Ao longo da historia foron moitas as epidemias sufridas por Galicia. Con todo, algunhas tiveron unha incidencia maior e unha maior mortalidade e nalgúns casos chegaron a ter importantes efectos políticos e sociais. A máis importante foi a peste negra, que nos século XIV e XV matou a 25 millóns de persoas en toda Europa, cando menos un terzo da poboación total (aínda que outras estimacións elevan as cifras ata os 50 millóns).
A peste negra entrou en Galicia en 1348, posiblemente polo Camiño de Santiago, pero tamén a través de portos coma o de Baiona
Detectouse no continente por vez primeira no continente en 1347 e estendeuse con gran rapidez, tendo en conta o momento histórico e a velocidade das comunicacións. En dous ou tres anos xa cubría practicamente toda Europa, e pénsase que a Galicia chegou a mediados de 1348, a través do Camiño de Santiago, rexistrándose tamén casos en portos coma o de Baiona a finais dese mesmo ano, pois a infección tamén se estendía polas rutas marítimas.
A peste negra provocou importantes efectos sociais, debido en primeiro lugar á importante redución da poboación en todo o continente. A enfermidade supuxo tamén o golpe de graza ás sociedades feudais e acelerou a chegada dos cambios que marcaron o Renacemento, cunha maior mobilidade social e un maior desenvolvemento técnico e científico (en parte para suplir a perda da man de obra barata que se producira).
Á peste de mediados do século XIV seguiron moitas outras nos séculos seguintes
Con todo, á peste negra de mediados do século XIV seguiron moitas outras nos séculos seguintes, practicamente unha por xeración, aínda que foron máis localizadas e ningunha tivo os efectos e a mortalidade daquela primeira epidemia.
Moi lembrada é a peste que asolou á cidade de Compostela en 1517 e que durou ao redor de oito meses. Ou a de 1566, que matou milleiros de persoas en toda Galicia
Moi lembrada é a peste que asolou á cidade de Compostela en 1517 e que durou ao redor de oito meses. As autoridades municipais e o Cabildo acordaron invocar a San Roque (que tiña sona de ser moi efectivo contra a peste) e construírlle unha capela fóra das murallas. A enfermidade foi superada, pero a cidade non mantivo o seu voto de agradecemento. En 1566 unha nova epidemia de peste fixo que as autoridades lembrase a súa promesa, completando a construción da actual capela de San Roque cun hospital que debía servir para atender doentes con enfermidades infecciosas.
Esa epidemia de peste de finais do século XVI afectou tamén en gran medida a Vigo, Pontevedra e A Coruña, provocando a morte de máis de 10.000 persoas. A peste regresou con forza ao noso país en 1676, nomeadamente en Ourense. E unha nova epidemia de peste tivo unha grande incidencia en Galicia no primeiro terzo do século XVIII.
Aínda en 1899 un brote de peste chegou a Portugal, matando 23 persoas na cidade do Porto e obrigando a pechar as fronteiras
Un dos últimos abrochos chegou aínda a finais do século XIX, un momento en que a información xa circulaba con certa rapidez duns a outros continentes. Así, en Galicia tíñase coñecemento dende 1894 dun brote de peste en Cantón, Hong Kong e Bombai. En 1897 reuniuse en Venecia unha Conferencia Sanitaria Internacional e en España a Sociedade Española de Hixiene, nun momento en que a peste bubónica xa chegara a Istambul.
En 1899 a prensa galega alerta xa de que se rexistraran casos en Portugal, recomendándose mellorar a hixiene nas cidades galegas, garantindo que as latrinas teñan illamento e desaugue, debendo adquirir os concellos máis estufas de desinfección e soro antipestoso, construíndo barracóns. Ademais, fóra pechada a fronteira entre Galicia e Portugal. No verán chegan as noticias de que a epidemia remitira xa no país luso; en total producíranse na cidade do Porto 54 casos de peste e 23 falecementos.
