Galicia segue a reducir de vagar o número de contaxios da Covid, con Boiro e As Pontes como principais focos

Unha enfermeira manexa materiais para a realización de PCR a veciñanza de Boiro, no hospital da Barbanza CC-BY-SA Sergas

A situación epidemiolóxica de Galicia segue a mellorar, aos poucos. Este venres detectáronse 301 novos positivos a través de probas PCR, unha cifra semellante á das últimas xornadas, que fai que a incidencia acumulada en 14 días (número de diagnósticos de coronavirus por cada 100.000 habitantes) descenda ata os 153 casos, por debaixo da media española, que este venres se situou en 189 casos.

A incidencia acumulada en 14 días segue a descender aos poucos, aínda que na última semana esta tendencia favorable amosa un estancamento

Con todo, a incidencia acumulada nos últimos 7 días en Galicia experimentou este sábado un lixeiro incremento e mantense dende o pasado domingo no mesmo nivel, entre os 85 e os 90 casos por cada 100.000 habitantes. Un estancamento que podería indicar o remate da recuperación experimentada no último mes e medio.

Este lixeiro incremento podería ser resultado, iso si, do aumento na última semana no número de probas realizadas (en parte ligado á realización de cribados masivos en varias localidades). O aumento no número de PCR coincide, ademais, cunha diminución na taxa de positividade (a porcentaxe destes tests que tiveron un resultado positivo), e que se sitúa xa claramente por debaixo do 5%, un bo indicador que amosa que o virus circula menos en Galicia do que o facía hai unhas semanas.

A incidencia descende na maior parte do país, comezando polas sete cidades, entre as que Vigo e Pontevedra seguen a presentar os valores máis elevados de casos activos. Porén, importantes vilas como Boiro e As Pontes presentan incidencias a 14 días por riba dos mil casos. E tamén concellos da área metropolitana de Vigo, como Gondomar e Redondela, roldan os 400 casos.

Polo demais, continúa a medrar a lista de defuncións ligadas a esta enfermidade, con 10 mortes máis. Pola contra, o número de camas ocupadas nos hospitais galegos por pacientes de Covid-19 segue a descender, aínda que nos últimos días o número de persoas nas UCI mantense estable e mesmo experimenta un lixeiro ascenso.

Os 10 novos falecementos elevan a 1.303 a cifra total dende o inicio da pandemia

Os 10 novos falecementos elevan a 1.303 a cifra total dende o inicio da pandemia. Ourense segue a ser a área sanitaria con máis defuncións (301), aínda que só engadiu 11 nos últimos 15 días. A Coruña (296) e Vigo (243), moito máis poboadas, aparecen a continuación.

Nas residencias de maiores e centros de atención á discapacidade hai un total de 437 casos activos de Covid-19 (267 entre os e as usuarias e 170 entre o persoal). Son 70 casos menos que este xoves

A Residencia Vila do Conde (Gondomar), a Residencia Soremay (Pontevedra) e a Residencia Asilo Vilalba son os tres centros que acumulan un maior número de casos activos.

A taxa de positividade continúa en descenso, situándose a media dos últimos sete días no 4,3%, o seu nivel máis baixo dende o 8 de outubro

A taxa de positividade continúa en descenso, situándose a media dos últimos sete días no 4,3%, o seu nivel máis baixo dende o 8 de outubro. Galicia leva días por debaixo do 5%, o valor establecido pola OMS como límite entre o control da enfermidade e a súa propagación sen control.

O descenso prodúcese en todas as áreas sanitarias, aínda que os datos de Santiago (probablemento polo empeoramento da situación no Barbanza) levan díass estancados. Con todo, Santiago mantense por debaixo dese 5%, ao igual que A Coruña, Vigo, Lugo e Ourense. Pontevedra está no 5,82% e Ferrol no 7,5%, aínda que esta área amosa unha tendencia descendente.

Nesta semana produciuse un incremento do número de probas PCR realizadas en Galicia. A media diaria foi de 6.776, case mil máis que hai sete días

Nesta semana produciuse un incremento do número de probas PCR realizadas en Galicia. Este venres foron 7.653, o que eleva a media da última semana a 6.776, case mil tests diarios máis que a pasada fin de semana. Este aumento coincidiu coa realización de importantes cribados en varias localidades que presentaban un empeoramento da súa situación epidemiolóxica.

A situación tende a mellorar en todo o país. De feito, un total de 97 concellos non rexistraron ningún novo positivo de Covid-19 nos últimos 14 días. Melloran tamén aos poucos algunhas zonas que ata hai unhas semanas representaban focos de preocupación, coma a Costa da Morte, Bergantiños e boa parte do Salnés ou a comarca de Vigo. 

Preocupa a situación en vilas como As Pontes ou Boiro, con incidencias superiores aos mil casos. As Pontes, iso si, rexistrou este sábado o seu primeiro descenso en varias semanas. Gondomar, Redondela, O Grove, Sanxenxo, Baiona ou Santa Comba presentan tamén datos elevados

Nestes momentos Sarreaus segue a ser o concello cunha maior incidencia acumulada, próxima aos 4.000 casos por cada 100.000 habitantes, froito dos 46 casos detectados nesta localidade. Porén, a Xunta destaca que a situación está controlada e, de feito, realizouse un cribado á práctica totalidade da poboación, localizando xa todos os casos existentes. Castrelo de Miño supera tamén os 1000 casos por cada 100.000 habitantes e Rodeiro achégase a esa cifra.

Porén, preocupa moito máis a situación en vilas de maior tamaño, como As Pontes ou Boiro, tamén con incidencias superiores aos mil casos. As Pontes, iso si, rexistrou este sábado o seu primeiro descenso en varias semanas. No resto de localidades de máis de 10.000 habitantes, Gondomar e Redondela, nos arredores de Vigo, presentan tamén incidencias elevadas, o mesmo de O Grove, Sanxenxo, Baiona ou Santa Comba.

Nas cidades, Pontevedra (206) e Vigo (180) seguen a presentar as maiores incidencias acumuladas

No que atinxe ás cidades, Pontevedra (206) e Vigo (180) seguen a presentar as maiores incidencias acumuladas, seguidas de Ferrol (168) e Lugo (147). A Coruña é a urbe con peche perimetral con mellores datos (120 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días), próximos aos de Ourense (110) e Santiago (98).

A situación hospitalaria mantén unha tendencia de mellora, pero cun estancamento no descenso do número de camas ocupadas nas UCI

Finalmente, a situación hospitalaria mantén unha tendencia de mellora, cun descenso no número de camas ocupadas, que pasan de 360 a 352 no último día, reducíndose a cifra dende as 398 de hai sete días. Iso si, nas UCI o número de camas ocupadas (54) mantén dende o pasado luns (50) un estancamento, mesmo cun pequeno incremento.

Por áreas sanitarias, a mellora na última semana é clara na Coruña e tamén en Vigo e Ourense. Pola contra, a área de Santiago-Barbanza empeorou os seus datos.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.