Galicia prepárase para o inicio da vacinación contra a COVID, que comezará en toda a Unión Europea do 27 ao 29 de nadal

Vacinación da gripe, o pasado outono, no centro de saúde do Ventorrilo, na Coruña CC-BY-SA Sergas

A vacina contra a Covid-19 comezará a administrarse antes de que remate o ano. A Axencia Europea do Medicamento reunirase este luns 21 de diciembre para, previsiblemente, aprobar a vacina de Pfizer, que amosou unha eficacia do 95% nos seus ensaios clínicos, nos que foi probada en 44.000 pacientes. Se a axencia dá o seu visto bo, un par de días despois a Comisión Europea aprobará a autorización condicionada para a súa comercialización, co que xa podería inciarse a súa distribución a cada un dos países da Unión Europea. Finalmente, entre os días 27 e 29 de decembro comezaría a vacinación.

A Axencia Europea do Medicamento reunirase este 21 de diciembre para, previsiblemente, aprobar a vacina de Pfizer. Unha semana despois comezaría a súa administración

Todos os países están a preparar xa os dispositivos para a administración da vacina, que nunha primeira fase se dirixirá a protexer os colectivos máis vulnerables e máis directamente expostos ao virus. Así, este xoves o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, detallou o sistema que Galicia porá en marcha a partir do momento en que reciba as ao redor de 80.000 doses da vacina coas que contará en primeiro lugar.

Alfonso Rueda, na rolda de prensa deste xoves © Xunta

Nunha primeira fase serán vacinados 22.000 usuarios das residencias de maiores, unhas 17.000 traballadoras destes centros sociosanitarios; e uns 3.000 traballadores e traballadoras sanitarias que están en primeira liña

Estas 80.000 doses servirán para protexer a 40.000 persoas, pois é necesaria a administración de dúas doses por persoa. Nunha primeira fase serán vacinados ao redor de 22.000 usuarios e usuarias das residencias de maiores e de atención a grandes dependentes, uns 17.000 traballadores e traballadoras destes centros sociosanitarios; e uns 3.000 traballadores e traballadoras sanitarias que están en primeira liña. 

Nas previsións iniciais calculábase que a vacinación destes tres grupos se realizaría entre os meses de xaneiro e marzo. Finalmente, o inicio da campaña adiántase algo máis dunha semana (oito días), debido ás presións dalgúns países, especialmente Alemaña, para que a Axencia Europea do Medicamento acelerase os seus procesos. En calquera caso, dende as institucións europeas e as autoridades sanitarias sublíñase que o proceso de validación da vacina seguiu todos os pasos de seguridade necesarios e que a vacina é completamente segura.

As doses da vacina asignaranse nominalmente a cada cidadán que a vaia recibir nos puntos de vacinación, ao que serán remitidas desde o punto central por medio dunha "rede segura de transporte monitorizada, con seguimento constante telemático de temperatura e de localización". Na súa intervención, Rueda reclamou o envío a Galicia de máis doses da vacina, ao igual que nos últimos días fixo a Presidenta da Comunidades Autónoma de Madrid, Isabel Ayuso. “Sen dúbida, son menos das que quixéramos e agardamos que inmediatamente nos sexan subministradas desde o Goberno facilite máis doses para seguir coa vacinación de acordo co plan aprobado”, dixo Rueda.

A vacina de Pfizer necesita ser conservada a unha temperatura de 70 graos baixo cero, o que dificulta o seu transporte e almacenamento, polo que é necesaria a adopción de medidas e procesos especiais

Galicia, ao igual que o resto de comunidades autónomas, contará cun operativo loxístico para garantir as condicións adecuadas de almacenamento, transporte, temperatura, trazabilidade e seguridade das vacinas covid. Cómpre lembrar que a vacina de Pfizer necesita ser conservada a unha temperatura de 70 graos baixo cero, o que dificulta o seu transporte e almacenamento, polo que é necesaria a adopción de medidas e procesos especiais. A segunda vacina que chegará a Galicia, previsiblemente, a de Moderna só require dunha temperatura de 20 graos baixo cero para ser conservada, polo que abonda cun conxelador convencional.

Vacinación contra a gripe nunha residencia de maiores CC-BY-SA Xunta

A Xunta anuncia que nos vindeiros días detallará o seu plan de vacinación, pero este xoves Alfonso Rueda xa adiantou que o SERGAS contará cun equipo de 207 profesionais de enfermaría dedicado exclusivamente á vacinación e que baixo a coordinación deste equipo estarán máis de dúas mil profesionais de enfermaría de atención primaria, e preto de 40 efectivos máis dos servizos de enfermería preventiva e unidades de prevención de riscos laborais, que se encargarán da vacinación do persoal de centros hospitalarios.

A creación deste equipo implicará desprazar este persoal de enfermaría dos seus postos habituais para vacinar noutras localizacións como residencias. Os seus postos serán cubertos mediante os denominados contratos de emerxencia Covid, que se inclúen no Plan de continxencia Covid-19. Este plan inclúe a creación dunha nova modalidade de contrato denominada "nomeamento eventual por emerxencia sanitaria", co que a Xunta busca "dar resposta ás flutuacións da demanda asistencial". A súa duración inicial será de seis meses e poderase prorrogar.

