Isabel Zendal, a enfermeira galega á que lle debemos a difusión da vacina que erradicou a varíola

O filme '22 ángeles' recrea o transporte da vacina © Sunrise Picture

Nestes días nos que día a día se está a lembrar a importancia do traballo que desenvolve o persoal sanitario e no que o mundo devece por unha vacina contra o coronavirus é un bo momento para lembrar a figura de Isabel Zendal Gómez, nacida en Ordes en 1773 e que en 1803 participou na Real Expedición Filantrópica da Vacina que transportou a vacina da varíola a todas as colonias españolas en América e Asia, levando alí 22 nenos abandonados dende A Coruña aos que previamente se lles inoculara o remedio.

A participación de Isabel Zendal decote ficaba esquecido ou era deixado nun papel secundario

Nas mencións históricas a esta iniciativa adóitase falar tamén de Expedición Balmis-Salvany, en homenaxe aos dous médicos que a comandaron, pero a participación de Isabel Zendal decote ficaba esquecido ou era deixado nun papel secundario, a pesar de que a ela lle correspondeu o fundamental papel de coidar dos nenos que, de forma progresiva, ían sendo contaxiados coa vacina para mantela así con vida durante a viaxe. De feito, en 1950 a Organización Mundial da Saúde recoñeceu a Isabel Zendal como a primeira enfermeira da historia en misión internacional. E en México, onde faleceu, o Premio Nacional de Enfermaría leva o seu nome.

En 1950 a Organización Mundial da Saúde recoñeceu a Isabel Zendal como a primeira enfermeira da historia en misión internacional

A varíola preocupaba sobremaneira no século XVIII, pois a enfermidade -moi contaxiosa- provocaba unha gran mortalidade (un 30% dos casos), sobre todo entre os nenos pequenos. En 1796 o inglés Edward Jenner deu cun remedio, descubrindo que se inoculaba nun neno un exsudado obtido das pústulas dunha muller infectada polo virus das vexigas dunha vaca (menos daniña), o neno enfermaba levemente, pero pasaba a ser inmune á varíola. 

Nacera a primeira vacina e o Reino de España quixo levala aos seus territorios de ultramar. O médico da corte, Francisco Xavier Balmis, púxose á fronte da misión, para a que necesitaba un grupo de nenos sans de curta idade (tiñan entre 3 e 9 anos) aos que inocular a vacina e transportala así ata América, sen que esta perdese o seu poder profiláctico. Necesitaba ademais, polo tanto, unha persoa que coidase dos nenos, que durante a viaxe ían ir enfermando de forma sucesiva, cada 9 ou 10 días, pasando a vacina uns aos outros.

O 30 de novembro de 1803 partiu do porto da Coruña o barco María Pita, levando a 21 dos 22 nenos escollidos

A escollida foi Isabel Zendal Gómez, unha muller nacida no lugar de Agrela, na parroquia de Parada (Ordes), no seo dunha familia pobre, que con 13 anos marchou á Coruña a servir e que con 20 comezou a traballar no desaparecido Hospital da Caridade da cidade, onde era a encargada de coidar os nenos orfos e expósitos, converténdose en reitora da institución.

O 30 de novembro de 1803 partiu do porto da Coruña o barco María Pita, levando a 21 dos 22 nenos escollidos (un faleceu días antes e non puido ser substituído). Canda a eles viaxaba o doutor Balmis, outro médico, José Salvany y Lleopart, dous axudantes cirurxiáns, dous practicantes e tres enfermeiros e unha enfermeira, Isabel Zendal, que levaba ademais o seu fillo, que adoptara anos atrás.

O propio descubridor da vacina da varíola Edward Jenner escribiu en 1806: "Non podo imaxinar que nos anais da Historia se proporcione un exemplo de filantropía máis nobre e máis amplo que este"

Nos tres anos seguintes a expedición fixo escalas na Illas Canarias, en Colombia, Cuba, Perú, México, Filipinas ou China. En moitos lugares, ademais de vacinar a poboación, creáronse comisións de vacinación, onde o doutor Balmis formou persoal especializado para que estendesen a protección entre toda a poboación. A Expedición tivo que dividirse para cubrir máis rapidamente toda o continente americano, pois nalgúns lugares a incidencia da enfermidade era moi grandes neses momentos. 

Salvany morreu cando tentaba levar a vacina a Bos Aires. Mentres, Balmis completou a volta ao mundo, levando a vacina a Filipinas e China, repetindo en México a operación xa realizada na Coruña, inoculando a 25 orfos para que mantivesen viva a vacina ata atravesar o Océano Pacífico. O propio descubridor da vacina da varíola Edward Jenner escribiu en 1806: "Non podo imaxinar que nos anais da Historia se proporcione un exemplo de filantropía máis nobre e máis amplo que este".

Gravado que representa a saída do barco dende A Coruña en 1803 ©

Pouco sabemos realmente sobre Isabel Zendal, como pasa con moitas mulleres na historia. Tanto é así que o seu nome aparece reflectido nas fontes documentais en 35 formas

Isabel Zendal acompañou a Balmis ata Filipinas (o seu fillo foi, de feito, un dos nenos inoculados), pero regresou a México, onde ficou a vivir co seu fillo, falecendo anos máis tarde. Sobre ela escribiu o propio Balmis: "A mísera reitora, que co excesivo traballo e rigor dos diferentes climas que percorremos, perdeu completamente a súa saúde, infatigable noite e día, derramou todas as tenruras da máis sensible nai sobre os vinte e seis anxiños que ten ao seu coidado, do mesmo xeito que fixo dende A Coruña e en todas as viaxes e asistiunos enteiramente nas súas continuadas enfermidades".

Con todo, pouco sabemos realmente sobre Isabel Zendal, como pasa con moitas mulleres na historia. Tanto é así que o seu nome aparece reflectido nas fontes documentais en 35 formas (dende Isabel Cendala ata Isabel López Gandalia, que era como se chamaba ata 2017 a rúa que a homenaxea na Coruña, xa corrixida) e que se ignora o momento do seu falecemento. 

A vacinación masiva en todo o planeta fixo que en 1980 a OMS a declarase completamente erradicada, converténdose na primeira e única enfermidade humana erradicada pola acción da ciencia

Só nas últimas décadas comezou a ser de verdade recoñecida, tanto en España como en México ou noutros países, con varios premios que levan o seu nome, como por exemplo o que entrega o Sindicato de Enfermaría de Galicia. De igual xeito, a Expedición Balmis ou Balmis-Salvany, comeza aos poucos a ser coñecida como Expedición Balmis-Zendal, en recoñecemento do labor desenvolvido pola enfermeira galega.

Tamén nos últimos anos foron publicadas varias obras coas que se pode afondar nesta historia, destacando por exemplo a novela Os nenos da varíola, de María Solar (Galaxia), o cómic Novo Mundo. Isabel Zendal na Expedición da Vacina (Editorial Bululú) ou o volume Isabel Zendal Gómez nos Arquivos de Galicia, de Antonio López Mariño, editado polo Parlamento de Galicia. A vacinación masiva en todo o planeta fixo que en 1980 a OMS a declarase completamente erradicada, converténdose na primeira e única enfermidade humana erradicada pola acción da ciencia.

O Barón Jean Louis Alibert practicando a vacinación contra a varíola no Castelo de Liancourt (Constant-Joseph Desbordes, 1820) Dominio Público
Monumento na Coruña en homenaxe de Isabel Zendal e dos demais participantes na expedición CC-BY-SA Caronium

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.