Galicia segue a detectar 300 positivos diarios de Covid-19 ás portas dun Nadal que pode disparar os contaxios

Toma de mostras para a realización de probas PCR no COVID Auto do hospital Gil Casares de Santiago CC-BY-SA Sergas

Avanza o mes de decembro e os indicadores da pandemia de coronavirus continúan a mellorar en Galicia, aínda que moi de vagar. Este domingo o SERGAS notificou 373 novos positivos detectados por proba PCR nas últimas 24 horas. A cifra, semellante á das semanas anteriores, mantén a media diaria de novos casos na última semana ao redor dos 300. De igual xeito, a incidencia acumulada nos últimos 14 días en Galicia descende un chisco e sitúase nos 152 casos por cada 100.000 habitantes. Finalmente, a incidencia acumulada nos últimos 7 días (un indicador temperán de cambios de tendencia) tamén diminúe moi lixeiramente, ata ficar nos 84 casos.

Este domingo o SERGAS notificou 373 novos positivos, o que mantén a media diaria de novos casos na última semana ao redor dos 300. A incidencia acumulada nos últimos 14 días descende un chisco e sitúase nos 152 casos por cada 100.000 habitantes

Son datos positivos que confiman unha tendencia de descenso que se iniciou nos primeiros días do mes de novembro. Porén, chegan nun momento no que Galicia iniciou un proceso de desescalada das medidas de preveción introducidas hai mes e medio. Os efectos (se os houber) deste relaxamento das restricións poden comezar a verse estes días. E, sobre todo, os datos deben analizarse á luz do reto que constitúen as celebracións de Nadal, festas e encontros familiares e de amizades, situacións de risco que poden contribuír a propagar a enfermidade e a empeorar as cifras de contaxios, hospitalizacións e mortes.

Esta nova escalada nos peores efectos da enfermidade será moito menor na medida en que parta de niveis baixos de infeccións e circulación do virus e será máis alta canto peores sexan os datos no comezo do Nadal. Será importante, tamén, a redución do número de camas ocupadas nos hospitais galegos, que tamén mantén unha tendencia favorable nas súas cifras totais. Porén, nas UCI segue a haber medio cento de persoas enfermas coa COVID-19, unha cifra que non descende dende hai varios días. 

Segue a aumentar a lista de mortes. Tres novos falecementos elevan a lista total a 1.306 dende o pasado mes de marzo. Nesta reportaxe pódese consultar unha análise da mortalidade provocada pola Covid-19 en Galicia.

A taxa de positividade segue a amosar datos favorables, manténdose claramente por debaixo do 5% na última semana, especialmente nas áreas sanitarias de Vigo, A Coruña e Lugo

Mentres que o número de novos positivos descende moi de vagar, a taxa de positividade (a porcentaxe de probas PCR cun resultado positivo) segue a amosar datos favorables, manténdose claramente por debaixo do 5% na última semana. Esta porcentaxe en parte é resultado dos cribados masivos que se están a realizar en varias localidades para axudar a conter a propagación do virus e que se deixa ver no número total de PCR realizadas en Galicia, que volveu medrar esta semana. A taxa media dos últimos sete días sitúase este domingo no 4,33%, unha porcentaxe semellante á de onte, pero moi debaixo do 8% que aínda se rexistraba hai 20 días. 

Por áreas sanitarias, Vigo, A Coruña e Lugo manteñen unha clara tendencia á baixa e sitúanse claramente por debaixo do 5%. Santiago rolda esa porcentaxe (que a OMS fixa como fronteira entre unha situación controlada e a circulación perigosa do virus), pero non leva 15 días nun lento ascenso. Pontevedra e Ourense están experimentando un crecemento nos últimos días que as sitúa por riba do 6% e do 5% respectivamente. Ferrol rolda tamén ese 6%, pero neste caso leva varias xornadas mellorando o seu indicador.

A media diaria de PCR sitúase nos 6.947, a máis elevada dende o 22 de novembro

Este sábado leváronse a cabo un total de 7.895 probas PCR, mantendo unha tendencia ascendente. A media de test diarios realizados na última semana sitúase nos 6.947, a máis elevada dende o 22 de novembro e que supón case 1.300 probas diarias máis que o pasado domingo.

A situación mellora no conxunto de Galicia e, de feito, hai 98 concellos que non rexistraron ningún caso de Covid-19 nos últimos 14 días. Hai, con todo, un grupo de localidades que presentan unhas elevadas incidencias acumuladas, encabezadas por Sarreaus, que rolda os 4.000 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. A incidencia acumulada en Castrelo de Miño e Rodeiro tamén supera os 1.000 casos.

A situación máis preocupante segue a corresponder a As Pontes e Boiro, que comparten unha incidencia acumulada de 1.104 por cada 100.000 habitantes

Entre os concellos de máis de 10.000 habitantes, a situación máis preocupante segue a corresponder a As Pontes e Boiro, que comparten unha incidencia acumulada de 1.104 por cada 100.000 habitantes. 

As comarcas da Costa da Morte, A Barcala e Bergantiños seguen a mellorar aos poucos, pero nestas zonas un gran número de localidades presentan incidencias superiores aos 300 casos, duplicando a media galega. A mala situación que presentan As Pontes, Vilalba, Rodeiro ou O Grove esténdese tamén por varios dos seus concellos veciños, que empeoran os seus datos nos últimos días.

Dende o relaxamento das restricións en Ourense e Santiago comezou a incrementarse o seu número de contaxios

En canto ás sete cidades, Pontevedra (212) segue a ser a que presenta peores datos de incidencia, seguida de Vigo (185) e Ferrol (174). Lugo ten unha IA de 139, por riba de Ourense (124), que leva días empeorando a súa situación. A Coruña descende ata os 117 casos por cada 100.000 habitantes, e achégase ao nivel de Santiago (109), con tendencia ascendente dende o relaxamento das restricións.

Nos hospitais hai unha clara mellora dende o domingo da semana pasada, baixando de 64 a 52 o número de camas ocupadas nas UCI e de 342 a 297 o número de camas ocupadas no resto de unidades

A situación nos hospitais galegos mantense estabilizada este domingo, con pequenos cambios dende os datos do sábado, a pesar de que habitualmente o número de camas ocupadas tende a medrar na fin de semana. En todo caso, hai unha clara mellora dende o domingo da semana pasada, baixando de 64 a 52 o número de camas ocupadas nas UCI e de 342 a 297 o número de camas ocupadas no resto de unidades hospitalarias. 

A mellora é moi clara na Coruña, pero tamén en Vigo, Ferrol, Ourense e Pontevedra. En Lugo hai un aumento das camas ocupadas nas UCI. E a área de Santiago-Barbanza é a excepción, cun grande incremento da ocupación hospitalaria nos últimos sete días.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.