"Hai unha cousas que temos que ter claro: As mulleres coruñesas traballamos sempre, traballamos todas e traballamos sempre dentro e fóra da casa". Deste xeito comezou o roteiro Traficando con peixe e cigarros: mulleres, traballos e saberes da cidade, unha das actividades programadas este 8 de marzo na Coruña para conmemorar o Día da Muller, declarado festivo local. Un roteiro que contou cunha participación masiva, que superou as 150 persoas nas súas primeiras etapas.
"Hai que desmontar o mito de que as mulleres non temos historia. Sempre estivemos aí, sempre traballamos, o noso papel sempre foi fundamental"
O percorrido buscaba homenaxear a algúns dos moitos colectivos de mulleres que co seu traballo mudaron a realidade coruñesa ao longo da historia: cigarreiras, lavandeiras, mestras, parteiras, matronas, farmacéuticas, comerciantes, mulleres de servizo, redeiras ou pescantinas. "Hai que desmontar o mito de que as mulleres non temos historia. As mulleres non aparecemos nin a título individual nin como colectivo, pero sempre estivemos aí, sempre traballamos, o noso papel sempre foi fundamental", díxose. Como a propia Elvira Bao, María Barbeito e outras mestras, "mulleres que trafegaban co saber, mulleres que recollían os saberes e os poñían a disposición das demais persoas, mulleres que axudar a alfabetizar e a escolarizar aos galegos e galegas, mulleres que cambiaron o mundo e que entenderon que a sua profesión servía para facer o mundo mellor para todas e todos".
Ou as mulleres que conservaron e fixeron medrar a vida: farmacéuticas e boticarias, parteiras, matronas, enfermeiras..., persoas que estaban en contacto directo con outras mulleres, que coidaban da súa saúde e que dende sempre as aconsellaron sobre os mellores e máis seguros métodos anticonceptivos. Enfermeiras como Isabel Zendal, que participou na expedición que en 1803 levou a vacina da varíola a ultramar.
Ou as comerciantes e outras proveedoras de alimentos e mercadorías, donas dos seus negocios en moitas ocasións, como se destacou polas rúas da Gaiteira. Ou Irene González, pioneira na práctica do fútbol en Galicia e en todo o mundo, que nos anos 20 compartía equipo cos homes e que cos seu equipo (o Irene F.C.) facía exhibicións por toda a comunidade. "Un exemplo de decisión e de que non hai espazos vedados ás mulleres", salientouse.
"As lavandeiras eran mulleres libres, que pasaban todo o día fóra da casa, fora do control dos seus maridos e dos seus pais, fora do control dos homes"
Ou as lavandeiras no desaparecido río Monelos, que "se encargaban de bañar de auga a cidade para manter limpos a todos e todas". "Eran mulleres libres, que pasaban todo o día fóra da casa, fora do control dos seus maridos e dos seus pais, fora do control dos homes", destacouse no roteiro. Ao contrario, seguramente, que as mulleres de servizo, "unha das principais ocupacións obreiras nos séculos XVIII, XIX e comezos do XX. Un numeroso exército de traballadoras, pero isolado e separado, con dificultade de organización. Mulleres migrantes, procedentes sobre todo do rural, que chegaban moi noviñas ás casas e quedaban na mesma familia ás veces durante toda a súa vida". Unhas mulleres "que sufrían unha gran vulnerabilidade, moitas veces violadas e abusadas polos homes da súa contorna. Se o denunciaban, eran expulsadas, non tiñan posibilidade de traballar noutras casas. E, ás veces, a súa única opción pasaba a ser a prostitución", díxose.
As cigarreiras, que chegaron a ser máis de 4.000 nalgún momento na fábrica, son "responsables de facer unha A Coruña mais digna e máis solidaria"
Ou as redeiras e pescantinas, mulleres arroutadas e fortes, que moitas veces levaban o peixe en tren para vendelo en Lugo e noutros lugares, para regresar no mesmo día á Coruña e localidade veciñas. Ou, por suposto, as obreiras da Fábrica de Tabaco, onde chegaron a coincidir ao mesmo tempo unhas 4.000 cigarreiras (nun momento no que A Coruña tiña 25.000 habitantes). Mulleres "responsables de facer unha A Coruña mais digna e máis solidaria" que chegaban todos os días coas súas saias longas dende distintos puntos da comarca. Mulleres que mesmo protagonizaron decididas folgas e mesmo accións puramente ludistas, coma a destrución das novas máquinas que en 1857 ameazaban con eliminar moitos postos de traballo e empeorar as súas condicións laborais.
Inauguración das prazas Oito de Marzo e Elvira Bao Maceiras
Xusto antes do inicio do roteiro viñan de inaugurarse as prazas Oito de Marzo e Elvira Bao Maceiras, ambas as dúas na zona da Cubela, nun acto no que o alcalde Xulio Ferreiro e a concelleira de Igualdade Rocío Fraga e outros e outras integrantes do Goberno municipal estiveron acompañadas por Elvira Varela e Arturo Kress, filla e neto de Elvira Bao, militante das Irmandades da Fala da Coruña e da Agrupación Republicana Femenina que despois de 1936 foi enviada ao cárcere e foi separada definitivamente do ensino público. “Este Goberno non tivo dúbida que o 8 de marzo, debía ser unha festa con maiúsculas, para celebrar que esta cidade chegou a ter a importancia e a grandeza que posúe pola labor de moitas mulleres ao longo da súa historia”, dixo Ferreiro, que salientou que "hoxe é día de festa para recordar as mestras da cidade, como a propia Elvira Bao ou María Barbeito; e as lavandeiras, as pescantinas, as redeiras, as traballadoras do muro, as cigarreiras e as históricas sindicalistas. A todas as nosas veciñas”.
“A Coruña ten unha débeda pendente coas mulleres que axudaron a creala tal e como é”
“A Coruña ten unha débeda pendente coas mulleres que axudaron a creala tal e como é”, recoñeceu o rexedor, que sinalou que "Queremos homenaxear con este acto a todas as mulleres que, como Elvira Bao, loitaron. E loitan. A todas as mulleres que deron e dan corda ao reloxo que move a nosa sociedade”. Rocío Fraga leu, ademais, o manifesto institucional do 8 de marzo que, baixo o lema Mulleres que transforman realidades, destaca o impulso do Pacto Social por unha Cidade libre de Violencias Machistas e no que o Concello da Coruña se compromete "a practicar tolerancia cero ante calquera violación dos dereitos das mulleres como parte da historia incompleta dos dereitos humanos".