Lugo é a única provincia peninsular no nivel baixo de alerta por COVID

Mapa de alertas COVID a 30 de novembro, elaborado polo Ministerio de Sanidade, sobre unha imaxe da praza do Campo Castelo, en Lugo CC-BY-SA Foto: Concello de Lugo | Mapa: Ministerio de Sanidade | Montaxe: Praza Pública

Dende finais de outubro funciona en todo o Estado un sistema de catro niveis de alerta, que dependen dunha serie de indicadores epidemiolóxicos e hospitalarios. Neste sistema, aprobado no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde polo Ministerio de Sanidade e as Comunidades Autónomas, Galicia veu movéndose entre o segundo e o terceiro nivel de alerta (niveis alto e medio). Aínda que a maior dos indicadores colocaban a Galicia no nivel alto, a menor porcentaxe de camas ocupadas nos hospitais mantivérona durante semanas no nivel medio. Porén, nas primeiras semanas de novembro chegou a situarse no nivel alto de alerta.

Galicia é a única comunidade autónoma da Península, xunto con Navarra, que se atopa no nivel medio de alerta. No nivel baixo só está Canarias e nos niveis alto e extremo todas as demais

O Ministerio de Sanidade vén de publicar unha actualización da situación na que se atopan as distintas comunidades autónomas e provincias. Galicia, grazas á mellora experimentada nas últimas semanas, sitúase comodamente no nivel medio. O noso país é, de feito, a única comunidade autónoma da Península que se atopa nesta situación, xunto con Navarra. As Illas Canarias están no nivel inferior (nivel de risco baixo) e as restantes autonomías atópanse no nivel alto (Baleares, Murcia, Andalucía e Cantabria) ou no nivel extremo (o resto). Por debaixo destes niveis estaría o nivel 0, de 'nova normalidade'.

Situación dos niveis de alerta o 30 de novembro, por comunidades autónomas e provincias © Ministerio de Sanidade

Para chegar a un determinado nivel de alerta, un territorio debe ter nese nivel cando menos dous indicadores do bloque I (relativos á incidencia, positividade e trazabilidade) e un do bloque II (relativos á porcentaxe de camas hospitalarias ocupadas con pacientes de Covid-19). Galicia segue a manter uns indicadores preocupantes no que atinxe á incidencia acumulada (sitúase no nivel alto nos datos xerais e no nivel extremo nos datos relativos unicamente ás persoas maiores de 65 anos) pero moito mellores no que se refire á taxa de positividade (nivel de risco baixo) e á porcentaxe de casos que son trazados, no que tamén se atopa no nivel baixo de alerta. Neste indicador Galicia levou a cabo unha gran mellora, pois hai un mes aínda presentaba os peores datos de todo o Estado.

A porcentaxe de camas de UCI ocupadas (9,4%) sitúa a Galicia, xunto con Canarias, nese nivel baixo de risco, sendo os únicos territorios de todo o Estado que se atopan neste nivel

A situación de ocupación de camas nos hospitais galegos sempre estivo entre as mellores de todo o Estado durante esta segunda onda da pandemia. Así segue a ser e, de feito, a porcentaxe de camas de agudos ocupadas está no 5%, só por riba do dato de Canarias, o que sitúa a Galicia no nivel medio de risco neste indicador (e situarase no nivel baixo cando a porcentaxe baixe do 5%). De igual xeito, a porcentaxe de camas de UCI ocupadas (9,4%) sitúa a Galicia, xunto con Canarias, nese nivel baixo de risco, sendo os únicos territorios de todo o Estado que se atopan neste nivel. 

O documento do Ministerio de Sanidade ofrece tamén información por provincias e, de novo, as catro provincias galegas se atopan entre os territorios do Estado cun menor nivel de risco. A Coruña, Ourense e Pontevedra están nunha situación de alerta media e Lugo é a única provincia peninsular que se atopa nun nivel baixo de alerta, situándose no mesmo nivel de risco que as illas de Gran Canaria, Lanzarote, Fuerteventura, A Palma e Hierro.

Lugo é a única provincia peninsular que se atopa nun nivel baixo de alerta, situándose no mesmo nivel de risco que cinco das illas canarias

A provincia lucense atópase nesa situación especialmente polos seus reducidos niveis de ocupación de camas hospitalarias. Tanto nas camas de agudos (3%) como nas camas de UCI (7,2%) Lugo está no nivel baixo de alerta. A Coruña (5,1% e 8,8%) e Ourense (6% e 6,6%) presentan tamén porcentaxes reducidas, pero superiores ao 5% que fixa o límite entre os niveis de risco baixo e medio. Pontevedra (5,4% e 11,8%) ten datos semellantes, pero cunha maior ocupación de camas en UCI.

Nos restantes indicadores, Ourense é unha das provincias con menos incidencia acumulada (117 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días), tanto a nivel xeral como no que atinxe aos maiores de 65 anos. De igual xeito, Lugo e Ourense están entre os territorios cunha menor taxa de positividade, ao redor do 5%. E, así mesmo, A Coruña, Lugo e Pontevedra teñen cifras de porcentaxe de casos trazados moi elevadas (por riba do 65%). Ourense é aquí a excepción negativa, por debaixo do 50%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.