“Foi probablemente o científico galego máis importante do século”. Así define o historiador Ricardo Gurriarán a Isidro Parga Pondal, o xeólogo nacido en Laxe en 1900, expulsado da universidade en 1936 e que mesmo así desenvolveu nas décadas seguintes unha brillante carreira investigadora, converténdose nun referente do seu campo en toda Europa e levando a cabo, ademais, unha notable actividade empresarial a partir da explotación de minerais que localizara no subsolo galego. Hoxe dálles nome a un coñecido programa de contratos de investigación, pero a súa actividade e traxectoria seguen a ser ignoradas pola gran maioría.
Gurriarán presentou este martes en Compostela o libro Galicia ten un referente: Isidro Parga Pondal, editado pola Deputación da Coruña e co impulso do Foro Peinador, que lle dedica ao xeólogo o Día da Galeguidade Empresarial. No acto participou o reitor da UC Juan Viaño e o presidente do Foro Peinador, Xosé González, promotor da iniciativa. González destacou o obxectivo de "recuperar a memoria de todos aqueles que concibiron o progreso económico de Galicia inculturizada na súa historia e tradicións”. Este xoves, ademais, descubrirase un busto de Parga Pondal na Facultade de Química da USC, un acto que ao igual que esta biografía busca incrementar o coñecemento (e o recoñecemento) a unha figura inxustamente ignorada, “porque a historia oficial deixouno de lado”, segundo destacou Gurriarán na presentación.
"Foi o científico galego con máis proxección, dende que era novo. No ano 1929 foi distinguido co premio Alonso Barba, o premio que se lle daba en España ao científico novo con máis futuro. Despois, formouse no estranxeiro", descata Gurriarán, "pero viu truncada a súa carreira profesional polo golpe de Estado de 1936". Aí pesaron o seu pensamento republicano e galeguista, pero tamén as envexas e ciumes de membros da universidade, que forzaron a súa depuración. Pero Parga Pondal repúxose. O seu coñecemento sobre o subsolo de Galicia era moi avanzado, e unha vez que foi expulsado de Compostela, regresou ao seu Laxe natal.
En Laxe "montou unha especie de universidade popular e converteuno en centro de referencia a nivel europeo para todos os estudos relacionados co subsolo. Atraeu alí os mellores investigadores, organizou xornadas de investigación e debate"
"Alí montou unha especie de universidade popular e converteuno en centro de referencia a nivel europeo para todos os estudos relacionados co subsolo. Atraeu alí os mellores investigadores, organizou xornadas de investigación e debate", salienta Gurriarán, que explica tamén que "destacou por integrar mulleres nos seus equipos, cando non era tan habitual" e que "foi o primeiro científico en publicar un artigo en galego no Chemical Abstracts". Gurriarán destaca tamén a súa actividade dentro do Seminario de Estudos Galegos, onde "tivo unha participación moi activa, máis preocupado polo futuro de Galicia que polo pasado, preocupado por construír un país con tecnoloxía e desenvolvemento económico".
A valía de Isidro Parga Pondal como analista químico, unido aos seus coñecementos xeolóxicos, permitiulle traballar xunto a diversos científicos, tanto españois como estranxeiros. A evolución nas súas publicacións fixo que fose contando coa colaboración de diferentes investigadores, cos que profundou en diferentes liñas de investigación: estudos xeoquímicos de rocas e minerais galegos, presenza de elementos raros nos areais de Galicia, investigacións sobre rocas neovolcánicas ou cartografiado xeolóxico.
"Grazas a Franco, Isidro Parga Pondal converteuse nun emblemático empresario. Á universidade non volveu nunca, nin quixo retornar"
"Grazas a Franco, Isidro Parga Pondal converteuse nun emblemático empresario. Á universidade non volveu nunca, nin quixo retornar", di. Da súa traxectoria empresarial poderían salientarse numerosas iniciativas, como a súa participación nunha sociedade dedicada á extracción de calizas para a fabricación de aditivos agrícolas e insecticidas para a empresa agro-farmacéutica Zeltia ou o achado da caliza do Val do Mao (Sarria) que deu en Cementos do Noroeste, S.L., a primeira cementeira galega para producir cemento artificial tipo Port-Land por vía seca. Tamén exportaba Titanio e outros minerais para fabricar pintura en Cataluña.
Parga Pondal formaba parte, ademais, dunha xeración moi vizosa, un grupo de investigadores e científicos que nas primeiras décadas do século XX contribuíron a construír a ciencia galega, nomeadamente dende unha Universidade de Santiago en crecemento, e que completaron a súa formación no estranxeiro, nos centros de investigación máis avanzados de Europa. Tiñan ademais unha visión aberta, universalista e progresista, algo que xogou na súa contra tras o golpe de Estado fascista de 1936, que tronzou esa emerxencia e esa brillante xeración. O propio Gurriarán reflectiu moi ben ese ambiente e esas posibilidades abertas no seu libro Ciencia e conciencia na universidade de Santiago, 1900-1940.
"O pulo republicano deulles a eles folgos para ver que había outras posibilidades, outro futuro para o país. Iso foi fundamental, pero canto durou?"
"Foi un grupo de científicos implicados na construción doutra sociedade, concienciados pola realidade que os rodeaba" -comenta Gurriarán- "O pulo republicano deulles a eles folgos para ver que había outras posibilidades, outro futuro para o país. Iso foi fundamental, pero canto durou?". O historiador pon o exemplo do seu pai, un médico republicano, tamén depurado: "Eu son fillo dun médico moi próximo a Negrín, que tivo que marchar de Madrid, que foi depurado, que tivo que montar un sanatorio privado porque mesmo lle fastidiaron a praza de médico. Non é unha historia singular, é a historia de milleiros de homes e mulleres dunha xeración, que tiveron que armarse de valor non só para levar adiante a súa vida cunha certa dignidade, senón simplemente para poder relacionarse coa xente". "Unha das cousas que fixo o franquismo foi estigmatizar a xente que non era vencedora. Eu aínda lembro de pequeno que a garda civil ía pola miña casa unha vez ao ano. E non sabía por que ían; ían para facer o seu exame anual. Meu pai recibía a correspondencia aberta ata os ano 50 e non lle deron o pasaporte ata eses anos tamén", explica
"A vida foi moitas veces máis dura para os que quedaron aquí que para os que marcharon fóra. Estas persoas que saíron adiante tiñan unha extraordinaria coraxe"
"E a Parga pasaríalle o mesmo" -engade- "e a calquera profesional que nese momento estaba excluído do sistema. Se nunha profesión había dez prazas, oito estaban reservadas a falanxistas, ex combatentes..., e polas outras dúas podían competir os outros, pero sempre que tiveran o visto bo do servizo de vixilancia da Falanxe". "Parga Pondal converteuse nun referente en toda Europa no seu campo porque era un home moi brillante. Pero tivo que vivir no silencio", di Ricardo Gurriarán. "A vida foi moitas veces máis dura para os que quedaron aquí que para os que marcharon fóra. Estas persoas que saíron adiante tiñan unha extraordinaria coraxe", conclúe.