A firma creada o 3 de agosto de 1939 por empresarios cárnicos e investigadores perseguidos polo franquismo para obter insulina dos páncreas de animais sacrificados derivou nestas oito décadas en todo tipo de proxectos farmacéuticos e químicos
O 3 de agosto de 1939 os irmáns lucenses José e Antonio Fernández López, fillos dun tratante de gando cuxo negocio viñan industrializando, asinaron ante un notario do Porriño a constitución dunha empresa en sociedade con varios científicos que fixaran a súa residencia na contorna de Vigo tras seren represaliados pola ditadura que gañara a guerra catro meses antes. Era Zeltia, pensada para tirar rédito dos residuos dos matadoiros dos Fernández e que nestas oito década derivou en todo tipo de proxectos farmacéuticos e químicos que contribuíron a situar Galicia á cabeza da biotecnoloxía.
Xunto cos Fernández, naquela acta notarial asinaron, entre outros, o doutor galeguista Ramón Obella Vidal, que creara o primeiro laboratorio de microbioloxía de Galicia cando aínda nin se estudaba na universidade; Fernando Calvet, científico catalán de renome que fora apartado da docencia; ou Fidel Isla Couto, que traballaba con Obella Vidal no Instituto Bioquímico Miquel Servet de Vigo, xerme previo de Zeltia. Nos anos seguintes aqueles e outros apelidos que se irían ligando ao devir de Zeltia estarían implicados tamén en todo tipo de proxectos de reconstrución social, cultural e económica da Galicia de posguerra, como a fundación de Galaxia.
Pero o que buscaba Zeltia naqueles inicios era obter insulina dos páncreas dos animais que se sacrificaban nos matadoiros dos Fernández. Co tempo tamén elaboraron extractos hepáticos a partir dos fígados, ou aminoácidos do sangue. E experimentaron coa agricultura para obter medicamentos tamén a partir do cornecho, un fungo do centeo con propiedades vasoconstritoras (e alucinóxenas) co que xa viña traballando o Instituto Miquel Servet.
"Se Franco necesitaba carne, José Fernández precisaba homes, e os que necesitaba estaban no cárcere"
Na biografía de Obella Vidal editada hai dez anos polo Foro Enrique Peinador o seu autor, Ricardo Gurriarán, relata como o científico xa rexistrara dous anos antes, durante a guerra, o nome Zeltia en Portugal. Nese libro cóntase tamén como os investigadores que impulsaron Zeltia no Porriño non eran do gusto do réxime, pero un dos irmáns Fernández, José, “que tiña acceso aos ministros e ao propio Franco, en certa oportunidade chegou a este espetándolle que se o Xefe do Estado necesitaba carne, el precisaba homes, e os homes que el necesitaba estaban no cárcere”.
O lindano empregado para fabricar pesticidas, que despois se descubriría canceríxeno, foi empregado como material de recheo e segue a aparecer medio século despois baixo estradas e leiras do Porriño
Da insulina dos animais e o caruncho do centeo Zeltia pasou a fabricar pesticidas para o agro, rama de negocio que acabaría creando un problema de saúde aínda presente no Porriño, onde o lindano empregado para esa produción, que despois se descubriría canceríxeno, foi utilizado como material de recheo e segue a aparecer agora, medio século despois, baixo estradas e leiras da zona.
Zeltia tamén apostou polos insecticidas domésticos, co ZZ como emblema, un produto obtido a partir do DDT que era preciso diluír con caolín, cuxas mellores vetas identificaría outro destacado galeguista, o químico e xeólogo Isidro Parga Pondal, tamén represaliado polo réxime.
Da insulina e os insecticidas iniciais a empresa foise ramificando e diversificando para producir antibióticos, pinturas e, coa creación de Pharma Mar, fármacos contra o cancro
Despois viría a fabricación de antibióticos, pinturas coa marca Xylazel e, en 1986, do mesmo xeito que a antiga empresa cárnica apostara polo mar cos frigoríficos flotantes de Pescanova (os Fernández novamente da man doutro galeguista, Valentín Paz Andrade), a rama farmacéutica creaba Pharma Mar para pescudar nos océanos tamén remedios contra o cancro. E arredor de todo aquilo, a progresiva creación de estudos universitarios, centros de investigación e novas empresas que fan que Galicia teña un nome na bioquímica e a biomedicina.
A Zeltia orixinal, renomeada Zelnova Zeltia e centrada nos insecticidas (Zeltia SA desaparecería oficialmente por fusión no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil do 26 de febreiro de 2016), acabaría sendo co tempo unha simple división química de Pharma Mar, convertida en matriz do grupo e emigrada a Madrid. Pero o pasado maio outro Fernández, Pedro Fernández Puentes -curmán dos Fernández de Sousa Faro, a xeración que impulsou e afundiu respectivamente Pharma Mar con José María e Pescanova con Manuel- incorporouna ao seu grupo Zendal, xurdido tamén do conglomerado orixinal e especializado en vacinas. E con sede igualmente no Porriño, onde hai agora 80 anos os fillos dun tratante de gando e uns científicos represaliados asinaron ante notario o nacemento da biotecnoloxía en Galicia.