Galicia 'desescala' coa segunda vaga da COVID freando e a piques de superar as mortes da primeira

Unha enfermeira toma unha mostra para unha PCR nun centro sanitario da área de Santiago-Barbanza CC-BY-SA Sergas

O Servizo Galego de Saúde sumou este 4 de decembro 326 novos casos do coronavirus ao seu cómputo oficial, 290 deles diagnósticos mediante probas PCR. Son uns corenta positivos menos que o día previo nun contexto no que a media diaria dos últimos sete días é duns 300 diagnósticos ao día e con tendencia descendente. Esa tendencia a frear rexístrase na maior parte dos indicadores, que apuntan a unha lenta remisión dunha segunda vaga que está a piques de superar os 619 falecementos rexistrados na primeira.

O Sergas vén rexistrando uns 300 positivos novos ao día, pero a tendencia descendente mantense e a incidencia acumulada a 14 días vaise achegando aos 200, aínda que con notables diferenzas entre concellos

Sanidade computa oficialmente este 4 de decembro -con datos pechados ás seis da tarde do día 3- ata 8 mortes máis, tres das vinte e catro horas previas e as restantes, de varios días da última semana. O total de falecementos de persoas infectadas pola COVID-19 en Galicia chegan así ás 1.236 e os da segunda vaga, a 617, polo que todo apunta a que na vindeira actualización de datos, xa se superará o limiar acadado na primeira.

Estas cifras rexístranse no comezo do que a Xunta deu en denominar como nova "desescalada", cun novo marco de restricións e relaxacións de medidas en boa parte do país. Galicia chega a este punto coa incidencia acumulada do virus -novos casos por cada 100.000 habitantes- en claro descenso dende hai case un mes, pero aínda por riba dos 200 casos. Segundo o sistema de alertas acordado entre o Estado e as comunidades autónomas, este sería un valor de risco "alto", se ben as cifras seguen sendo dispares entre áreas sanitarias, comarcas e concellos.

Como amosa o mapa sobre estas liñas, en ata 75 concellos o Sergas indica que non se rexistraron casos novos nas últimas dúas semanas e noutro bo número deles, a incidencia acumulada a 14 días está por baixo da media galega. É o que sucede, no caso dos municipios máis poboados, nas cidades de Santiago (87), Ourense (109), A Coruña (150) ou Ferrol (190). 

Na banda contraria sitúanse algúns dos concellos que continúan baixo restricións máis estritas, caso de varios municipios de Bergantiños, da Costa da Morte, do Eume e, en menor medida, da contorna de Vigo. Tamén se rexistran altas incidencias en pequenos concellos de maneira máis puntual e, en varios casos, vinculadas a brotes en residencias de maiores. É o que sucede, por exemplo, en Beariz, Guntín ou Castrelo de Miño, entre outros.

O Sergas vén procesando esta semana unhas 5.000 PCR ao día e a taxa de positividade media segue baixando aos poucos cara ao 5%

Nun contexto de diminución dos principais indicadores e de introdución de novos tipos de test, o número de probas PCR que o Sergas procesa cada día segue tendendo a diminuír, aínda que segue sendo moito máis alto que nas semanas do desconfinamento tras a primeira vaga. Nas últimas vinte e catro horas -das seis da tarde do mércores á mesmas hora do xoves- foron procesadas 5.139 e, no que vai de semana -polo momento, con datos completos pechados ata o mércores-, a media diaria está un chisco por riba das cinco mil. 

Para o conxunto de Galicia, a positividade media diaria a 7 días das probas PCR segue achegándose, aos poucos, ao limiar do 5% fixado pola Organización Mundial da Saúde como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio. O dato global galego chegou a estar por riba do 8% nesta segunda vaga, en todo caso por baixo dos valores máximos acadados no conxunto do Estado. 

Por áreas sanitarias, as positividades medias máis baixas seguen sendo as de Santiago e Ourense, ambas aínda por baixo do 5% malia frearen nos últimos días a súa clara tendencia descendente. A razón, no caso ourensán, hai que buscala en boa medida en brotes en residencias de maiores. Na área de Santiago-Barbanza, cando menos parte da explicación sitúase no empeoramento en concellos como Boiro, que este venres foi introducido polo Sergas no nivel máximo de restricións e onde Sanidade se dispón a realizar un cribado ao que están citadas máis de 3.000 persoas.

Lento alivio nos hospitais

Mentres todo isto sucede, o alivio máis pausado segue sendo o dos hospitais. As persoas ingresadas con test positivo do coronavirus seguen sendo máis de 400 (409), aínda que son 89 menos que unha semana antes, período no que ademais a carga as UCI tamén comezou a diminuír con máis intensidade, pasando de máis de 90 pacientes nestes servizos aos actuais 61. A tendencia é descendente dende hai unhas tres semanas, pero así e todo, as hospitalizacións seguen moi por riba xa non dos calmos meses de xullo e agosto, senón tamén das rexistradas durante setembro.

Por áreas sanitarias, todas van reducindo aos poucos as súa carga hospitalaria e a máis numerosa segue sendo a da Coruña-Cee (127). Mentres, son xa cinco as áreas con menos de dez persoas nas UCI con test positivo do coronavirus. A área con menor número de pacientes hospitalizados con test positivo é a de Lugo (28). Cómpre ter en conta, en todo caso, que as persoas infectadas que superan o virus pero precisan seguir hospitalizadas por mor do seu estado xeral de saúde desaparecen desta estatística, polo que a presión hospitalaria real vinculada á pandemia adoita ser superior ao reflectido nestas cifras.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.