarde do día 7 e a mesma hora do martes, día 8. 329 deles son diagnósticos mediante probas PCR. A cifra de novos casos volve así a superar o limiar dos 300 xusto cando a media diaria de diagnósticos a 7 días lograba baixar dese nivel. Estes rexistros dos últimos días provocan, como amosa o gráfico baixo estas liñas, que a curva de descenso tenda ao aplanamento.
As mortes ligadas á pandemia xa son 1.281 tras computar Sanidade outras 8, seis da última xornada
Este freo prodúcese mentres Sanidade segue a notificar falecementos de persoas que contraeran o coronavirus. Na última xornada computou outros 8, seis deles das vinte e catro horas previas. Catro destas persoas viviran en residencias de maiores: dúas mulleres de 97 e 81 anos na de Vilaboa e ambas morreron hospitalizadas en Pontevedra; un home de 93 anos faleceu no hospital en Lugo procedente do Asilo de Vilalba e unha muller d e80 anos que vivía no centro San Antonio de Beariz, no hospital de Ourense. Ademais, finaron unha muller de 93 anos hospitalizada en Ferrol, un home de 70 en Pontevedra e dous homes de 74 e 93 anos no Clínico de Santiago. O total de falecementos ligados á pandemia chega así aos 1.281. [Dez consellos para evitar contaxios nun Nadal no que a clave será a "responsabilidade individual"]
Incidencia por concellos e áreas
Agás excepcións en concellos puntuais, o devandito estancamento aínda non se percibe con claridade na incidencia acumulada a 14 días (casos novos por cada 100.000 habitantes). Para o conxunto de Galicia segue en descenso -cos datos pechados a día 7 queda en 180, a menor dende finais de outubro.
O estancamento aínda non chega á incidencia a 14 días para o conxunto de Galicia, que segue baixando e rolda os 180, o menor nivel dende finais de outubro
Mentres aumentan os pequenos concellos sen novos casos nas últimas dúas semanas -xa son 87-, outros municipios empeoran a súa situación. É o caso, por exemplo, de Boiro, na área sanitaria de Santiago-Barbanza, onde o Sergas continúa a realización de cribados. Na banda contraria sitúanse algúns municipios nos que se disparara a incidencia por mor de brotes en residencias, caso de Gondomar ou Guntín, que agora tenden a mellorar.
Por áreas sanitarias, a menor incidencia a 14 días [podes consultar aquí o gráfico coa serie completa] segue sendo a de Ourense (97) e a segunda máis baixa é agora a de Lugo (167). A continuación sitúase Santiago-Barbanza (165), onde este indicador xa se resente polo empeoramento en concellos da Barbanza ou do Sar e deixou de descender para evidenciar un estancamento na súa evolución.
A realización de cribados inflúe na caída da positividade nalgunhas áreas sanitarias mentres o indicador xeral segue un chisco por riba do 5%
Neste contexto, o estancamento tamén chega ás claras á positividade media das probas PCR, que durante a pasada ponte festiva non experimentaron un descenso tan pronunciado como o que cabería agardar por mor da realización de cribados, tanto o devandito de Boiro como outros como os realizados en puntos da provincia de Ourense. Nas últimas vinte e catro horas foron procesadas 6.659.
Tendo en conta estes condicionantes, a positividade media diaria a sete días leva estancada para o conxunto de Galicia unhas décimas por riba do 5% dende os primeiros días do mes. Ese 5% é o limiar sinalado pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia nun territorio. A peor evolución nos últimos días é a da área de Ferrol, aínda que condicionada por un baixo número total de probas.
O alivio segue sen chegar con claridade aos hospitais
Mostra desta evolución irregular e con certa tendencia ao estancamento son tamén os números que chegan dende os hospitais. Tras o pronunciado descenso do pasado martes, froito das altas notificadas o luns, os datos deste día 9 -correspondentes ao festivo do 8- traen consigo un novo incremento das persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus, que agora son 324 en unidades de hospitalización ordinaria (+2) e 51 en unidades de coidados intensivos (+1).
Por áreas sanitarias, a que segue tendo un maior número de persoas ingresadas con test positivo do coronavirus continúa sendo a da Coruña-Cee, aínda que a piques de baixar do centenar tras moitas semanas por riba dese limiar. A continuación sitúase a de Vigo (69) e na banda contraria, a área sanitaria de Lugo, con 30 persoas hospitalizadas.
Como adoito, cómpre ter en conta que a carga hospitalaria vinculada á pandemia é frecuentemente maior que a reflectida nestas cifras. A razón é que a estatística oficial só recolle as persoas ingresadas con test positivo, pero dela desaparecen os pacientes que, cando pasan a dar negativo, precisan seguir no hospital por mor do seu estado xeral de saúde.