Unha vacinación en varias fases, co obxectivo de chegar ao 75% no verán

A partir de marzo iniciarase unha segunda fase, na que a vacina comezará a ser administrada ao resto da poboación

O Goberno central deseñou hai algunhas semanas un plan de vacinación dividido en tres fases. A primeira comezará en dez días e abranguerá os colectivos de risco xa citados, sumando ao redor de 2,5 millóns de persoas en todo o Estado, ao redor de 140.000 en Galicia. A partir de marzo iniciarase unha segunda fase, na que a vacina comezará a ser administrada ao resto da poboación, dividida en 12 grupos, para os que aínda non se estableceu unha orde de preferencia.

  • Poboación xeral maior de 64 anos
  • Persoas que teñen condicións de risco para patoloxías, diferenciando entre baixa e alta
  • Persoas que traballan en comunidades ou contornas pechadas
  • Persoas vulnerables pola súa situación socioeconómica
  • Traballadores/as imprescindibles
  • Persoal docente
  • Poboación infantil
  • Poboación adolescente e nova, a partir dos 16 anos
  • Poboación adulta en xeral
  • Persoas que viven en zonas de alta incidencia ou con gromos específicos
  • Mulleres embarazadas e nais con bebés lactantes
  • As persoas con certa inmunización natural por ser seropositivas no SARS-CoV-2
Salvador Illa, ministro de Sanidade © Goberno de España

A terceira e definitiva etapa comezaría a partir de xuño, co obxectivo de chegar a un 75% da poboación vacinada ao longo do verán, conseguindo nese momento unha "inmunidade de grupo" que limite ao máximo neses momentos a propagación do virus e os seus efectos, como destacou hai uns días o Ministro de Sanidade, Salvador Illa. 

O obxectivo é chegar a un 75% da poboación vacinada ao longo do verán, conseguindo así unha "inmunidade de grupo" que limite ao máximo a propagación do virus e os seus efectos

En calquera caso, hai uns días Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, rebaixou as expectativas sobre o remate inmediato da pandemia a pesar de contarmos xa cunha vacina. Simón aclarou que a vacina comeza a protexer "unha semana despois da administración da segunda dose". E, ademais, lembrou que ata que unha ampla porcentaxe da poboación non estea vacinada, a enfermidade poderá seguir circulando, polo que non poderán ser eliminadas as medidas de prevención.

Vacinas seguras, con algúns efectos secundarios e a dúbida das persoas asintomáticas

A Unión Europea chegou a un acordo para a adquisición conxunta das vacinas creadas por Moderna, AstraZeneca, Sanofi-GSK, Janssen Pharmaceutica NV e CureVac, ademais da de BioNtech-Pfizer

Ademais da vacina de BioNtech-Pfizer, que se comezará a administrar nuns dias, a Unión Europea chegou a un acordo para a adquisición conxunta das creadas por Moderna, AstraZeneca, Sanofi-GSK, Janssen Pharmaceutica NV e CureVac. Ademais, está en conversas para mercar doses da desenvolvida por Novavax, que se producirá en parte nos laboratorios do Grupo Zendal no Porriño.

Estas vacinas son seguras? Son eficaces? As vacinas que sexan aprobadas pola Axencia Europea do Medicamento serán seguras. Este organismo segue sólidos mecanismos de validación que parten dos resultados rexistrados nos ensaios clínicos desenvolvidos nos últimos meses en centos de milleiros de persoas en todo o planeta (44.000 só no caso de Pfizer). Da vacina de Pfizer sabemos tamén que presenta efectos secundarios (ao igual que moitas outras vacinas de todo tipo). Nos ensaios clínicos documentáronse varias reaccións alérxicas leves, con efectos semellantes aos dunha gripe.

Instalacións do Grupo Zendal © Grupo Zendal

A vacina de Pfizer presenta efectos secundarios (ao igual que moitas outras vacinas de todo tipo). Nos ensaios clínicos documentáronse varias reaccións alérxicas leves, con efectos semellantes aos dunha gripe

As maiores dúbidas sobre esta e outras vacinas ábrense en relación á súa eficacia. As vacinas creadas por Pfizer e Moderna acadaron unhas elevadas cifras de "eficacia", superior ao 90%, o que quere dicir que as persoas que a recibiron non desenvolveron os síntomas da Covid-19, polo que as vacinas cumprirían o obxectivo de evitar que as persoas enfermen (de forma leve, grave ou con resultado de morte). Porén, o que aínda non puido ser confirmado é se estas vacinas evitan que unha persoa sexa contaxiada polo coronavirus (de xeito asintomático) e siga transmitindo o virus a outras persoas.

"A vacina segue os protocolos necesarios. O que finalmente se lle vai administrar á xente ten que pasar polas axencias reguladoras, que deben dar o seu visto bo. Se algo se vai administrar en Europa, ten que pasar polas axencias europeas, que merecen o noso crédito", di o profesor Martínez Costas

"A vacina segue os protocolos necesarios. O que finalmente se lle vai administrar á xente ten que pasar polas axencias reguladoras, que deben dar o seu visto bo. Se algo se vai administrar en Europa, ten que pasar polas axencias europeas, que merecen o noso crédito", destacaba hai unhas semanas en conversa con Praza.gal o profesor da USC José Martínez Costas, que no grupo de investigación que dirixe no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) de Compostela.

Martínez Costas subliñaba en todo caso a importancia de seguir investigando para conseguir vacinas aínda mellores (máis eficaces, máis doadas de producir e de conservar...) ou que aseguren unha resposta inmunitaria máis prolongada, outra das incógnitas sobre as vacinas que se están a producir: "Como non houbo tempo aínda para comprobalo, non podemos saber a duración da resposta que van producir. Pode que sexa curtísima, polo que serviría para vacinar de forma inmediata, a curto prazo, pero o ano que vén teríamos perdida a inmunidade totalmente", advertía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.