O Servizo Galego de Saúde sumou entre as seis da tarde do venres e a mesma hora do sábado, 5 de decembro, un total de 296 casos do coronavirus, 277 deles diagnósticos mediante probas PCR. Son 74 menos que nas vinte e catro horas anteriores, baixando así lixeiramente un ritmo que, en días naturais, segue roldando os 300 novos casos ao día. A incidencia acumulada da COVID-19 a 14 días (casos novos por cada cen mil habitantes) para o conxunto de Galicia segue acougando e, por primeira vez dende finais de outubro baixa dos 200 casos para o conxunto de Galicia nunha xornada na que esta melloría frea nun dos puntos clave, os hospitais, cunha repunta no número de persoas hospitalizadas.
A incidencia acumulada a 14 días da COVID para o conxunto de Galicia baixa dos 200 casos por primeira vez dende finais de outubro
Como amosa o mapa baixo estas liñas, as incidencias máis baixas seguen rexistrándose en concellos ourensáns, da montaña de Lugo ou da Mariña, aos que nos últimos días se suman tamén municipios da Terra de Montes ou da comarca de Santiago. Un total de 76 concellos non rexistraron casos novos do coronavirus nos últimos catorce días, situación que contrasta coas altas incidencias na Costa da Morte, Bergantiños ou no Salnés e coa mala evolución nos últimos días en municipios como Boiro ou Tui.
En nove dos dez concellos máis poboados a incidencia acumulada a 14 días é agora menor que hai unha semana
Nos concellos máis poboados, frecuentemente sinalados dende Sanidade como principais fonte de preocupación no caso dun empeoramento, a incidencia traza, maioritariamente, unha liña descendente. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, en nove dos dez municipios galegos con máis habitantes, o número de novos casos rexistrados nos últimos 14 días que reflicten os datos difundidos este 6 de decembro son menos que os de hai unha semana. Só nun destes dez concellos, Vilagarcía, a situación empeorou a respecto de hai sete días.
Estas mellorías rexístranse mentres Sanidade segue contabilizando falecementos de persoas que contraeran a COVID. Esta cifra chega xa ás 1.250 tras notificar o Sergas outras catro mortes de días pasados, dúas delas de residentes no Asilo de Vilalba (un home de 86 anos e unha muller de 101, ambos falecidos no propio centro), ademais dun home de 77 anos hospitalizado en Ourense e outro paciente de 95, en Pontevedra.
Freo no descenso de hospitalizacións
Coa incidencia e as taxas de positividade das probas PCR a acougar nos datos globais galegos, e máis de 5.000 destes test ao día nas últimas xornadas, o indicador máis preocupante dos coñecidos este domingo é o relativo á hospitalización. Tras cinco días á baixa, o número de persoas hospitalizadas con test positivo de coronavirus volve aumentar e faino tanto en unidades ordinarias (de 337 a 342) como na UCI (de 61 a 64).
A orixe deste incremento sitúase en catro áreas sanitarias. Nas da Coruña-Cee e Ferrol aumentan as persoas infectadas da COVID-19 que precisan atención na UCI (de 22 a 23 e de 6 a 8, respectivamente) e nas de Lugo e Ourense, sobe o número de pacientes infectados en unidades hospitalarias ordinarias (de 26 a 31 e de 36 a 37). En calquera caso, como adoito, cómpre ter tamén en conta que a carga hospitalaria vinculada á pandemia adoita ser maior que a reflectida nestas cifras, que deixan de contabilizar os pacientes ingresados por mor da COVID-19 cando pasan a dar negativo aínda que precisen seguir no hospital por mor do seu estado xeral de saúde.
As altas seguen contribuíndo ao descenso de casos activos
A carga do sistema sanitario ligada á pandemia vén dada polo número de ingresos nos hospitais, pero tamén polas cifras totais de casos activos, xa que a supervisión das persoas infectadas e non hospitalizadas depende, en boa medida, dos servizos de Atención Primaria. Nas últimas dúas semanas o número de positivos activos descende con claridade non só por rexistrárense menos casos novos, senón tamén polo elevado número de altas. Dende o pasado sábado están por baixo dos 7.000, o cal non acontecía dende finais de outubro, e as cifras coñecidas este domingo déixanos en 6.726.
Estas cifras inclúen un total de 556 casos positivos activos vinculados a residencias de maiores e persoas con discapacidade. Deles, 362 son de persoas usuarias de centros para persoas anciás e outros catro, de residentes en instalacións de atención á discapacidade. Os restantes corresponden con persoal destes centros. A residencia con máis positivos activos entre residentes é actualmente a Vila do Conde de Gondomar, con 110.