O cólera
A epidemia de cólera de 1833 matou 300.000 persoas en España, entrando a través de Vigo
Houbo máis epidemias, ademais das da peste. Especialmente duras foron as da varíola ata a descuberta da vacina nos últimos ano do século XVIII, estendida por todo o planeta grazas a campañas coma a da Expedición Balmis-Zendal. E tamén as de cólera, unha enfermidade das que houbo sucesivas pandemias internacionais ao longo do XIX, provocando ao redor dun millón de mortes en España durante ese século, e 300.000 tan só na que se produciu ao redor do ano 1833, un brote que comezou en Vigo e que despois se estendeu a todo o Estado. Pénsase que os soldados que viñan de loitar na Guerra de Sucesión portuguesa contribuíron a propagar a doenza.
Foi este o que afectou en maior medida a Galicia, aínda que tamén a epidemia de 1854 tivo unha grande incidencia na Coruña, onde acabou coa vida de entre o 5% e o 10% da poboación. De igual xeito, a comarca do Barbanza viuse moi danada pola da 1894.
En 1838 a Illa de San Simón foi convertida en lazareto. Nas décadas seguintes permitiu que os tripulantes dos barcos que chegaban a Vigo pasasen alí as corentenas, o que axudou ao crecemento do porto vigués
O cólera entraba principalmente a través dos portos, polo que cando a enfermidade era detectada nalgún territorio próximo, decidíase de inmediato o peche da circulación de persoas e bens dende eses lugares. Isto fixo que moitos portos habilitasen espazos para que os barcos e os seus tripulantes pasasen as obrigadas corentenas, que buscaban evitar o ingreso desta de doutras enfermidades. Así sucedeu en 1838 en Vigo coa Illa de San Simón, convertida en lazareto. Isto foi fundamental para a expansión do porto de Vigo nas décadas seguintes e o establecemento das empresas conserveiras catalás.
En 1884 Robert Koch descubriu a orixe da doenza, en forma de bacilo, o que axudou a combatela, o mesmo que a mellora das condicións hixiénicas nas cidades. Porén, seguiu habendo brotes, mesmo ata hai unhas poucas décadas.
A gripe 'española'
A gripe 'española' non apareceu nin foi máis mortífera en España, pero foi o primeiro lugar no que os medios informaron dos seus efectos
Unha das grandes epidemias do século XX foi a da chamada 'gripe española' de 1918, unha pandemia que matou nun só ano ao redor de 50 millóns de persoas en todo o planeta, e que foi coñecida con ese nome, a pesar de non ter comezado en España, nin ser aquí máis mortífera que noutros lugares. A orixe do virus estivo nos Estados Unidos, dende onde se trasladou a Europa, que libraba a Primeira Guerra Mundial. Foron de feito os soldados norteamericanos destinados ao continente as principais vías de entrada da gripe.
As potencias en conflito censuraban as informacións sobre os efectos da doenza nos seus países, de xeito que só cando a enfermidade chegou a España se difundiron os seus efectos sobre a poboación, con centos de miles de persoas infectadas. A segunda vaga da gripe, unha vez que o virus mutou, foi a máis mortífera, acabando coa vida de 200.000 persoas no Estado Español, o 1% da poboación.
En Galicia a onda máis dura foi a do outono de 1918. Na cidade da Coruña morreron unhas 600 persoas nunhas poucas semanas
En Galicia afectou en primeiro lugar a Ourense e A Coruña, xa na primavera de 1918, sendo máis dura a onda chegada no outono, uns meses despois. E en Lugo afectou máis a do inverno. Só na cidade da Coruña chegaron a rexistrarse 38 mortes nun só día (o 15 de outubro), con varias semanas nas que a media diaria de defuncións superaba as 20. En total, fálase de ao redor de 600 falecementos nunha cidade que naquel momento non chegaba a 60.000 habitantes.
Unha vez que se ían coñecendo os seus efectos, as autoridades decidían o peche de escolas e a suspensión de bailes e concertos, instando ademais á desinfección continuada de todos os comercios, espazos públicos e vivendas. Establecéronse controis nos transportes (trens e nos primeiros autobuses) e pecháronse completamente as fronteiras internacionais.
O avance das investigacións científicas, das medidas hixiénicas e a aparición de vacinas limitaron moito as epidemias, que dende hai décadas son moito menos frecuentes do que foron. Aínda que, como estamos a ver estes días, non as poden evitar por completo, pero si limitar moito os seus efectos.