"Unha correcta información pode evitar moitos dos abusos das mutuas"

Mulleres labregas traballando na horta © SLG

As xornadas Labregas por un trato digno na enfermidade e na vellez, que o SLG organiza esta fin de semana en Mondoñedo dedican unha parte importante da súa programación a analizar a problemática das baixas laborais e as doenzas profesionais para as mulleres labregas. A avogada Teresa Burgo tratará este tema nunha mesa redonda que compartirá con Beatriz Figueroa (avogada, xornalista e activista polos dereitos d@s enferm@s con cancro) e Victoria Portas (especialista en Seguridade Social, activista feminista e portavoz do Movemento Galego en Defensa das Pensións, Modepen), con quen onte falamos en Praza. Ademais, varias mulleres labregas contarán a súa situación ante casos de incapacidade laboral.

A saúde e o benestar das traballadoras, durante a súa vida laboral e no momento da súa xubilación centrarán pois os contidos das xornadas. Unha escolla que segundo as responsables do sindicato responde ao feito de que "é moi habitual que haxa problemas á hora de que a unha labrega se lle recoñeza unha incapacidade laboral". "Sucede que ao contrario doutras profesións, en agricultura e gandería non están recoñecidas as enfermidades propias. Por iso, decotío, cando reclamamos algún tipo de incapacidade se nos di que podemos seguir desempeñando o noso traballo”, sinalou María Ferreiro Santos -responsable da Secretaría das Mulleres- na presentación das xornadas. Pola súa banda, Isabel Vilalba -secretaria xeral do SLG- denunciou o “total desprezo pola actividade profesional das mulleres agricultoras, dende o ámbito sanitario ao xudicial. Semella que para exercer de labrega non precisas ter competencias nin gozar de boa saúde”. Falamos con Teresa Burgo sobre estas cuestións.

"As mutuas en ocasións teñen unhas prácticas un pouco abusivas. E, neses casos, a xente non sabe moi ben que debe facer ou como pode evitalo"

Que problemas se producen á hora de solicitar unha baixa laboral?

As mutuas en ocasións teñen unhas prácticas un pouco abusivas. E, neses casos, a xente non sabe moi ben que debe facer ou como pode evitalo. Ti chegas a unha mutua, dicindo que acabas de ter un accidente laboral, ou cunha patoloxía que pode ter a consideración de enfermidade profesional porque ten a súa orixe ou a súa causa no traballo que desenvolves, neste caso como labrega. E sucede que a mutua tenta negar a validez da continxencia profesional e derivarte ao SERGAS. Nas xornadas voulle explicar á xente cales son os trámites que ten que facer para evitar esa actuación da mutua.

"Moitas veces cando nos pasa algo e imos a urxencias ou imos ao médico, o que dicimos alí inflúe de forma totalmente determinante no resultado final destes procesos"

Sucede o mesmo co recoñecemento das enfermidades profesionais?

Si, en ocasións ti tes previamente unha enfermidade ou unha lesión, pero agrávase ou chega ao seu punto máximo cando realizas a túa actividade profesional. Neses casos as mutuas adoitan denegar o carácter de continxencia profesional para evitar os pagamentos.

Que recomendación lles farías ás traballadoras e traballadores?

Moitas veces cando nos pasa algo e imos a urxencias ou imos ao médico, o que dicimos alí inflúe de forma totalmente determinante no resultado final destes procesos. Ti imaxina que unha persoa ten un accidente traballando na súa explotación, sofre unha caída ou un golpe e faise dano. Vai a urxencias, porque o primeiro é pensar na saúde, neses momentos non pensas en ir ou non á mutua. O que esa persoa ou os seus familiares lle digan ao médico neses momentos é fundamental, porque se o informe recolle “caída casual” ou o propio persoal sanitario chega a esa conclusión e así o fai constar por escrito, iso marca todo o procedemento e é difícil de corrixir despois. Hai que deixar moi claro que ese accidente tivo lugar durante a actividade laboral e no lugar de traballo.

"Cando chegas a unha mutua e non te atenden, é fundamental facer alí mesmo unha protesta formal, esixindo a folla de reclamacións"

E á hora de reclamarlle á mutua?

Cando ti chegas a unha mutua e non te atenden, cando te envían directamente ao médico do Sergas, ou te tratan mal, neses casos é fundamental facer alí mesmo unha protesta formal, esixindo a folla de reclamacións. É importante facer constar que tal día e a tal hora se estivo alí, no centro de atención asistencial da propia mutua. Moita xente queixámonos de boquilla, non deixamos constancia por escrito e o que non consta por escrito, non existe. Por iso é importante.

Que papel xoga a Administración?

Non atopamos moita axuda por parte da Administración. O INSS adoita darlle moito a razón ás mutuas, é moi conivente con elas cando denegan o pagamento de continxencias profesionais.

"O INSS adoita darlle moito a razón ás mutuas, é moi conivente con elas cando denegan o pagamento de continxencias profesionais"

Adoitan ser moi longos e complexos os procesos de solicitude e reclamación?

O procedemento das baixas médicas, para que se recoñezan como baixas por accidente de traballo, foi modificado recentemente e agora afortunadamente son procesos curtos. Ti fas unha solicitude e en 11 días ten que estar o tema resolto pola vía administrativa, o prazo para poñer a demanda é de 20 días e no xulgado ten tamén carácter de procedemento urxente e a sentenza chega nun mes. Antes si que era un proceso máis longo. Outro caso é o tema das incapacidades, que no caso de ser denegada tes que iniciar un proceso xudicial que xa non ten esa consideración de procedemento urxente e tal como están agora os xulgados pois podes ter o xuízo a dous anos vista. Iso provoca unha grande indefensión, porque ti mentres tes que seguir traballando, esteas como esteas.

"O procedemento das baixas médicas, para que se recoñezan como baixas por accidente de traballo, foi modificado recentemente e agora afortunadamente son procesos curtos. Distinto é o tema das incapacidades"

Hai diferenzas importantes entre homes e mulleres?

Unha cuestión importante é a determinación do risco durante o embarazo e a lactancia. Nestes casos as mutuas tamén son moi remisas a recoñecer estas situacións. Porén, en realidade non hai moita diferenza entre mulleres e homes e tampouco entre traballadoras de réxime xeral ou autónomas. Todas e todos sofren problemáticas semellantes. As diferenzas no agro chegan sobre todo porque normalmente as mulleres cotizan poucos anos ou directamente non cotizan, a pesar de traballar nas explotacións igual que os homes. Iso fai que en moitos casos carezan das necesarias proteccións

"As diferenzas no agro chegan sobre todo porque normalmente as mulleres cotizan poucos anos ou directamente non cotizan. Iso fai que en moitos casos carezan das necesarias proteccións"

Como poden os e as traballadoras estar informadas, coñecer os seus dereitos e evitar os abusos?

Na web da Seguridade Social hai información, o mesmo que nas páxinas dos sindicatos hai apartados relativos á saúde laboral, ás enfermidades profesionais e á prevención de riscos. Despois hai que interpretar esa información, o que non sempre é doado. Os sindicatos ofrecen asesoramento nestes casos e axudan na tramitación das solicitudes e reclamacións. Ademais, teñen unha relación constante coas administracións e fan constar estas problemáticas, con máis ou menos éxito, pero quedan aí reflectidas. Unha correcta información pode evitar moitos dos abusos das mutuas.

 

Cartel do encontro que terá lugar este sábado e domingo en Mondoñedo © SLG
Unha labrega realiza labores agrícolas CC-BY-SA Sindicato Labrego Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.