O Grupo Zendal, con sede no Porriño, será o encargado de producir para a Unión Europea a vacina contra a Covid-19 da compañía estadounidense Novamax. As dúas empresas anunciaron este martes un acordo mediante o cal o antíxeno da vacina será fabricado por Biofabri, división do grupo galego Zendal.
A vacina, que se atopa actualmente na fase 2 do seu proceso de desenvolvemento, iniciará nas "vindeiras semanas" os ensaios clínicos da Fase 3. A vacina que está a desenvolver Novamax é unha das máis prometedoras das que se están a investigar en distinto lugares do planeta, xunto coas realizadas por Moderna, Biontech ou a que impulsan a Universidade de Oxford e Astrazeneca.
A vacina, que se atopa actualmente na fase 2 do seu proceso de desenvolvemento, iniciará nas "vindeiras semanas" os ensaios clínicos da Fase 3
Zendal convértese así na primeira empresa do Estado español que prevé iniciar o proceso de fabricación dunha vacina contra o coronavirus. Nos últimos meses o Grupo Zendal recibiu do Goberno central unha achega económica de case un millón de euros destinada a impulsar as súas investigacións na procura dunha vacina contra o coronavirus. O grupo gañou notoriedade nos últimos anos grazas aos seus traballos para dar cunha vacina para a tuberculose.
Esta experiencia previa serviu como base na súa procura dun tratamento para previr a Covid-19. A principios do mes de xullo recibiu a visita do ministro de Ciencia, Pedro Duque, e conseguiu un acordo co Goberno central para a fabricación das doses para ensaios clínicos das vacinas públicas de España que xa superaron a fase preclínica.
Zendal convértese así na primeira empresa do Estado español que prevé iniciar o proceso de fabricación dunha vacina contra o coronavirus
"Este acordo é a ratificación do noso esforzo permanente pola innovación e a nosa aposta pola excelencia en biotecnoloxía. Desde Zendal queremos tamén destacar o apoio mostrado polo Ministerio de Sanidade e a Axencia Española do Medicamento durante todo este proceso", explica Andrés Fernández, CEO do grupo. "É un importante reto, xa que Zendal se pon á cabeza das compañías biotecnolóxicas ao ser a única española ata o momento en entrar no proceso de fabricación dunha das vacinas nas que se traballa para previr o Sars-Cov-2", engade Fernández.
O Grupo Zendal abrangue nestes momentos a seis empresas dedicadas á investigación, desenvolvemento, fabricación e comercialización de produtos relacionados coa saúde, tanto animal como humana: CZ Vaccines, Biofabri, Vetia, Petia Animal Health, Zinereo Pharma e Probisearch. Hai unhas semanas o xornal Cinco Días dedicoulle esta reportaxe ao crecemento experimentado pola pequena empresa con sede no Porriño. [80 anos de Zeltia, a empresa xurdida dun matadoiro e científicos represaliados da que naceu a biotecnoloxía galega]