As mortes da segunda vaga da COVID en Galicia son máis que as da primeira dende o 3 de decembro

Nos últimos días realizouse un cribado no hospital da Barbanza a veciñanza de Boiro, onde a incidencia do virus aumentou notablemente CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

O pasado xoves, 3 de decembro, o rexistro oficial do Sergas sobre as mortes de persoas infectadas do coronavirus en Galicia chegaba ás 1.228. No entanto, a últimas horas do venres a Consellería de Sanidade actualizaba este cómputo e agregaba outros dez falecementos, algúns deles de días pasados, como un do 19 de novembro e outro, do día 24 do mesmo mes. Entre as mortes notificadas con atraso, tres mulleres de 82, 93 e 96 anos e un home de 80 que viviran na residencia Asilo de Vilalba e que, indica Sanidade, "por mor dunha incidencia informática non se validaron con anterioridade".

Tras a suma de varios falecementos computados con atraso, as mortes de persoas infectadas pola COVID na segunda vaga son xa 627 e o total chega a 1.246

Estes pasamentos, xunto aos dun home e unha muller de 69 e 93 anos na Coruña, unha muller de 91 no Clínico e Santiago, unha muller de 94 en Ferrol e mais un paciente de 86 e unha doente de 74 en Vigo fixeron chegar o total de mortes ligadas á pandemia en Galicia a 1.246 o 4 de decembro. Un día antes, o xoves 3, chegárase ás 1.245 segundo o cómputo corrixido. Isto quere dicir que foi nese día cando as vítimas mortais da segunda vaga da pandemia (agora, 627) superaron as 619 da primeira.

Segundo datos da propia Xunta, 522 desas 1.236 persoas viviran en residencias de persoas anciás ou con discapacidade, o 42% do total. Delas, 216 morreron nos propios centros onde residían sen que sexa posible coñecer con exactitude o total de mortes de cada residencia, aínda que nos últimos meses a Xunta si vén indicando a procedencia das persoas falecidas.

Sanidade suma 370 novos positivos, aínda que polo momento a tendencia dos principais indicadores segue en descenso

A segunda vaga da pandemia segue, deste xeito, traducíndose en falecementos, especialmente de persoas de idade avanzada, mentres os indicadores xerais da COVID en Galicia manteñen as súas liñas descendentes, aínda que cunha intensidade menor que en xornadas previas por mor de -polo momento- lixeiras repuntas nalgunhas áreas sanitarias. Nas vinte e catro horas transcorridas entre as seis da tarde do xoves e a mesma hora do venres, día 4, o Sergas rexistrou 370 novos positivos (337, diagnósticos mediante PCR), 44 máis que na xornada previa. Este incremento non impide, cando menos de momento, que a media semanal de diagnósticos ao día siga a baixar, aínda que polo momento continúe por riba dos 300.

Outro dos indicadores de referencia, a incidencia acumulada (casos novos por cada 100.000 habitantes) a catorce días mantense tamén á baixa para o conxunto de Galicia e, cos datos pechados da última xornada completa dispoñible (a do xoves) xa está a piques de descender do limiar dos 200, o cal non sucedía dende o 22 de outubro. Por áreas sanitarias, dende finais de novembro baixaron dos 200 tanto Santiago-Barbanza (agora por baixo dos 170) como Ourense (112, a máis baixa). Non obstante, as diferenzas son aínda máis relevantes entre comarcas e mesmo concellos. [A Xunta muda as restricións da COVID en sete concellos tras doce horas coas novas medidas en vigor]

Como amosa o mapa baixo estas liñas, os 74 concellos sen ningún caso novo rexistrado do coronavirus nas últimsa dúas semanas contrastan coas contornas de elevadas incidencias que, como áreas de Bergantiños ou A Costa da Morte, seguen superando a media galega. Tamén a superan pequenos concellos cuxos datos están fortemente influídos por brotes en residencias de maiores, caso de Guntín, Beariz, Castrelo de Miño, Vilalba ou Gondomar.

Este impacto dos brotes en residencias de maiores sobre os datos globais prodúcese tamén na cidade de Pontevedra, onde a residencia Soremay suma xa 40 positivos entre os seus residentes e outros 17 entre o seu persoal. Así e todo, tanto Pontevedra como os restantes principais seis concellos urbanos, sinalados frecuentemente dende o Sergas como puntos de especial atención para o control do virus, melloran a súa incidencia acumulada con relación á que rexistraban hai unha semana e xa son catro as cidades por baixo de 200.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.